Os últimos curas comunistas: Cuco Ruíz de Cortázar e Moncho Valcarce
27 de abril de 2010 (00:01 h.)
Dous libros de recente aparición aproximan memoria e datos sobre estas dúas estrelas que prenderon no horizonte da Galiza nos derradeiros anos da ditadura e durante a chamada transición democrática: "Cuco Ruiz de Cortázar, unha voz para un tempo de silencio" editado pola Asociación de Veciños de Caranza, Ferrol, de autoría colectiva. O outro é un estudo que inclúe textos inéditos e testemuños sobre o que foi o Crego das Encrobas: "Moncho Valcarce. Un símbolo para Galiza" vén da man de Victorino Pérez Prieto, editado por Trifolium.
Hai coincidencias curiosas entre estes curas de dioceses distintas: Proceden ambos de familias da pequena burguesía, fan unha opción tardía polo sacerdocio, conxugan a fe no Cristo liberador coa análise marxista, implícanse na loita obreira e polas liberdades, sofren como tantos, persecución, detencións, malleiras...e viven unha vida tan fóra de si mesmos que chegan á morte por idéntico camiño, un cancro terminal e cruel que os levará no mellor da vida, a Cuco con 47 anos o 23 de abril de 1978 e a Moncho con 57 anos o 1 de febreiro de 1993.
O compromiso de Cuco, medra sobre todo na XOC (Xuventude Obreira Católica) da que chegou a ser consiliario de todo o Estado, tendo que vivir uns anos en Madrid, onde un 1º de Maio é brutalmente agredido polos Guerrilleros de Cristo Rey. Hai quen sinala este feito como o causante da doenza final de Cuco. Foi un dinamizador e un formador de militantes con conciencia de clase, vencellado aos movementos de Cristiáns polo Socialismo e Xustiza e Paz, e centrou a loita nos sectores mais marxinados da sociedade ferrolá, como foi a fundación do Secretariado Xitano e o movemento de reivindicación das empregadas de fogar. Impulsou o movemento veciñal creando moitas asociacións, unha delas, a de Caranza leva seu nome.
Cuco coincidiu cun momento especialmente fecundo de curas comprometidos co obreirismo e o galeguismo, afortalados sen dúbida pola figura do Bispo Araujo: Martínez Aneiros, Xaquín Campo, Pepe Chao Rego, Martinho Montero, Pepe Couce, Bernardo G.Cendán, Anxo Currás, Díaz Raña, Vázquez Seijas, Vicente Couce...
Cando o asasinato, o 10 de marzo do 72, de Amador e Daniel, tralo enterro oficiado por Aneiros, Cuco foi chamado a declarar pola policía e tivo moito que ver naquela famosa homilía colectiva lida nos templos do Ferrol: "Hoxe máis que nunca resoan entre nós as palabras do Sinaí: Non matarás!" Anos despois, cando o asasinato de Moncho Reboiras, Cuco foi investigado por axudar aos compañeiros que fuxiron das forzas de represión. Moncho Reboiras buscou acubillo algunha vez na casa doutro cura, outro Moncho, Valcarce.
Victorino Pérez Prieto, teólogo, escritor e cura casado, tamén sabe de persecucións nestes tempos que voltan, porén non deixa de traballar a prol do país e se hai unhas semanas presentaba o seu estudo sobre Prisciliano,(Prisciliano na cultura galega, Galaxia) déixanos agora esta fermosa compilación de textos e testemuños de, e sobre Moncho Valcarce, o cura das encrobas. Foi en Sésamo e Sueiro, no concello de Culleredo onde o Moncho se converteu á xente do país, as súas causas e ao galego. Non me estendo coa vida de Moncho, de sobra coñecida, porque quero que as súas palabras pechen este artigo. Bardante, lembremos algúns datos: No 1974 é detido en Betanzos pola Garda Civil, recibe unha malleira brutal, encarcerado na Coruña e recluído no Mosteiro de Poio. Ingresa na AN-PG no 1977 e participa nas loitas populares de Xove, As Encrobas e Baldaio onde é detido. Recibe o carné nº 1 do Sindicato Labrego Galego e vai de candidato ao senado polo BN-PG nas eleccións xerais. No ano 79 é concelleiro polo BN-PG en Culleredo onde se mantén por tres lexislaturas. Xunto coa actividade política, non deixa Moncho de buscar e exercer unha espiritualidade fonda e liberadora, como nos amosa Victorino. Déixovos aí isto, para que "meditedes":
"Nós somos leprosos... Non físicos, enténdese, pro si sociais... Hoxe na nosa terra a enfermidade da lepra xa non existe... pero a lepra social sí existe.... Somos leprosos para certa xente, moi fina e de moita larica; somos leprosos para certas autoridades... Somos leprosos porque non temos dereitos, soio obrigas e máis obrigas... Non podemos falar nin podemos reunirnos... Son leprosos sociais mulleres e homes de moitos anos que non poden vivir con dignidade e pasar os derradeiros anos da súa vida con tranquilidade e acougo por non ter pensións e retiros... Somos leprosos pois téñennos marxinados, esquecidos e mesmo hainos que se rin de nós.
Miremos pras nosas vidas... pensade... somos ou non leprosos? Cóntase con nós pra algunha cousa? Pode ser que se conte para levarlle o raxo ó cacique, ou pagar a contribución, pro pra outra cousa paréceme que non (...) como o leproso do evanxelio temos que deixar o fatalismo (non se pode facer nada!) e comezar a camiñar esixindo os nosos dereitos. Xesús, ao curar ao leproso e devolvelo á sociedade, maniféstase con toda claridade contra toda marxinación e discriminación social e relixiosa..." (Sésamo 1972, homilía)