O lume do verán apágase no inverno
20 de agosto de 2010 (00:01 h.)
Agora Feixóo chama á colaboración cidadá para apagar uns incendios agochados pola súa política de (des)información. Ao pouco de chegar a San Caetano desmantelaba un dos servizos máis eficaces na prevención do lume: o Voluntariado en Defensa do Monte Galego.
Está a queimar o idioma, a cultura, a sanidade pública, o ensino público... mais caeriamos na mentira de dicirmos que é a Xunta quen queima os montes. Porén, certo é que son eles, con Feixóo á cabeza, os que nada fixeron por evitalo ao longo do inverno e da primavera. Así, subestimaron un problema que, cunha política preventiva axeitada, podería ser minimizado. E xustificárono coa súa palabra comodín, a "austeridade", que o PP aplica en todos os eidos onde quere meter a tesoira e que esquece para renovar os concertos dos centros de ensino, para acabar coa lingua, para privatizar a sanidade, para mercar novos coches oficiais, para promover a visita de Bieito XVI ou para presentacións sobredimensionadas acerca de políticas como o Plan de Ordenación do Litoral...
Mais para que gastar no monte se non é rendíbel electoralmente?, pensarían os membros dunha Xunta que abandona a súa sorte os veciños e veciñas do rural. Mellor que o Goberno se centre en recibir os presidentes da Comunidade de Madrid ou da Comunitat Valenciana para que os medios estatais falen dos "madrigalegos" porque do Banco de Terras, das UXFOR, da roza dos montes... non van falar, e iso a Feixóo, máis preocupado de viaxar a España que de resolver os problemas dos galegos e galegas non lle agrada en absoluto.
De informar das vacacións dos conselleiros, a Xunta viuse na obriga de (des)informar sobre os incendios. Até o tráxico suceso da semana pasada en Fornelos de Montes, onde finaron dous brigadistas mentres tentaban apagar un lume, o Goberno parecía deixar "a monte" a información forestal. Nin comparecencias, nin balances. Toucoulles falar, mais a propia Consellaría do Medio Rural segue a presumir de non informar sobre os incendios menores de 20 hectáreas, "para que?, se son conatos", afirma. Para evitaren que a sociedade perciba que co PP na Xunta o monte arde, ocultan sen descaro datos baixo o paraugas do "efecto chamada" que provocarían estas noticias no país, efecto que, pola outra banda, desmenten os expertos. Até a propia Fiscalía Superior de Galiza rexeitou a teoría fantasiosa de Feixóo.
A culpa, do BNG e do galego
Á marxe de restrinxir -e por que non usar a palabra "censurar"- datos dos incendios, o Executivo do PP ofrece informacións sospeitosas ao contradicir as que nos achega o Ministerio de Medio Ambiente. Baixo mentiras sobre o número de hectáreas queimadas, sempre tirando polo baixo, o Goberno galego agocha a súa inoperancia.
Retrocedamos ao 2006 e observemos a actitude do hoxe presidente da Xunta. Daquela, preferiu aumentar até 175.000 as ha. calcinadas nos montes da Galiza, fronte ás 77.000 dos datos oficiais, amparados pola NASA. Foi o verán no que o BNG era culpábel até do mapa do tempo que predicían os meteorólogos. Era entón o momento da máis doada -e pouco intelixente- demagoxia, que agora se lles vén enriba. Era entón o momento da tan repetida foto do que se facía chamar "líder" da oposición cunha mangueira na man ao máis puro estilo mediático, como Fraga en Palomares (ou Obama no Golfo de México) ou o momento de cuestionar o BNG polas probas de galego na selección do persoal das brigadas. Se vai ser a lingua quen lle prenda lume ao monte!
No canto de rectificar, Feixóo opta por tentar remexer as conciencias do pobo e pide agora "colaboración". Verase desbordado ante as informacións dalgúns (os menos) medios, que alertan da redución en 8,7 millóns de euros do orzamento dedicado á prevención forestal -coa conseguinte diminución das axudas para a roza- das denuncias veciñais ante un monte devorado polas malezas -que é todo un polvoreira- ou das advertencias por parte das brigadas de medios obsoletos e brigadistas sen formación axeitada. A reacción da Xunta: "facer un chamamento á sociedade" para que "colabore" ante a situación.
Unha vez máis é doado comprobarmos a hipocrisía do PP. Piden axuda os que desmantelaron, ao pouco de acceder a San Caetano, o servizo de Voluntariado en Defensa do Monte Galego, creado pola Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade tras a catástrofe do 2006. Baixo a máxima de vixilancia, limpeza e restauración, os voluntarios e voluntarias implicaban a sociedade nos labores de prevención coa sensibilización e a educación ambiental, disuadían os incendiarios con rutas desde marzo, colaboraban na roza das malezas e puñan en valor os recursos do rural.
Agardemos que Feixóo aprenda que os incendios do verán deben apagarse no inverno, que aprenda que a clave fica na prevención e non en afanarse na extinción, que aprenda que o lume nos proe e queima aos poucos o noso ADN colectivo como pobo.