O médico de O Incio
16 de agosto de 2012 (00:00 h.)
O meu amigo Xulio López Fernández, tamén emigrante en Euskal Herria, que é daquela zona a que Ánxel Fole denominou Terra Brava, deixoume o libro Siembra y memoria. Muerte y evocación de un médico republicano, que conta as vivencias e o brutal asasinato do doutor Manuel Díaz González, escrito polo investigador da Universidade Nacional Autónoma de México, José Luís Díaz Gómez, sobriño do asasinado, e editado en español por Cátedra del exilio.
Non tardaron moito os fascistas en aproveitar a impunidade que lles daba o levantamento militar para vingarse dun home bo ao que non lle perdoaron a súa militancia republicana e de esquerdas, nin a súa amizade con militantes galeguistas, como o propio Castelao, con quen estudou menciña na Universidade de Santiago e que estivo varias veces na súa casa de O Incio, pois o 11 de setembro de 1936 remataron coa vida dun doutor que sempre axudou aos mais necesitados exercendo gratis a súa profesión cando era necesario e incluso dándolles cartos para as menciñas cando a necesidade era tal que non as podían mercar. Eran sabedores da súa bonhomía pero esa virtude non era ben vista por aqueles sanguinarios que desprezaban e odiaban a todos os que non pensaran coma eles.
Ao ler o libro lembreime doutro médico e poeta republicano nacido en Mondoñedo, Manuel Leiras Pulpeiro, ao que tamén chamaban O médico dos probes por utilizar a súa profesión para ben da sociedade e non con afán de lucro ou como privilexio para os ricos, como queren facer agora os nosos gobernantes, do entorno ideolóxico daqueles criminais fascistas, privatizando a Seguridade Social para que os seus amigos e familiares fagan negocio coas nosas enfermidades.
Manuel Díaz González naceu na parroquia de Sirgueiros, do municipio de O Incio, un día antes que Castelao, o 29 de xaneiro de 1886, estudou menciña en Santiago e alí tamén coñeceu a Antón Vilar Ponte cando o fundador das Irmandades da Fala estudaba farmacia. Foi o primeiro de once irmáns e non tivo unha vida doada xa que aos once anos padeceu unha meninxites que lle cortou o crecemento chegando a ser un adulto de pequena estatura, o que lle valeu o cariñoso sobrenome de O Pequeniño do Incio.
,Era un militante socialista pero, influenciado polo seu amigo Antón Vilar Ponte e do propio Castelao, profesaba un nacionalismo galego dentro dunha racionalidade crítica e o servizo dos mais humildes, que loitaba contra o caciquismo e contra os burócratas do Axuntamento.
Nun artigo da revista Nova Galiza de 1938 un rapaz de Eirexalba, ao que días antes lle asasinaron o pai, testemuña o suplicio do doutor nun relato aterrador: Ao médico, antes de matalo, levárono pola estrada en procesión, atado a un cabalo, até que se lle esgotaron todas as enerxías. Logo matárono. Eu mesmo oín os disparos. Estábamos un tío e mais eu traballando na terra; sentín alí cerca tiros de fusil. Cando trataba de saber o que sucedía meu tío chamoume a atención e díxome que non mirara que algo malo me podía ocorrer. Contesteille que despois do que nos sucedera – xa mataran a meu pai- nada peor podía suceder. Polo tanto saín a estrada e vin tendido alí ao doutor que tanto ben fixera aos probes e polos que tanto había loitado. Como a meu pai, deixárono morto no medio da estrada.
A descarga tamén a escoitou a súa irmán mais nova, Lola, quen ao saber que desaparecera da cadea de Monforte votouse na súa busca pola zona de Laiosa e, as 8 da tarde, cando volvía nun autobús de pasaxeiros cara O Incio veu como unha cuadrilla de falanxistas armados o levaba pola estrada coas mans atadas ao rabo dun cabalo e coa fronte ensanguentada. A irmán, imaxinando o que ía ocorrer, berroulles toda indignada pola ventá do autobús: Matádeme a min, fillos de mala nai, eu son a comunista, matádeme a min e non a ese santo! El seica intentou calmala para evitar outra traxedia, pero cando o coche pasou formouse o pelotón e, despois de que rezara unhas oracións, ao momento de dicir “Jesús”, como el mesmo lles pedira aos verdugos, iniciouse a descarga que rematou coa súa vida.
Por si lles parecera pouco a infamia do asasinato, aínda tiveron o valor dos covardes de cortarlle, despois de morto, o dedo no que levaba a súa alianza de médico, alianza de ouro que recuperou a familia tempo despois, cando un veciño lles dixo que a vira na man dun dos verdugos. Camiñante, cuspe aquí, diría o poeta de Celanova.
Non serei eu quen clame vinganza, nin semente odio contra os que cometeron este acto tan covarde por mais arrepío que sinta. Non farei o mesmo que fan eles en Euskal Herria. Nin sequera lles esixo que pidan perdón; porque pedir perdón, como di o autor do libro, non son palabras ocas senón un acto privado que ten que acoller cada un no seu foro interno. Simplemente pido xustiza para recuperar a dignidade dunha persoa lembrando este acto criminal e recuperar a súa memoria, sabendo a verdade do que aconteceu para que non se volva a repetir, xa que canallas deste tipo séguense dando como a mala herba entre o millo; a nai que os pariu goza de boa saúde e os seus fillos ideolóxicos van de sobrados porque a base de mentiras, ameazas e enganos desgobernan a nosa nación e este ruinoso imperio español que nos asoballa.