O que faltaba


Se pudésemos contemplar a política española e a gobernamental galega como espectáculo, teríamos divertición todos os días e a todas horas. Lamentabelmente, “chove” sobre nós e determina, por dependencia directa e indirecta, os asuntos da nosa vida colectiva. Que magnífica ópera bufa se podería montar coas seguintes noticias!:

-Por se non abondase que a Constitución española vixente (e sacral, para os seus impositores) declare o Rei xefe maior das forzas armadas e a estas garantes da “unidad nacional”, aquel, Xefe do Estado, ten a ben lavar a súa deteriorada imaxe cun escrito na páxina web da Casa Real en que entra directa e partidistamente na lida política suscitada após a magna manifestación que ateigou Barcelona no 11 de Setembro, na demanda de “unidad y concordia”. Como nos tempos do Ministerio de “Desinformación e Mutismo”, por riba da radical falta de democracia que encerra a Constitución, aínda temos de aturar, co dispendio de miles de millóns en décadas de reinado, probas de helicóptero, posado fotográfico… e, agora, ameaza suíña en forma de benévolo chamamento a todos se portaren ben e non romperen o tinglado montado. Claro que, ben pensado, que outra descendencia se podería esperar dun rexime ditatorial como o que atou e reatou a monarquía, sen opción posíbel, como sucesora do franquismo: os cachos saen ás olas, di o refrán, e aquí seguimos tendo militarismo asegurado constitucionalmente, monarquía estabelecida e amamantada na ditadura, dereito de sucesión masculino e, como xa dixen, forzas armadas en quen pousa a inmodificabilidade do Estado. Abofé que é democrático todo isto! Ferrados de democracia electiva e representativa!

-Non dei creto estes días pasados á afirmación do delegado do goberno español na Galiza, obedientemente repetida por cargos autonómicos e, por suposto, acriticamente, pola radio e a televisión galegas, segundo a cal a nosa nación é a única Comunidade Autónoma en que subsiste ou funciona o terrorismo. Teñen o cinismo incualificábel de singularizaren a Galiza cun fantasma, cando é plenamente individualizábel por unha chea de ataques ben persistentes e contundentes: á pesca; ao sector lácteo; á construción naval; á feminización da pobreza; á agresión inmisericorde ao seu signo principal, a lingua; á quebra dos mínimos esteos insititucionais en materia cultural; á cuantía das pensións; ao financiamento; ás portaxes das autoestradas; aos camiños de ferro; á neoemigración de tantas mozas e mozos, que volven percorrer camiños xa andados por pais-nais e avós… Sobran motivos e razóns para singularizar a Galiza (tamén positivamente), mais hai que brandir de novo a bandeira da actuación policial e do medo ao meco, a ver cantos incautos asusta…

-É realmente bon, por exacto, un dos lemas do Partido Popular na (pre)campaña eleitoral, exportado tamén ás colectividades galegas da emigración: “Galicia por riba de todo”. Na realidade é: “Galicia arriba de todo”, isto é, tan alta e tan distante que nen se toca. Porque, con efeito, o goberno padecido desde 2009 só “tocou” signos distintivos da Galiza para os denigrar ou para os apiorar e, sempre, para afincar máis aínda a españolización rampante e para perpetrar e xustificar asemade canto vaciado de competencias, canto desmantelamento da cativa rede institucional preexistía. ¿Que fume se vai vender, no remate desta lexislatura, con 125.000 desempregadas-os máis que en 2009, unha débeda pública duplicada e un PIB menor nun ponto? ¿Que nova “desviación de poder” -Tribunal Superior de Xustiza de Galiza dixit (concurso eólico)- se porá en marcha para continuar a tecer mentiras e falsías?

- Unha delas, convenientemente lanzada polos aparatos propagandísticos do PP e reproducida por todas as súas terminais mediáticas: a existencia de “varios” BNG ou de “varios” nacionalismos esfarelados. O BNG é a única formación nacionalista que concorre a estas eleicións, tanto pola súa traxectoria como polos seus principios e praxe política. ¿Como se pode titular nacionalista quen abdica do principio da auto-organización, da confianza na capacidade das proprias forzas, e precisa acudir ao manto protector do papá Estado, na súa modalidade nominal de ínclita esquerda? ¿Acaso non hai maior mandato de “esquerda” que dotarse de organizacións proprias que non dependan do visto e prace da capital do Reino e dos seus portavoces, para quen salpimentar a sucursal galega cun chisco de “galeguismo” (para alén de futuras ou eventuais confusións programábeis) sempre mellora o revestimento ou a fachada. No interior, o teléfono vermello con Madrid, claro está…

-Ter que aturar, en fin, un conato de misérrimo actor, por non dicer fantoche, chamado Mario Conde, facendo burla directa do galego e tendo a gala amosarse como un vulgar colonizado profundo que retorna á colonia unha vez que triunfou na metrópole e que na mesma foi zoscado e trasquiado… é algo que non merecemos, de verdade, por moitos e graves que sexan os pecados cometidos. Como non abondaba co españolismo feroce e a galegofobia racista de Rosa Díez, hai que botar man da ranciada prexanbolista do ex_banqueiro. Suxiro, desde logo, a ambos personaxes que se empreguen na zarzuela La verbena de la Paloma, por exemplo: el, para facer do sereno ou guarda “gallego” e ela de figurante gachí ou, mellor aínda, da tía Antonia. Bordaríano! Entrementres, máis españolización-dereitazación da campaña eleitoral e máis réditos futuros para o PP.

,En suma, este partido contará, como sempre, cunha campaña eleitoral multiplicada por cinco: a del proprio; a de toda a artillaría mediática ao seu servizo; a da España cañí; a dos adláteres mencionados; a dos poderes financeiros, gran banca, autoridades europeas e lobbies cuxo beneficio aumenta coa subordinación galega e a súa falta de representación política. Ah, por certo, axuda inestimábel tamén a prestarán os que, opóndose ao PP formalmente, lañaron e mancaron a “unidade nacionalista” que agora reclaman: que sarcasmo! Máis que nunca, é vital emancipármonos de tais lousas. Voto mediante, tamén, xusto dentro dun mes.

P. S. No artigo inmediato anterior, “Despotismo iletrado”, chamei a atención das leitoras e dos leitores cun deplorábel procedemento de cualificación pseudoacadémica que hoxe circula pola institución universitaria. Desde aquela, notificóuseme o contido do segundo referee solicitado. Desta volta, o ditame procede dun portugués ou de alguén que, ao menos, sabe portugués. Cualifica a miña comunicación como “ensaio interessante e publicável”; suxere revisión das citacións e outórgalle un 4´5 (nunha escala de 1 a 5). Curioso, nonsí? Líbrenos Deus dos que nos coñecen para mal e ampárenos o parecer de alguén que nos nos coñece de nada e fía o seu criterio no que le!