O poder dos círculos e burbullas para limitar o activismo político

Hai xa catro anos denunciaba neste mesmo medio o perigo de vérmonos inmersos nunha burbulla dixital tal e como denunciaba o activista Eli Pariser no seu libro “The Filter Bubble”. Metidos en redes sociais onde todo o noso entorno é “amigo” e lendo medios de comunicación afíns, o mundo parece discorrer nunha realidade paralela afeita a nós. O perigo para a actividade política é que non movernos fora do noso círculo corta de raíz a comunicación ao exterior das nosas ideas e iso nunha Galiza necesitada dunha conciencia nacional maioritaria é letal.

Parecía que a revolución dixital ía supor unha panacea para as ideas progresistas máis o asunto está levando unha deriva altamente preocupante. Por un lado a aparición de grandes monopolios como Google, Facebook, Twitter, etc, está conducindo a uns monopolios aínda peores que os que ostentaban os grandes medios de comunicación controlados polos lobbies e por outro semella que a rede está dando acubillo a movementos conspiranoicos de extrema dereita, que utilizan a mentira e a manipulación para levar ao poder a desprezables individuos que impoñen políticas absolutamente regresivas de extrema dereita que lembran moito aos movementos nazis e fascistas de mediados do século pasado.

En canto aos monopolios resulta moi ilustrativa a lectura do libro “O circulo” de Dave Eggers onde o control absoluto das actividades da poboación leva a unha ditadura totalitaria dunha empresa privada coa complicidade dos propios usuarios e a súa renuncia á intimidade. Bautizado polo Times como un tecnothriller achégase moito ao pesadelo distópico de “1984” de Orwell. En vez de con cartos estamos pagando o acceso a estes xigantes coa cesión dos nosos datos, da nosa intimidade, sen caer na conta do seu verdadeiro valor demostrado con solo mirar os grandes beneficios destas compañías e a aparición dos seus creadores nos lugares preeminentes das listas de multimillonarios do mundo. Todo este entramado leva aparellado a perversa creación das chamadas burbullas, onde se nos confina e se nos proporciona un mundo feliz onde todos pensan como nos, limitando, ese é o seu obxectivo, a actuación política cara a totalidade da sociedade.

Resulta pois recomendable estender o círculo das nosas amizades, primeiro por beneficio propio en canto á obxectividade das nosas opinións, xa que non sempre “os nosos” son obxectivos por unha banda e por outra é necesario, sobre todo na actividade política, ter unha real visión do que está a acontecer, non unha sesgada polas nosas propias opinións. Isto fará que os nosos argumentos sexan máis poderosos e axustados ao público ao que temos que dirixírmonos. Tamén, e cos mesmos argumentos, temos que ler medios de todo o espectro político en aras a situarse na “realidade” das cousas, o que fará os nosos argumentos máis fortes evitando ese fundamentalismo no que as veces cualifican os nosos planteamentos. Corremos ademais o perigo de que aquelo que nos chega dun medio afín ou dun amigo que pensa coma nos, non provocará nin a menor perda de tempo en poñelo en dúbida, o daremos por veraz e punto. Esta perda de obxectividade é o burato polo que se introducen as mentiras fabricadas.

O outro perigo chega dun escenario que ao principio parecía aboado a ideoloxías progresistas. O éxito da candidatura de Barak Obama nos Estados Unidos aló polo 2008 viuse en grande maneira propulsado por un intelixente manexo das redes sociais que crearon un caldo de cultivo axeitado nunha sociedade farta das políticas da era Bush que levou ao país a unha guerra en Irak fabricada con mentiras, e con acólitos como Aznar e o seu triste papel na letra pequena da historia, e a grande crise das hipotecas “subprime”. A propósito o libro de Obama recen publicado “A terra prometida” é de lectura moi recomendable.

Ese escenario mudou a unha realidade actual altamente preocupante e que levou ao éxito da candidatura de Trump no 2016 e de outros individuos de semellante calaña como Bolsonaro no Brasil. Semella que están tomando o control da rede inundándoo de mentiras prefabricadas con obxectivos claros e que levan a unha manipulación de sectores da sociedade sensibles. A mentira é un negocio tamén para os propios operadores de Internet xa que provoca tráfico e o tráfico move o negocio, e a mentira é unha arma moi poderosa en mans irresponsables, que poden ser até os propios gobernos. A mentira se fabrica atopando puntos débiles e fixándose uns obxectivos e será crida sen maior problema polos habitantes das burbullas ás que se dirixe.

A cousa chegou a tal punto que os propios xigantes manipuladores colleron medo de crear tales monstros e agora tratan de dar a aparencia dun lavado de cara, o que nos leva a outro pernicioso efecto colateral, o de controlar as redes sociais. Nos mesmos dubidamos da necesidade ou non de controlar a liberdade de expresión nas redes e ese mesmo feito é moi preocupante. É certo que movementos como o de QAnon ou o mesmo Vox, de realidades alternativas, teorías conspiratorias, mentiras descaradas precisan ser afrontados pois encontran un moi fácil espallamento en estratos da sociedade ou ben prexudicados por situacións límite ou ben que rexeitan as políticas sociais pois prexudican ao seu status actual. Pero tamén é certo que entramos en terreo perigoso cando falamos de recortar dereitos e liberdades de expresión. Difícil equilibrio ao que non vai ser doado chegar. Si mensaxes coordinados polas redes sociais crearon a situación propicia e levaron á toma do Capitolio, podemos pensar que controlar as mesmas o evitarían, máis tamén podería utilizarse para controlar manifestacións ou movementos contrarios a gobernos totalitarios ou mesmo supostamente demócratas. Mete medo pensar en todos os servizos secretos do mundo postos á faena no asunto destruíndo candidaturas ou promocionando a outras. E iso non é todo, os ciberataques son cada vez máis sofisticados e cunha orixe cada vez máis próxima aos organismos que tiñan ser referente e gardiáns da legalidade. Un especialista informático preparado é moito máis valioso e buscado que todo o conxunto de forzas militares tradicionais.

Unha vez máis lamento ser pesimista, máis se sempre nos queixamos do trato discriminatorio dos medios e tíñamos esperanza de que as redes foran a panacea para facérmonos visibles e espallar as nosas ideas, atopámonos que estas, como non reaccionemos, o único que provocarán será o fornecemento das burbullas nas que nos podemos ver pechados coa conseguinte retroalimentación de compañeiros e compañeiras, sen ter achegamento algún ás capas da sociedade ás que se quere chegar e incidir. Semella moito a cando se organizan actos, con todo o esforzo, e sempre asisten as mesmas persoas convencidas, non precisamente as persoas-obxectivo ás que se quere chegar.