Onde está o Plan Forestal da montaña lucense?


Como comeza todo?

Na pasada lexislatura, a Consellaría do Medio Rural en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, iniciou a mediados de 2008 o Plan Forestal do Distrito A Fonsagrada-Os Ancares co fin de harmonizar a produción forestal e contribuír ao desenvolvemento socioeconómico do medio rural desa zona, marcando as liñas de actuación para unha xestión sustentable dos recursos do monte. Este plan pretendía ser o primeiro e pioneiro dun total de 19 nos que se divide o país a nivel da administración forestal.

Para levar a cabo esta iniciativa promoveuse por primeira vez en Galicia a implicación e participación de todos os colectivos e persoas interesadas na elaboración do plan, de xeito que se contemplaran todas aquelas medidas que, baixo os criterios manifestados no proceso participativo, promoveran as distintas persoas participantes.

No Nadal de 2008 realizouse a fase informativa, iniciándose en febreiro de 2009 a segunda fase mediante a convocatoria de dous tipos de mesas de debate. Por unha banda conformáronse mesas sectoriais organizadas por propietarios forestais, empresas e outros axentes relacionados directamente co sector forestal, mentres que por outra, conformáronse mesas territoriais constituídas por axentes vinculados de forma indirecta ao sector forestal e organizadas por comarcas. En cada unha das fases ou etapas, todos os membros das mesas sectoriais e territoriais, con quendas rotatorias, reuníronse nunha mesa de negociación na que se aprobaron os puntos de interese anteriormente debatidos.

Nas reunións informativas participaron un total de 453 persoas (con porcentaxes de persoas participantes superiores nalgúns casos ao 12% da poboación total do concello), das que 233 (máis do 50% das persoas que asistiron as reunións informativas) se inscribiron no proceso participativo.

Como resultado de todo este proceso pretendíase obter un documento final no que se recolleran o maior número posible de achegas consensuadas por todas as persoas e axentes involucrados.

Que pasou finalmente co plan?

O desenvolvemento do plan forestal da montaña lucense, seguíu o seu proceso ata xuño de 2009, momento no que a actual Dirección Xeral de Montes decide parar sen explicación algunha o proceso de participación e dar un prazo de tres meses aos redactores do plan para que lle entreguen un documento final. En agosto de 2009 o documento é entregado, e de forma inmediata incorporado ás estanterías do esquecemento, dando por pechada unha iniciativa que o goberno do PP considera allea aos seus intereses.

Como se vai ter en conta o que a xente diga? Desde cando se fai o que a xente quere? Estas son as cuestións sobre as que xustifica a actual administración o peche deste plan participativo. Chegados a este punto, a clave é saber que intereses se defenden e de que parte se está a posicionar a administración, que debera velar polo ben común a longo prazo.

Pechar esta iniciativa, supón entre outras cousas perder a ilusión das persoas da montaña lucense que se senten enganadas - unha vez máis - por unha administración que mira por intereses alleos aos seus.

A necesidade da participación pública no noso rural

A participación pública é o proceso polo cal as persoas participan na definición dos elementos do seu territorio mediante o deseño e a planificación dos aspectos básicos que definen certas actividades e servizos. Os procesos de participación pública son un piar básico da planificación do territorio en numerosos lugares do mundo, e aportan un valor engadido de carácter social moi necesario para poder encaixar os procesos humanos na base territorial e na escala temporal. A diversidade de olladas e intereses que conflúen sobre o medio débese ter en conta para acadar o consenso sobre o uso, e a participación aporta transparencia e intercambio de información coma requisitos básicos de ese consenso.

Como cidadáns debemos esixir ás distintas administracións que poidamos decidir cal vai ser o futuro que queremos para a nosa contorna. Todo o mundo debera ter a posibilidade e o dereito a participar naquelas decisións que afectan ás súas propiedades, actividades e servizos. É máis, a construción da sociedade do futuro fundaméntase en pocesos horizontais, onde a información e as decisións flúen sen barreiras, na procura de obter o punto de equilibrio.

O noso rural precisa cada vez máis da implicación de todos e todas para a consecución dos novos retos. Esta implicación só é posible acadala a través da coparticipación na toma de decisións de quen ten algo que facer e dicir no territorio.

Escoitar o que a xente pensa e quere sobre unha determinada actividade nun lugar concreto, debera ser a base para tecer as seguintes actuacións e investimentos de calquera goberno. Esa escoita activa que remata coa implicación das persoas nas súas propias decisións é a mellor forma para construír en conxunto o futuro común.

En resume a participación pública é a necesidade de planificar contando coa xente.