O nacionalismo galego entende de economía


O BNG está a desenvolver na sociedade e nas institucións unha campaña sobre a situación económica de crise que atravesamos. A base discursiva atópase recollida no recomendábel documento "Unha saída á crise baseada na economía produtiva e as políticas sociais" aprobado polo Consello Nacional. A mediática empéñase en ocultar as propostas económicas e sociais do nacionalismo, no intento de especializalo -a ollos da sociedade- na exclusiva defensa de temas considerados 'identitarios'. Conxurármonos neste 1º de maio no traballo en común entre a organización política e a sindical do nacionalismo, ha contribuír a impulsar a faciana económica e social do noso proxecto.

A economía é materia xenética central da teoría política propia creada en Galiza polo nacionalismo ao longo da súa historia. Para a proclamación da nosa condición como nación; para definir a nosa inserción dependente no Estado español e alén del no sistema económico capitalista; para o trazado historicamente continuo das liñas dun desenvolvemento económico autocentrado e interrelacionado en función dos intereses populares; para a avaliación da reforma que permitiu transitar do franquismo ao actual sistema político español asentada no deseño económico dos Pactos da Moncloa; para a crítica ao "proceso de integración económica" ao servizo exclusivo do capital desenvolvido en Europa en tratados e fases sucesivas; para contestar a destrución antisocial das políticas de benestar creadas en Europa como contrapeso ao bloque soviético após a súa queda; e mesmo para escoller bando sen dogmatismos nin adhesións incondicionais nos posicionamentos en materia de relacións internacionais. E para a defensa da paz e do antimilitarismo, da xustiza social e da diversidade cultural e lingüística. Para sermos internacionalistas e antiimperialistas. Todo mestura de historia e actualidade, porque o presente ten pasado.

Con actos públicos, mobilizacións sociais, posicionamentos mediáticos e iniciativas institucionais, o BNG leva dando resposta analítica e suxestiva á crise económica actual desde o seu inicio. Corroboran esta afirmación a presentación dunha proposta concreta de reforma fiscal progresiva, a proposta de redución do déficit público sustentada nesa outra fiscalidade e na racionalización da administración periférica do Estado ou do gasto militar, e as propostas en favor do gasto produtivo e social e dos servizos públicos para superar as consecuencias da crise económica. Na mesma dirección camiñaron os esforzos do nacionalismo por evitar a deslocalización do aforro galego e o bloqueo político estatal e comunitario de sectores produtivos estratéxicos como o naval, o pesqueiro e o leiteiro.

A Confederación Intersindical Galega (CIG) chega ás mobilizacións do 1º de maio após meses de enfrontar na rúa e nos centros de traballos as consecuencias máis directas da crise sobre o emprego e os salarios, e sumando no seu haber achegas diversas en materia de política económica.

Nada a ver coa asunción que partidos e sindicatos españois están a facer do recetario económico reformista da dereita liberal, dispostísimos todos eles a pactaren reforma laboral e das pensións para, unha vez salvados os causantes da crise por inxección millonaria pública, situar como problema no foco público un mercado laboral que nada tivo de ríxido nin de xeneroso en termos salariais nos últimos anos. Que non foi culpábel da crise económica.

Facer esvaecer o discurso económico do nacionalismo é o gran contributo dos grupos empresariais de comunicación ao 'pacto social' e á 'confianza' no sistema. As marxes do debate non deben moverse da discrepancia 'floral' e preelectoral entre PP e PSOE. Nin da 'dura' negociación sobre o alcance final das reformas -iso si- antisociais entre a patronal e CCOO-UGT.

En Galiza, se do sucursalismo dependese, a cuestión non iría con nós. Somos incompetentes, alén de incapaces. Feixóo apunta a Madrid e predica austeridade para xustificar a inacción ou o desmantelamento de servizos públicos básicos, mentres fai medrar en 421 millóns de euros o gasto corrente da Xunta e só executa o 58% do orzamento adicado a investimento. O PSdeG apunta ao mundo e achanta con Madrid coma sempre e coma nunca, levando por diante intereses e competencias galegas sen rubor, apoio ao FROB incluído.

Convén logo relanzar e dimensionar socialmente o noso discurso económico, tarefa que require pór en común esforzos e estratexias sobre a naturalidade dunha ampla coincidencia analítica e práctica ao longo dos anos e na actualidade no deseño económico do proxecto nacionalista.