O decreto do carbón, un novo veto a Galiza
20 de outubro de 2010 (00:01 h.)
Unha nova decisión política que volve pórlle trabas á produción na Galiza. Así se pode ler o resultado do decreto do carbón, unha norma inadmisíbel que deixará paralizadas as centrais térmicas das Pontes e de Meirama até o 2014. E como lles afecta? O novo decreto incentiva a produción de enerxía eléctrica con carbón estatal, en detrimento do carbón de importación. As centrais das Pontes e Meirama foron transformadas hai anos para consumir o carbón de importación -máis ecolóxico e máis barato- tras esgotaren os seus depósitos mineiros. Neste proceso investíronse perto de 390 millóns, que ficarán agora inutilizados. Ademais das dúas centrais, veranse afectadas as empresas auxiliares e o colectivo de camioneiros, entre outros.
O nacionalismo, a través da CIG e do BNG, xa advertira no mes de xuño os prexuízos económicos que este decreto provocaría nas comarcas da Coruña e Ferrolterra, mais parte do PSOE, timidamente o PP, e os medios de comunicación "crearon" o problema hai escasas semanas. Tanto o Partido Popular como o Partido Socialista Obreiro Español láianse agora do aprobado cos seus votos no Congreso. Lembremos que o BNG presentara unha moción que podería evitar a aplicación do decreto, mais o PSOE -co visto e prace dos deputados galegos- votou en contra e o PP -tamén co visto e prace dos deputados galegos- abstívose: vía libre para rematar coa produción de enerxía eléctrica do país. Lembremos que a Xunta tivo a oportunidade de presentar alegacións ao decreto durante o trámite das consultas. Non alegou. O anteproxecto só recolleu os apuntamentos de Catalunya.
Agora, os socialistas, aos que hai que sumarlle CC OO e UGT -até hai unhas semanas calados- instrumentalizan as protestas e tentan enarborar a bandeira da defensa dos traballadores do carbón. "Son galego antes que socialista", así definía o secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, o seu apoio aos mineiros de Galiza. Mais como pode exercer de galego se asume os ditames de Madrid contra a súa propia terra? Pensarán o mesmo os deputados galegos do PSOE que votaron en contra da moción do BNG no Congreso? A linguaxe do PSOE difire en función do lugar no que se trate. Mentres o PSdeG admite na Galiza que o decreto prexudicará as centrais galegas, o PSOE négao en Madrid. O pasado luns, a ministra Helena Espinosa aseguraba que a norma "non terá ningún impacto en Galiza". En que quedamos?
A escenificación acadou o seu punto álxido no Pleno do Parlamento galego da pasada semana, onde PP e PSOE votaron a prol dunha iniciativa do BNG en defensa dos postos de traballo dos mineiros das Pontes e de Meirama. E é que se estima que os efectos do decreto do carbón poderían deixar na rúa uns 3.000 traballadores, aos que habería que sumar os que viven indirectamente da mesma fonte, unha conxuntura negativa semellante á que deixou tras de si a reconversión do naval.
En calquera caso, o PP e PSOE deberían rectificar e loitar por que se activen os resortes para que se recoñezan as especificidades das centrais térmicas asentadas na Galiza. Non serven as compensacións económicas, só serve a garantía do mantemento da actividade e, polo tanto, do emprego. É por iso que a CIG lle solicita ao Ministerio de Industria que o decreto reparta entre todas as tecnoloxías do sector eléctrico e en proporción á súa achega ao sistema a cota que por motivos políticos se lle asigna ao carbón español e que na redacción actual incide só no carbón importado e nos ciclos de gas.
Os galegos e galegas debemos ter o dereito de traballar na nosa terra. Non asumiremos tampouco que os nosos mineiros teñan que facer as maletas para seren recolocados en León ou Asturias. Non asumiremos outra decisión política de Madrid e de Bruxelas que cercene o tecido industrial galego. Nós non. Todo o noso apoio e folgos aos sindicalistas Fernando Branco -Nandi- e Alberte Amado, en folga de fame indefinida como protesta polas repercusións que terá na nosa terra o decreto do carbón.