Pequenas alegrías dun nacionalista galego


Permítaseme a licencia de escribir este artigo baixo a perspectiva dos sentimentos persoais. Non son tempos doados para o nacionalismo galego e afrontamos un momento fundamental no que se xoga un novo modelo de Estado no que Galiza ten que estar presente co peso que lle corresponde. Por iso alegrías como a que me produce a chegada, por fin, do puntogal son importantísimas, tanto pola nova en si mesma, como pola forza que nos ten que proporcionar para non deixar de perseverar no traballo diario que nos leve á Galiza que soñamos. Unha Galiza dona e señora de si mesma e na que a xustiza social sexa unha realidade. Revestidos da nosa propia identidade para navegar polos mares virtuais dun mundo que cada vez inflúe máis no mundo real seguro que seremos quen de afortalar a nosa aposta política.

A semana pasada despois dunha grande espera chegou un momento feliz. Rematei a configuración para a miña organización do enderezo electrónico co puntogal. Despois da entrada na fase pioneiros e a disposición da web corporativa co puntogal no dia da Patria, quedaba outro importante chanzo máis alá, ter o enderezo electrónico co mesmo dominio. Ao fin xa o temos, xa o teño, así que a partír de agora o meu enderezo na rede mundial dirá que son galego, que falo galego. Non dirá si vivo en Galiza, que si, senón que formo parte da comunidade galega mundial que ten galegas e galegos por todas as partes do mundo e máis alá (lembrade que hai un galego na lúa, cando menos).

Veñen a miña memoria os versos do noso poeta nacional, Manuel María, que no seu poema Galiza da a definición perfecta da nosa terra: “Galiza é o que vemos: a terra, o mar, o vento... Pero hai outra Galiza que vai no sentimento! Galiza somos nós: a xente e maila fala. Se buscas a Galiza en ti tes que atopala!“. Semella que Manuel estaba tamén pensando nesta Galiza virtual á vez que real que nos proporcionan as tecnoloxías de información e comunicación actuais.

A Asociación Puntogal, sen ánimo de lucro, foi constituída o 10 de xuño de 2006 por varias entidades e persoas a título individual co obxectivo de acadar para Galiza o dominio .gal, dominio de internet de primeiro nivel. Este dominio, de tres letras, representaría á comunidade, cultura e linguas galegas na Internet. Hai que subliñar que os dominios que representan a estados (.us, .uk, .de, .pt, .es...) teñen dúas letras e que polo tanto o obxectivo futuro será chegar ao .gz, aínda que iso, por suposto, será posterior á chegada dunha Galiza soberana.

Despois dun traballo tremendo e a constante incorporación da suma de vontades, máis de 12.000 apoios, da sociedade civil, cultural, empresarial e política da nosa terra e do exterior, o 14 de xuño de 2013 o ICANN aprobaba oficialmente o dominio. Tras o preciso período de configuración técnica o 16 de maio de 2014 entraba en funcionamento a primeira páxina web co novo dominio “www.dominio.gal” coincidindo coa véspera do Día das letras galegas deste ano.

E este mesmo ano, o 25 de xullo, o Día da Patria de 2014 tivo lugar o feito histórico da entrada en funcionamento dos primeiros 93 dominios, seleccionados entre múltiples peticións, e consecuentemente a posta a disposicións das correspondentes webs con dominio .gal das organizacións afortunadas e que poden ser consultadas na páxina anteriormente comentada. Entre os pioneiros hai administracións públicas, empresas e entidades sen ánimo de lucro.

Entra agora en vigor a fase de lanzamento no período coñecido como Abrente que permitirá que aquelas entidades tanto públicas como privadas poidan exercer o seu dereito preferente de solicitar un dominio. Vaise desenvolver entre o 16 de setembro e o 18 de novembro. Ao tempo o proceso Carreira permitirá aos interesados en dominios sen prioridade de especial interese podan ter a oportunidade de solicitalo antes da fase aberta. Istos novos dominios entraran en funcionamento a principios de decembro, momento en que comezará a fase aberta na que todo o mundo terá oportunidade de acceder ao dominio.

Xa sabedes, na rede, na arañeira mundial, somos nós, temos a nosa identidade, e os máis de catro millóns de persoas que forman parte de toda a comunidade galega no mundo teñen unha marca propia na que identificar todos os contidos que xeramos na Rede.

Hoxe, como xa vos comentei, son un pouquiño máis feliz indo polo mundo virtual identificado como galego. Podo parecer un iluso máis asegúrovos que isto ten a súa importancia e non é pequena. Para comezar solo os folgos para continuar o traballo que este feito me da xa pagan a pena en si mesmos.