O discreto encanto da progresía


Como "progre", no senso deste artigo, non se autodefine practicamente ninguén, pero isto non invalida a súa existencia; tamén escasean os que se definen como burgués ou capitalista e existen, vaia se existen. Foxen do rural e do mariñeiro por anticuados e de pouco nivel; a súa achega a estes mundos limítase aos aspectos etnográficos e ambientais. Independentemente da súa residencia, á progresía é basicamente urbana.

O mundo obreiro resúltalle áspero, pouco cultivado, e tratan de diferenciarse da burguesía clásica por "estirada" e "carca". É tal a súa incomodidade en relación a todo tipo de estratificación social que chegan a teorizar sobre a desaparición das clases sociais. Claro que esta incomodidade e esta negación condúceos á ideoloxía individualista burguesa, ingrediente típico do universo "progre".

A destacar a ideoloxía do "don". Os "progres" teñen un gosto, unhas preocupacións, unhas actuacións moito máis importantes que as do común dos mortais. Esa "importancia" escapa a toda racionalidade; se vostede é un profesional en calquera ámbito, por moito que obxectivamente teña o mellor desempeño, non pretenda que o círculo de progres lle recoñeza o seu labor. Perde o tempo se non pertence a ese grupo; se polo contrario, é vostede un deles, terá garantido o seu aplauso.

Progres hai en todas as categorías e clases sociais, pero con especial incidencia no mundo da cultura, do alto funcionariado e dos profesionais; esta é outra característica: maioritariamente teñen estudos superiores. A súa orixe de clase pode ser variopinta, pero pasan por cultivados, viaxados, cosmopolitas; nunca confundir cos "pelaghatos" que chegaron a ter estudos universitarios.

Se vostede non pertence á progresía pero aspira a sé-lo, un manual básico:

·Distánciese do marxismo actuante, da liberación nacional propia e outros conceptos similares, sempre en clave de anticuados e desfasados.
·Se pertence a unha organización política, será sempre en posto destacado e/ou con grande peso das súas opinións. Caso contrario, xa se sabe, o vulgo é ignorante e dogmático.
·Aínda que as teña tomadas de antemán, presuma de facerlle un sesudo estudo ás súas decisións políticas, voto incluído.
·Teña sempre a man unha crítica para case todas as actuacións colectivas, especialmente se son dos sindicatos de clase. O de "queimado" por grandes sacrificios anteriores, reais ou supostos, será eixe central pero non único.
·Coma, se pode, nestes restaurantes de comida moderna e de deseño.
·Merque mobles de deseño actual e avanzado aínda que saiba de antemán que non lle van durar mais que uns meses.
·Teña un vehículo ben visto polo mundo "progre". Mercedes, Audi ou similares, aínda que sexan mais baratos que o seu, será de carcas, e, pola contra, un coche "normal" demasiado prosaico.
·Nunca diga que vai de excursión ou como turista salvo aos lugares de "culto"; o motivo deberá ser un acto, conferencia, exposición ou similar.
·Se pode, vista e calce de marca elitista, pero que pareza común, de "casual wear". No seu defecto algo con toque "progre".
·Lea, relea, empápese do ideario e das recomendacións culturais do "periódico global (ou colonial?)". A súas preocupacións e a súa opinión deben ter esta guía.

Parécelle moi complicado? Pois claro que o é, e moito, pero a xulgar polo satisfeitos que se lles ve aos "progres", debe merecer a pena. A tarefa é moi esixente: se cumpre, durante un período mínimo de dous anos, a maioría cualificada das anteriores recomendacións, pode non ser aínda "progre" auténtico. Non desespere; con esta base, só faltaría que algún "progre" xenuíno se apiadase de vostede e lle dese as claves máis finas. Confíe en que despois do esforzo, algún caritativo haberá.

Esnobismo "guai" e posmoderno, prexuizos actuais da pequena burguesía clásica ou as dúas cousas á vez? Que algún estudoso o aclare, pero mentres tanto reivindico que algúns autores sigan a senda de Molière, Buñuel ou Castelao e adiquen o seu agudo enxeño á progresía. Non sei se discreto, pero encanto, o que se di encanto, si que teñen. E xa tiveron moito mais!. Lástima de crise!