Os tribunais españois bailan o baión


¡Vállame Bandúa, o noso deus guerreiro! O Estado español acaba de atopar un novo Pantocrator: o imperio da lei, coma se fose un ente sobrenatural que imparte xustiza entre os humanos. A tradición representa esta señora cunha balanza na man e unha tira de lenzo vendándolle os ollos. A simple vista aparenta moi equilibrada, pero coñece todos os trucos que lle ensinaron os ilusionistas de circo. Un dos pratos da balanza vai lastrado, e a vendaxe, opaca para o espectador, en realidade é transparente. O feminismo, tan meticuloso noutros aspectos, debía iniciar unha campaña para sacar esta tramposa dun corpo de muller. A mitificación da lei parece unha reencarnación do misterio da natividade. Perdoádeme a comparanza: faise aparecer como fillo dunha virxe un enxendro de rameira. Os códigos humanos non veñen do Olimpo. Están feitos por sectores sociais (chamémoslle clases) para agredir aos adversarios ou defenderse deles. Non son mandamentos do decálogo. Son armas, a veces mortíferas, do combate social. A aparente e pregoada neutralidade da norma está distorsionada por quen tén o poder para aplicala. Se a letra non abonda hai o recurso de poder interpretala. Así nacen as xurisprudencias, as doutrinas xurídicas, versións todas contraditorias de textos que ao pobo se lle amosan como dogmas. Dirán os eruditos que tamén a Biblia tén eséxetas, e, se é lícito interpretar a deus naquilo que nos deixou nas Escrituras, tamén podemos facelo co que escribiu nos códigos.

Un eminente xurista de renome internacional tomou como válido o criterio do Tribunal Supremo da Unión Sudafricana, que considera que interpretar a lei significa converter en lexisladores os xuíces. As dúbidas correspóndelle aclaralas a quen ten autoridade sobre a norma: o poder lexislativo. Cando se fomenta a mestura de poderes -executivo, xudicial, lexislativo- esmendréllase ese Estado de dereito que os hipócritas da transición española utilizan de espantallo.

Non quero alongar moito o exordio do artigo. Dirá o lector que meto a pluma en agras que son competencia de xuristas. Véxome obrigado a causa do silencio dos que anos atrás combatían desde as rúas e das aulas o poder despótico. Algo cheira a podre en Dinamarca cando aquí xa dobran as campás por unha conciencia crítica que se atopa en estado agónico. A democracia está de loito. As rúas, antes ocupadas pola esquerda, son agora feudo da dereita, que presiona desde elas o acoso aos nacionalistas. Desde os balcóns de convidados do Congreso a intelectualidade progre pateaba antes a invasión de Irak. Algo semellante a unha incursión militar é a que está facendo o Estado español -a través de todos os poderes- ao privar do dereito de sufraxio a unha parte importante dos cidadáns de Euskadi. Só por incorreren no delito de sospeitas. Un asasino que na vía pública ante os ollos da xente saca da vítima un coitelo pingando sangue segue de "presunto" até que o xuíz dite sentencia. Os vascos son condenados polo simple cheiro en xuízos sumarísimos. Os tribunais franquistas tardaban máis e disimulaban mellor as súas formas cando sentenciaban a morte aos inimigos da Ditadura. Cala a esquerda e dorme a aula. ¿Cómo explicará a cátedra este desorde legal aos futuros profesionais das leis?. Abóndalle co ensino do dereito romano, que contén un temario altamente formativo para instruír aos rábulas do Tribunal Supremo e da Audiencia Nacional.

Entendo que a esquerda española segue presa dos prexuízos que consideran os nacionalismos froito dunha ideoloxía pequeno-burguesa. ¡Cantas discusións eu tiven en Madrid con esta clase de peiláns, moitos deles ocupando agora cargos políticos que masacran proletarios! Non hai moito que certo lambedor dos traseiros da dereita censuraba as relacións do Bloque -organización de esquerda- co PNV, partido representativo da burguesía vasca. Tanto en Euskadi como en Cataluña foron os nacionalistas os que sacaron peito e atacaron inmisericordes a resolución xudicial que invalida as candidaturas aberzales. Unha verdadeira lección para a esquerda á que o rato lle comeu a lingua. O conflito témolo aquí. Ollade para o Congreso e veredes que o futuro revolucionario está nos escanos que dixeron non á invasión de Libia. Non sería especialmente grave se o seu silencio fose só produto da súa fobia antinacionalista. Son unha expresión máis da covardía e desorientación desa esquerda que se fixo progre. Da que atribúe a un dos seus modelos a crise producida polo sistema capitalista, que se desangra non polo virus de Moscova senón polo cancro que o devora, incurábel cos linimentos que os gobernos burgueses lle veñen aplicando. Tráxico, ou cando menos desalentador, é comprobar a coincidencia entre a esquerda e a dereita resesa nas análises da crise e na dialéctica usada para combater a depresión. O paro, os postos de traballo, a economía produtiva (ou sexa, a que produce gaños), as fórmulas máxicas para a reactivación económica. Ambas pretenden resolver con incógnitas alxébricas o que tén solución cunha simple regra de tres: a substitución da oferta e da demanda polo control da produción e dos mercados. Decídeme, ¿con que mensaxe van quedar os proletarios? Seguramente coa do que maiores posibilidades teña de ser alternativa de goberno. ¡Que ocasión falida para facer pedagoxía política! Empecemos pola revolución das mentes. A transformación social virá despois.

Non vou reiterar sobre o tema de anulación de candidaturas argumentos xa expresados nun anterior artigo. A democracia contaminada debe andar aínda no TT dixital. Non hai moito que o alcalde de Xerez tratou á xustiza de "cachonda". Bonito epíteto. Tiña razón. Peor a deixou o debuxo de Castelao: unha prea fedorenta nun cadaleito ás costas dunha velliña. Eis a diferenza entre o humor andaluz -humor por bulerías- e o humor sarcástico do escritor galego. Dunha maneira ou doutra, vista polo sur ou polo norte, esa matrona da balanza, a que oculta coa venda os ollos de basilisco, irrítanos que se queira mofar de nós. De todos os partidos inscritos no Ministerio do Interior a ningún se lle pediu certificado de pedigree democrática como se lle esixiu a Sortu. Quizais sexa porque o nome en euskera non é intelixíbel pola lingua castelá. O resultado é que a democracia enfermiza española é a única que na práctica estabelece o principio de desigualdade perante a lei, clasificando os cidadáns en categorías diferentes. Mira por onde a lexislación acaba de romper a proclamada unidade da patria. Non se peneiran candidaturas cheas de malversadores, corruptos e chourizos que agardan sentenzas nos portafolios da curia. Non se depuran das listas os "imputados, acusados, tránsfugas e vividores", en letra dun comentarista que circula por vías ideolóxicas diferentes as miñas. As de Bildu ventéanas os sabuxos da xustiza e do Goberno, verdadeiros cans de raza, para abater nacionalistas. Puxeron a Sortu de xeonllos. Rezou o credo, o pecador e as tres avemarías. Fixo acto de contrición. Nin por esas. ¿Qué máis queren dos seus promotores? ¿Qué lle fagan unha felación a don Cristovo, o almirante que ergue a bandeira española na praza do seu nome? Se tan saído anda o xenovés que baixe do pedestal e dea un garbeo por Madrid. Na Moncloa fanlla gratis. E, sen ir tan lexos, na rúa de enfrente tén a sede do PP.

Se a xustiza é un cadáver fedorento como dixo Castelao, cando fai interpretacións parece que vai de cachondeo. ¿Con que versión da partitura nos quedamos? ¿Coa que fixo a Audiencia Nacional pola mañá excarcelando a Troitiño, ou a de pola tarde ordenando capturalo? Aparenta cega, pero non é xorda a dama da balanza. A súa neutralidade recuou nada máis escoitar ladrar os mastíns que a reacción se apresurou en soltar da canceira. Os xuíces son humanos, e tamén venabeis e covardes. Non teñen máis autoridade moral ca que nalgúns países lle dan as perrucas onduladas e noutros a toga e o barrete. ¿Que valor tería unha sentenza ditada en pantalóns vaqueiros, por moito que o maxistrado batese co mazo? ¿Cómo é posíbel considerar infalíbeis os ditames duns tribunais sometidos a presións partidarias, cando non a prexuízos ideolóxicos ou a tentacións máis innobres? A mesma xurisprudencia é consciente da febleza do poder ao que confiou a aplicación da lei, cando recolle entre os principios xurídicos o coñecido con nome de litispendentia, que autoriza a un tribunal a reclamar a competencia para xulgar cuestións incidentais pertencentes a outro, evitando así que se poidan producir sentenzas contraditorias sobre un mesmo caso. Visto todo isto, admito que se me esixa o acatamento das resolucións xudiciais, pero resérvome o dereito a defecar sobre as que os tribunais españois acaban de emitir.

Os nacionalistas debemos durmir cos ollos abertos, e cargar o noso discurso político con argumentos que desarmen o mito da democracia española. Os cataláns xa o fixeron nas institucións nas que teñen presenza. Existe unha crise, evidentemente, pero a máis grave é a de valores. Son os principios os que nos diferencian de todos os demais, epígonos estes da Roma decadente cando non da Ditadura. Lembremos a Bertolt Brech. De momento a treboada anda por Euskadi e non vai con nós. Aínda está lonxe. Cando chegue a tempestade, que xa lostregou no concello de Arzúa, talvez non teñamos pendello onde acollernos. Recordemos tamén que as interpretacións xurídicas feitas á medida e a parcialidade dos tribunais foron as que nos privaron de voz no primeiro Parlamento de Galiza. Disto sabe moito o cabezallo actual do carro da dereita.

Engádega:

Xa tiña rematado o artigo no parágrafo anterior cando coñecín o fallo do Tribunal Constitucional, e que veu limpar os mocos que lle saían polo nariz ao Tribunal Supremo. Manteño o texto tal como estaba. Se hai algo que matizar fareino en comentarios posteriores. O tema garda tea para moitos traxes. Quero amosar, non obstante, a miña satisfacción pola furriqueira que lle entrou á dereita dun ou doutro signo, que pasou a fin de semana ciscándose polo Goberno e polos maxistrados do alto tribunal. Os que tiñan como lema e como dogma o "dura lex, sed lex" acaban de asestar un golpe mortal ao pouco prestixio que tiña a xudicatura. Toda Europa estará ríndose a cachón dos españois. ¡Que se vai agardar, dirá ela, do país da tauromaquia! Aínda os máis comedidos culpan ao órgano xudicial que emitiu o fallo de meter terroristas nas institucións. ¿Tan pouca fe teñen nas urnas, que son as que van xulgar en última instancia as candidaturas de Bildu? ¡Aí lles doe a estes matachíns! Claro está que as urnas son para eles o primeiro inimigo a abater. Segundo o seu mentor ideolóxico, o Primo de Rivera, o que vestía a camisa herdada da Isabel, as urnas só teñen valor cando se rompen.