Pequena reflexión sobre o nacionalismo e as pasadas eleccións no ensino público

Pasaron xa suficientes días para podernos facer una pequena análise de algúns aspectos relacionados coas pasadas eleccións sindicais no ensino público galego, un sector no que traballan máis de 32.000 profesores e profesoras e uns resultados que teñen unha leitura política tanto para o nacionalismo como para o españolismo.
Os resultados das eleccións sindicais eran agardados por moitos para comprobar se neles podían ver confirmados os seus pronósticos ou desexos; todo o mundo sabía que ía ser complexo para o sindicalismo nacionalista aumentar ese 40% de representatividade acadada hai catro anos nun panorama sindical tan fragmentando como o do ensino que conta con presenza de seis opcións sindicais, varias delas corporativistas. Ademais desde a chegada do Partido Popular á Xunta de Galiza o duro enfrontamento entre a CIG-Ensino e a Consellería de Educación foi unha constante; sendo aproveitada esa situación por medios próximos ao PP e algúns outros que din non selo para ocultar o verdadeiro papel do sindicato no ensino, deixando caer unhas veces máis disimuladamente e outras de xeito descarado que o sindicalismo nacionalista só servía para quitar a pancarta á rúa á mínima e que era incapaz de facer propostas realistas e aceptábeis que permitiran mellorar o ensino.
Sendo unha constante esa imaxe manipulada, a distorsión e a manipulación eran aínda maiores cando se falaba sobre as mobilizacións e as alternativas á política lingüística do PP, transmitindo a mensaxe de que había outras alternativas menos "brutas" e por tanto máis acaídas aos tempos actuais.
Fontes da Consellería de Educación recoñeceron no inicio deste curso que para eles os resultados das eleccións sindicais ían ser moi importantes, escapándoselles que un aumento da CIG suporía a constatación dun rexeitamento do profesorado galego á política educativa do PP; e vaia se amosaron a importancia que lle daban ás eleccións pois foron varias as veces que o Presidente da Xunta, o Conselleiro de Educación e diversos cargos do PP ofreceron o seu público apoio ao sindicato afín ANPE, chegando incluso a querer converter unha misa e un xantar en Ourense en horas de formación do profesorado homologadas.
Xunto con esta actitude bastante lóxica do noso inimigo apoiando aos seus tamén reapareceron ao longo destes últimos meses debates que algúns considerabamos pechados hai xa máis de trinta anos, sendo un deles o de que é unha organización nacionalista e que non é unha organización nacionalista.
Entre os anos setenta e oitenta do século pasado o nacionalismo galego levou adiante un titánico traballo de creación de organización propias en todos os ámbitos nos que lle foi posíbel: político, sindical, cultural, ecolóxico, estudantil, etc..., e naquel tempo enfrontábase a un tempo co españolismo empeñado en negarlle a Galiza a súa capacidade de auto-organización e coa falla de confianza de grande parte do noso pobo nesa capacidade para crear instrumentos e elaborar programas, análises e propostas que partirán da nosa propia realidade.
Despois de anos de dura loita o españolismo optou por engadir "...de Galicia" ao seu nome e un "G" nas súas siglas para ver se así colaba; pero a pesares do disfrace segue sendo no traballo e no combate diario onde os posicionamentos amosan quen actúa como nacionalista e quen o fai como unha simple sucursal de centros de decisión alleos ao noso país.
Tras moitos anos este debate volveu a abrirse no ensino nos últimos meses, non sei realmente se porque algúns esqueceron o ABC do nacionalismo ou porque buscaban debilitar ao compañeiro nun pulso que non ten razón de ser, pois non se decatan de que no debate interno nunca se deben empregar as armas do inimigo, e chamo armas do inimigo a sementar a dúbida sobre a capacidade de sectores do noso pobo para auto-organizárense.
Hoxe no ensino o certo é que só hai unha organización sindical nacionalista, cunha dirección galega e un programa elaborado por profesores e profesoras galegos en función única e exclusivamente da realidade e das necesidades educativas de Galiza, unha organización sindical na que cabe todo o nacionalismo. E non podemos considerar nacionalista a quen só traduce e adapta ao galego o mesmo programa que se lle presenta ao profesorado de La Rioja ou Murcia ao tempo que se celebra un suposto triunfo do seu modelo sindical antes de terse celebrado as eleccións na nosa nación.
A campaña da Xunta e os erros de enfoque de algún compañeiros, que agardo saiban corrixir axiña, non trastornaron ao profesorado galego, e unha vez máis este optou maioritariamente pola CIG, considerando que tamén en épocas de crise é ese o mellor xeito de defender o ensino público galego, darlle un suspenso á política educativa e lingüística da Consellería e defender as conquistas laborais e sociais que hoxe corren serio perigo pola actuación ao unísono de PP e PSOE.
O sindicalismo nacionalista acadou o 9 de novembro o 43,5% dos votos e obtivo 62 delegados e delegadas (a segunda opción sindical tivo o 16,6% dos votos e 26 delegados/as).
As persoas que hoxe traballamos na CIG-Ensino sabemos perfectamente que non todos os que nos votan son nacionalistas practicantes nin moito menos, pero ninguén debe infravalorar o feito de que desde o 1987 o apoio e a confianza do profesorado no sindicalismo nacionalista non fixo máis que medrar, e non só electoralmente senón sobre todo en afiliación.
O nacionalismo galego se quere resistir o actual vendaval reaccionario e avanzar precisa afortalar as súas organizacións e agardo sinceramente que nese traballo nos comprometamos todos e todas sen excepción.