Pedagoxía sobre a capacidade de decidir
23 de novembro de 2012 (23:00 h.)
Rechamante é que, dándose a situación que se dá en Catalunya, os medios de comunicación dominantes na Galiza prefiran non contaminar a vida social e política galega co debate sobre a capacidade de decidir, aínda que só fose para atacar o nacionalismo autóctono. Prefiren o silencio, a falta de debate, como se nada tivese que ver con nós. Mesmo dáse o paradoxo de nacionalistas galegos pretextaren as maldades de CIU, dereitista e afecta á corruptela, para xustificaren a súa antipatía polo proceso de autodeterminación aberto en Catalunya desde o propio partido gobernante, respondendo a demandas populares a cada paso máis estendidas, perante a intolerancia, incomprensión e cerrazón do Estado español a escoitalas.
Como nacionalista galego, non podo deixar de simpatizar e compartir a vontade dos partidos cataláns nacionalistas, acompañados dunha parte importante da sociedade, de iniciar unha nova xeira autodeterminista, á vista de tan limitado, restrito e fraudulento marco autonómico constitucional, de imposíbel mudanza coas actuais regras de xogo. Tamén debo recoñecer que non esperaba tanta valentía dun partido como CIU, habituado ao pacto continuo con España e mesmo satisfeito de poder cumprir un papel político, ás veces, de relevante interlocutor da oligarquía económica española. Mais precisamente por inesperada, a reacción Converxente, asumida por Unió con máis que desacougo, é todo un síntoma da súa profunda convicción de que, seguir gobernando Catalunya, dentro do actual marco constitucional, traería consecuencias desastrosas, tanto no plano electoral para a Coalición, como no social, económico e cultural para o país. Asusta a treboada de ataques, ameazas, manipulacións e acosos que están sufrindo algúns dos seus dirixentes, co presidente Mas á cabeza. A madrasta española dirixe, orquestra e impulsa esta ofensiva por terra, mar e ar, sen lograr, polo de agora que se acovarden ou recúen. A súa resistencia fainos merecentes de respecto e mesmo de solidariedade. Porén, debemos de cavilar algo máis en nós, os galegos. Como estou entre os que consideran que o dereito a decidir é tanto ou máis urxente no noso país que en Catalunya, aproveito a ocasión para expresar algunhas cavilacións a este respecto.
1.-Neste tema, sería ideoloxista, contraproducente, desatender as condicións da conciencia colectiva do noso pobo. Unha pedagoxía adecuada é condición fundamental para obtermos froitos positivos. Un pobo colonizado tende, por padecer mecanismos de colonización, a perpetualos con reaccións de acomodación: interiorización do sentimento de incapacidade como pobo, falta de autoestima, infantilismo, conciencia de clase previa, á marxe ou por enriba da conciencia nacional, tendencia á procura de saídas individuais, amnesia para enunciar e reticencia a exercer dereitos nacionais, democráticos. Porén, nas actual fase da globalización, a soberanía dos pobos é fundamental. A súa restauración, o seu exercicio, a súa xeneralización devén un instrumento imprescindíbel para a superación do marco económico, tanto da súa crise de consecuencias gravemente antidemocráticas e antipopulares, especialmente na periferia europea, como da dependencia ou subordinación aniquiladora que aferrollan o potencial de desenvolvemento de moitos países. Esta é, pois, a contradición máis determinante. A política nacionalista nunha nación sen estado, e máis se é periférica e colonizada, debe tela como orientación da súa alternativa e dos seus obxectivos.
2.-Galiza, a nosa nación, ten a condición de periférica, dependente, colonizada, no sistema de globalización que o Estado español e a Unión Europea representan. A fase crítica actual que padecemos non é máis que unha exasperación da crise que levamos padecendo secularmente, en grao diverso e con intensidade diferente. O noso país serviu para fornecer materias primas e enerxía, man de obra barata e para a succión do seu aforro. En grande maneira, a función segue a ser a mesma. As súas vantaxes comparativas valeron, nunha determinada fase histórica, para instalar industrias de enclave, que non desenvolvían todo o proceso produtivo aquí. Hoxe sufrimos o desmantelamento progresivo daquelas que teñen un importante valor estratéxico, como o sector naval. Nunca se puido aproveitar ao noso favor a nosa importante produción de enerxía eléctrica, por máis que algunha transnacional se beneficiase do diferencial da tarifa industrial, alén doutras vantaxes, para instalarse na Galiza, como Alúmina. Fomos obrigados, aducindo procesos modernizadores, a abandonar a agricultura. O noso potencial de produción láctea foi combatido e dificultado, unha manifestación da entrega aos estados centrais da UE da capacidade de producir alimentos. Como consecuencia, a riada emigratoria foi continua, agora tamén de xente moza cualificada; o envellecemento da poboación alarmante, por imparábel e progresivamente máis agudo, unha das pirámides de poboación máis invertidas do mundo; o paro, sempre importante, agora gravísimo, tanto máis en termos relativos a unha poboación activa tan pequena e a tanta emigración; os salarios e as pensións sempre entre os máis baixos do Estado...Non é de estrañar que, após 35 anos de democracia, máis de 30 de autonomía e sometidos sempre a unha manipulación informativa abafante, incluídos os discursos políticos hexemónicos –os do españolismo sob múltiples facianas- a consecuencia fose a transformación da conciencia de sermos un país empobrecido polo maltrato e a discriminación do Estado español na, hoxe dominante, de sermos unha sociedade pobre, incapaz de nos valer por nós propios.
3.-Como é fácil de comprender, a solución, en vista da dificultade da tarefa que debemos asumir, non está en adaptarnos a esta mentalidade, aceitando que a política sexa aquí só o reflexo mimético, o eco, da española, mesmo esperando que a redención chegue a vir, hipoteticamente, polo triunfo dos pobres sobre os ricos por mor dunha mudanza global do sistema. A solución estará, máis ben, en opórmonos ao sistema global cunha alternativa específica de nós e sobre nós, que contemple a nosa diferenza cualitativa, a derivada da dependencia e do colonialismo, como vital. A cuestión básica, entón, é a capacidade de sermos libres para decidir o que queremos, debemos e temos que facer para poder producir, desenvolver as nosas potencialidades, non vérmonos obrigados a emigrar, termos dereito ao traballo no propio país...Nunha palabra, tirarmos proveito das nosas vantaxes comparativas, das nosas potencialidades, hoxe simplemente anuladas ou postas ao servizo do exterior sen a máis mínima compensación para nós. Así que a cuestión do dereito a decidir ten na Galiza un compoñente económico e social aínda máis substancial, popular e de servizo á maioría, do que en Catalunya. Non é só, que xa é moito, un problema de fiscalidade, de como se financia o autogoberno, de soberanía financeira para poder exercer a soberanía política. É a única forma de podermos liberar as nosas capacidades en todos os aspectos, produtivos, de mentalidade social desalienada, de autoestima e de responsabilidade colectiva, para o noso desenvolvemento harmónico...Só con esta vontade existiremos como pobo diferenciado, con dereitos, como nación que, en puridade, somos.
4.-Esta aposta é a única que reducirá ou anulará a nosa impostura alienante de sermos, antes que nada, españois, esa forma de anestesia que nos invalida para exercermos de galegos e galegas no eido político, na asunción de dereitos, un deles o de autodeterminación, ou capacidade para decidir libremente sobre o noso propio país, con coñecemento de causa. Resulta imprescindíbel mesmo se queremos optar, como solución, a unha forma de unidade que se lexitime en nome da plurinacionalidade do Estado español, na existencia de entidades políticas, con vontade de seu, para conviviren no respecto mutuo e no mutuo beneficio. É dicir, nun modelo oposto ao marco legal e ao funcionamento do Estado actual, fracasado, obsoleto, para os pobos que o conforman, para as maiorías sociais, para a diversidade cultural e lingüística, para un desenvolvemento económico e social equilibrados.
5.-Consecuentemente toda campaña polo dereito a decidir, pola necesidade de podermos decidir, a prol dun referendo de autodeterminación, pola soberanía e/ou pola independencia deben partir na Galiza deste percorrido pedagóxico que os conecte, non colateralmente, senón na súa substancialidade, coa idea de representar o único vieiro que nos conduza a unha verdadeira mudanza económica, social e política beneficiosa. Non se trata de facer economicismo ou de limitármonos a un pragmatismo político reducionista. Trátase de termos presente as eivas da conciencia nacional para, na tarefa de convencer e no debate social, facer máis penetrábel o discurso autodeterminista. O recurso inicial, directo, mesmo emotivo, ao feito de sermos unha nación tropeza con máis prexuízos, estereotipos, medos inoculados pola ideoloxía dominante, que exemplificar cunha realidade económica e social, orixinada por condicionantes externas que, por propia experiencia e pola contundencia das súas consecuencias, resulta elocuente e permite tirar e aceptar máis facilmente a necesidade de decidir nós. Dito isto, non quero deixar a menor dúbida de que o discurso, e a práctica, non debe prescindir, nin obviar nunca, da idea, fundamentada na historia e na realidade, de sermos unha nación diferente, de termos lingua propia, cultura propia e dereito a nos defender como pobo, para o que a expresión de vontade política de nós é vital se queremos ter futuro.
6.-O dereito a decidir é, pois, un dereito democrático elemental, unha condición necesaria para a igualdade entre os pobos existir. Na actual etapa da Humanidade é unha senda para a mudanza da espoliadora, hierarquizante, discriminatoria, política da globalización imperial, aquí e agora representada, a un tempo, polo Estado español e pola Unión Europea, instrumentos para a súa execución. A soberanía non é algo obsoleto, como se empeñan en cacarexar os corifeos do sistema imperante. O nacionalismo galego debe ter claro que non son os vellos e autoritarios estados centralistas os que poden abandeirar a recuperación da capacidade de decidir, senón que serán as nacións, os pobos sen estado, que, só así, desde a súa liberdade e capacidade de decisión, poderán optar mesmo, de forma racional, por unha convivencia con outros en beneficio de todos e ao servizo das maiorías sociais. O exercicio da soberanía é unha condición sine qua non para se abriren paso políticas sociais e económicas radicalmente distintas, opostas, ás que se están aplicando hoxe.
7.-Se pobos como o catalán, e as súas vangardas políticas, chegaron á convicción maioritaria da importancia de exerceren o dereito a decidir, nas actuais circunstancias, o pobo galego non pode permanecer ancorado na ignorancia das causas do seu estado, ou no lamento sen concreción política alternativa. Malia as súas confusións, produto da ideoloxía dominante, da escola, dos medios de comunicación, da forma de funcionar a vida social e económica, marcados pola subordinación a deseños alleos, a cuestión, nun contexto como o da actual fase globalizadora, é tan vital como urxente. Debe ser enunciada, xa que logo, con enerxía, sen ambigüidades, como debe coidarse a forma de facelo para un pobo como o noso comprender a súa necesidade e importancia. Farémolo en condicións de grave hostilidade e, mellor, coa conciencia de estarmos traballando desde cero. Xa se ve como as gasta o Estado español con Catalunya e cun partido, agora soberanista, cunha longa traxectoria de colaboración cos gobernos de España. Sabemos, por propia experiencia, como as gasta e que pensa da existencia e dos obxectivos do nacionalismo galego. Preparémonos para actuar nun lameiro. Comezarán aplicando a máis férrea censura, o desprezo e a ridiculización, pasarán pola difamación, a deformación e a mentira, e acabarán na ameaza, na agresividade e na represión. O noso pobo non pode estar en silencio, como narcotizado, como se non tiver problemas e menos vontade de pensar por si. A tarefa é unha obriga deste tempo e merece, como ningunha outra, porque abrangue todas as urxentes e necesarias, ser iniciada axiña.
Após estas sete calas, que seguen, en boa maneira, as teses aprobadas polo BNG na Asemblea de Amio, con indubidábel acerto, desexo rematar cunha observación. Imaxino que, a esta altura, ninguén dubidará da influencia de todo o proceso do Estatut, xurdido do Parlament de Catalunya, coa frustración final, no medre da conciencia soberanista e/ou independentista da sociedade catalá. Teño claro que é un certo contrasentido enunciar un Estatuto de Nación, como fixemos aquí, durante o bipartito, para avanzar, aparentemente dentro do marco constitucional. Porén, non foi este o problema –entre outras cousas, o seu contido era similar ao Estatut e resultaría intragábel. O problema é que nunca foi obxecto de debate social nin institucional. De telo sido, for cal for o resultado final, teño a certeza de que tería contribuído a unha maior clarificación do pobo galego e ao medre da súa conciencia nacional. Foi unha oportunidade perdida. Dígoo porque nunca desconsiderei que, ás veces, certas concrecións tácticas poden axudar a avanzar nos obxectivos estratéxicos. Agora todo nos indica que teremos que asumir, promover e introducir socialmente un debate, unha proposta ineludíbel, en principio máis difícil e en condicións políticas internas máis precarias.