O Festival de Pardiñas, lugar de festa e encontro
A mediados dos anos setenta do século pasado, no outono de 1976, xusto tres anos antes de coller eu o camiño da emigración para Euskal Herria, chegou a miña bisbarra de Guitiriz o crego e bergantiñán amigo Afonso Blanco Torrado, quen nada mais chegar empezou a outonar nesta comarca xuntando rapaces, e menos rapaces (como o finado Vito López-Felpeto, que o estaba esperando na estación) para fundar a Asociación Cultural "Xermolos" e facer xermolar así a nosa cultura en todas as súas formas. Adaptouse tan ben a Terra Cha e fixo tanto por ela que hoxe considerámolo chairego de honra e de nación. O Afonso, que é crego de seis parroquias, é un traballador incansable que as veces antepón o traballo polo seu credo e pola nosa cultura a súa malpocada saúde.
"Xermolos" creou escolas de gaitas, de canteiros, de baile; edita libros e revistas como "Guieiros", "As Nosas Raíces" ou "Cadernos", así como outras moitas actividades tanto culturais como deportivas. Esta Asociación é un puntal que terma da cultura galega mais alá das fronteiras das gándaras de Guitiriz e incluso da Terra Cha, é un mundo dentro da nosa cultura e un exemplo de dedicación, traballo e constancia que xa me gustaría ver en todas as zonas de Galiza. Catro anos mais tarde da súa chegada, no ano 1980, organizan o primeiro Festival de Pardiñas, ou "Feira e Festa da Música e da Arte" coa intención de dar a coñecer o mellor da música galega e mostrarnos aos galegos a música que se fai por outras nacións. Por Pardiñas pasaron os mellores grupos de música popular de Europa, África e América, e iso a pesar dos precarios medios económicos con que contan.
Outras actividades importantes deste Festival son as exposicións de pintura i escultura e a entrega dos premios do "Certame Terra Chá de Literatura e Debuxo Infantil" que tamén organiza a Asociación e que se expoñen todos os anos na antiga escola de Pardiñas convertida agora na "Casa das Artes". Aquí elévase á máxima aquilo de que soamente se pode ser libre si temos a suficiente cultura para poder decidir por nosoutros mesmos, preparando e incentivando aos nenos para que iso sexa así.
No ano 1994 engádese ao Festival a "Mostra de Instrumentos de Música Tradicional" que se ven celebrando desde ese ano con pregoeiro propio, actuación de grupos aparte dos do Festival, exposicións de instrumentos musicais, artesanía e outras manualidades. Dentro desas actividades este ano fíxose a presentación do disco de "A Quenlla" titulado "Os Irmandiños", baseado nos poemas da obra de teatro de Manuel María "Unha vez foi o trebón", musicado por Mini e Mero do citado grupo. Foi precisamente neste Festival, fai agora quince anos, como comentou o propio Mero, cando Manuel María lle pediu que musicaran eses versos para confortar a estima de ser galegos, para que non nos anulen a vontade de ser i emocionarnos novamente co que somos. Esta sinxela pero preciosa presentación, na que tamén estivo presente Saleta Goy, compañeira de Manuel María, correu a cargo de Mini, Mero, Marica Campo, Miro Casabella, Xosé Estévez, Xosé Neira Vilas, Avelino Pousa Antelo, Xosé Abella e David Otero que nos deleitaron explicándonos a épica dos Irmandiños que nos negaron na escola, informáronnos brevemente dos persoeiros e dos acontecementos que se deron durante a primeira revolución social de Europa, que tivo lugar cincuenta anos antes dos Comuneiros de Castela e que nos foi ocultada descaradamente para domarnos e castrarnos tamén a memoria. Lembráronnos que o pobo que non coñece a súa historia está condenado a repetila en forma de traxedia, e que o que escribiu o Manuel María sobre os Irmandiños segue vixente i estase a repetir, si comparamos, como dixo Marica Campo, a Nuno Pérez de Andrade (O Mao), sementador de odios e pelexas, cos que hoxe utilizan o idioma para nos enfrontar e dividir.
De alí saímos coa convición de que tamén as nosas verdades temos que repetilas mil veces para que se convertan en tales e non deixen de existir.
"Nestes 31 anos do Festival de Pardiñas, fomos formando unha familia que se xunta cada ano para celebrar a vida, co mellor que sabemos e temos. Pero tamén cada edición temos que celebrar a vida para sempre dalgunha e dalgún dos nosos amigos" din na revista do Festival deste ano e diso podo dar creto, xa que o Festival de Pardiñas xunto co Día da Patria é para min un xeito de ver vellos amigos e facer amigos novos, cargar as pilas esgotadas de estar todo o ano sen a patria, sen a seiva nutricia, que diría Celso Emilio. Alí atopeime con xente coñecida como Darío Xohan Cabana, Xan Muras... e con outra xente que tiven a sorte de coñecer este ano como a compañeira Iria Aboi, a parella formada por Koldo e Pillare de Irún coa súa nena, cos que falamos da complicada pero esperanzadora situación política en Euskal Herria; Xosé Manuel, fillo de emigrantes, nacido en Sestao e veciño de Vilar das Donas (como lle gusta dicir a el) e que anda na teima de recuperar para o pobo o castelo de Pambre e outros tantos amigos da cultura e da política que loitamos por unha Galicia de noso, pero tamén para lembrar aos que xa non están entre nós e notamos o seu baleiro ano tras ano.
Mentres que podamos faremos por que non noten a nosa falta. Alí estaremos. Sempre.