O noso problema
Comeza a resultar un chisco abusiva a insistencia con que algúns comentaristas deslizan críticas caprichosas contra o BNG ou o cargan de responsabilidades que non ten, no que atinxe á situación e evolución da Galiza. Esta reincidencia resulta máis paradoxal cando non se ten a mesma obsesión respecto da alternativa política á que o comentarista se sente adherido. Mais, sobre todo, resulta unha contradición suprema acabar convertendo o BNG na bicha, cando resulta ser, goste ou non, a única ferramenta política que Galiza ten para ser relevante e existente. Efectivamente, desde unha posición consciente, é certo que non podemos estar satisfeitos da evolución da Galiza nos últimos trinta anos. Coa mesma rotundidade afirmo que a incapacidade de Galiza para cambiar non pode agochar nin desvalorizar os esforzos, tamén os resultados, dos que deseñaron e seguiron unha estratexia política para o país existir, ser relevante e digno e ter futuro. Dentro desta estratexia, non é menor o resultado de contarmos cun nacionalismo operativamente unido, condición para a súa relevancia social, dentro do BNG.
A estas alturas, vivindo unha crise mundial que atinxe gravemente o noso futuro como pobo, os angustiados por esta causa debían ter claro que o nacionalismo é a única saída. Moito máis cando, como no caso de Suso de Toro ("Nuestra irrelevancia", El País, 15, agosto, 2010) se denuncia, e se vive, unha estratexia da dereita españolista para a nosa anulación, e se atribúe ao PSOE un papel "importante" e "nefasto" pola súa maridaxe co PP durante anos e, cando menos, errático, hoxe, respecto de Galiza. Comprendo a frustración do noso escritor, lexitimamente preocupado pola irrelevancia política do noso país no Estado, polas dificultades para a normalización da nosa lingua e da nosa cultura, até o extremo de leváreno a abandonar a escrita como profesional. Coido que tamén experimentou a indiferenza ou o desprezo que se axiganta contra Galiza e todo o galego pola súa irrelevancia na España. Porén, a súa reacción práctica non é unha chamada a reforzar a conciencia nacional e a agrandar a base do nacionalismo. Non, a frustración persoal proxéctase contra o BNG, con xuízos de valor que non se detén a demostrar ou explicar: seguimos un "camino ciego".
Non gosto da metafísica na política; moito menos dos prexuízos. Será que non debimos mobilizar á sociedade contra a política lingüística do Goberno Feixóo, un eixo básico do deseño español de anulación da Galiza? Na espiral de autodio irracional xa hai quen chegou a escribir que a culpa da situación do galego a ten o BNG. Deberíamos ter permanecido impasíbeis tolerando que se consumase o deseño de absorción de Caixa Galicia por Caixa Madrid, con todas as beizóns de PP e PSOE, e a de Caixa Nova por Caixa Astur e outras, co entusiasmo do sucursalismo paifoco e o localismo noxento do PSOE, baixo a batuta do Banco de España? Na fuxida pola tanxente hai quen preferiu escapar do conflito avogando por que non se fusionasen as Caixas galegas entre elas, permanecendo por separado, esa si unha saída cega, en nome dun esquerdismo tan inoperante como confusionista. Teríamos que comungar coa reforma fiscal e a reforma laboral involutivas do goberno Zapatero? Posibelmente haxa quen argumente que a nosa opción nos leva á marxinalidade, como se a maioría da sociedade galega ou da base social do BNG non estiver damnificada por esta política. Sería máis oportuno pasar de reivindicar e homenaxear a Rosalía cando se cumpren os 125 anos da súa morte entre a indiferenza e o silencio oficiais? Houbo quen chegou a mofarse en internet da nosa preocupación por mantermos vivos os nosos símbolos cando "non interesan á mocidade" e outras lindezas que, felizmente, recibiron a recriminación masiva de moitos internautas. Por acaso deberá valernos calquera Estatuto, só porque o Tribunal Constitucional de España ditamine que a única vontade política é a do pobo español? Pode haber quen estea xa cavilando como fuxir dunha oposición frontal e inevitábel á negativa do PP a asumir para Galiza mesmo o texto catalán peneirado. En fin, a democracia obriga a abrazar con entusiasmo a causa do capitalismo oligárquico e global, como fai o goberno do Estado e a súa alternancia, a UE e as institucións que chaman de "gobernanza" mundial? Admírame a fe inquebrantábel, realmente fanática, dos europeístas galegos nas bondades desta UE para Galiza. Permítasenos opinar que é un pouco iluso pensar que Galiza, como nación, poida ter espazo, dereito á existencia nun deseño, nun marco como o do actual Estado español e o da Unión europea. Tan iluso como a pretensión de que nos podemos desentender del e das institucións, máis ou menos democráticas, que o vertebran. Nunca deixamos de actuar nelas.
Na política do BNG hai deficiencias e erros. Porén, non están no "demoníaco" leninismo dunha parte (a UPG), xa que non pasa de ser unha análise do capitalismo na fase imperialista... Moitos menos están en procesos internos impecábeis, do punto de vista democrático, que debían ser obxecto de loanza, e especialmente en contraste con outros partidos. Ás veces a discrepancia non ten máis vías de solución que o voto, acreditando como acredito que sempre é mellor o acordo, a solución pactada e dialogada. A definición da liña política do BNG faise de forma asemblearia e por decisión da maioría. Somos compañeiros de viaxe dela. É a que intentamos aplicar: para iso é acordo colectivo e democrático. En efecto, representamos a continuidade lóxica do nacionalismo de Castelao. Asumímolo e responsabilizámonos diso. Falemos con precisión. Unha alternativa antitética á do imperialismo ou centralismo, que non nacionalismo, español. Como se pode catalogar da mesma maneira o oprimido e o opresor? Só desde unha connotación negativa podemos facer tal homologación. Non é de estrañar esa tendencia a falar hoxe de "galeguismo", unha entelequia política, destinada a facernos crer que pode existir unha posición práctica ao servizo de Galiza en partidos estatais ou a acreditar en que o positivo sería contarmos cunha alternativa galega non nacionalista. Hoxe por hoxe, non hai na Galiza nada relevante, agás o BNG, que asuma que o pobo galego é suxeito político, con dereitos inalienábeis, con vontade política e afán por construír un espazo de decisión e un espazo de comunicación propios, con lingua e cultura de seu. Sen unha conciencia e unha vontade nacionalista non hai capacidade nin interese para construílos. Velaí o problema.
Claro que Galiza está nun momento crítico, como crítica é esta fase da globalización, con españolización reforzada. Naturalmente que o nacionalismo ten problemas para avanzar e ten fisuras. Problemas derivados da fraxilidade, da indefensións, da febleza da nosa conciencia nacional. Mesmo os nosos conflitos internos nunca viñeron do exercicio de non se sabe que leninismo, senón de esforzo por manter o nacionalismo. Mais a capacidade de resistencia, as potencialidades do noso pobo, as contradicións que experimenta, son maiores do que ás veces pensamos. É posíbel que o BNG non as aproveite sempre con habelencia ou non saiba desenvolvelas sempre a tempo ou con maior decisión. Porén, é o único disposto a enfrontarse cos deseños e estratexias anuladoras do país, articuladas por poderosos enemigos. Desde unha posición política a prol de Galiza, deben ser o centro dos nosos ataques e críticas. O único que acaba sendo irrelevante para mellorar o país, pero prexudicial para os que non teñen culpa do seu estado, é proxectar as nosas frustracións contra quen aspira e se esforza por non sermos un pobo irrelevante, premido á autonegación. Amigo Suso de Toro, permíteme este trato, esta é a dialéctica real. Pensa que, se o BNG é o único nacionalismo que existe, será por algo. Acredito que é o único existente porque se asentou nunha vontade que dimana da nosa existencia como pobo, como nación. Por iso non quixo sumirse, identificarse, nun preciso momento histórico, o comezo desta democracia limitada, desde unha posición marxinal evidente, cun proceso, cun deseño do Estado autonómico, que está a dar de si o que dá, non digamos na Galiza. No actual situación crítica o problema de Galiza, e o problema do BNG tamén, está no convencemento e na asunción da idea de que, sen conciencia de país, sen vontade de existir, sen identificación do nacionalismo cos intereses populares, non hai futuro. Tampouco para a nosa lingua e a nosa cultura, incluída a que ten unha sólida tradición, a literaria. Velaí a nosa debilidade, o noso conflito, o noso problema. Tamén a nosa solución...