O 23 M: unha resaca agridoce
27 de maio de 2011 (00:00 h.)
A actualidade imediatista tapa á actualidade. Esa é a voráxine na que vivimos. E cando aínda non tiveches tempo de dixerir o último bocado resulta que xa veñen novos pratos a acelerar a dixestión previa.
Os conformistas dirían que a realidade manda e os que nos resistimos a engulir sen mastigar diríamos que preferimos motivar a reflexión, despabilar o pensamento e fuxir dunha carreira despavorida que non conduce a ningures.
A carón dos resultados electorais das municipais celebradas o 22 M, instalouse un vendaval no que a mediática brama, dirixe, orienta, e tenciona solucións rápidas como se os partidos políticos fosen concursos televisivos para acadar o millón. Máis aquilo que se nutre de pensamento ideolóxico precisa duns tempos que non poden partir de obviar a análise pormenorizada do que aconteceu, especialmente polo carácter destas eleccións que espallan resultados propios en cada concello. Ninguén di que se haxa que adicar á vida contemplativa, pero as precipitacións non erixen base sólida para o futuro, as presas poden levar a terreos de areas movedizas.
Os resultados obtidos polo BNG nestas últimas eleccións arroxan algunhas leccións das que tomar nota. Hai elementos positivos máis tamén existen elementos negativos e preocupantes. Onde os nacionalistas galegos gobernan con alcaldía propia a cousa promete, aumentan os votos e as maiorías absolutas. Máis, a outra cara da moeda introduce a parte agre: os co-gobernos especialmente nas grandes cidades galegas non arroxan bos resultados, é unha zona de retroceso, de redución de votos e menos concelleiros/as que debe ser un motivo de reflexión profunda e detallada.
Unha reflexión crítica e autocrítica que non pode pasar por alto o contexto socio-económico e laboral. Hai que mirar o que sucede no macrocosmos no que habitamos e logo, e por suposto, o que sucede no microcosmos do BNG.
Un contexto hostil e duro
Partamos primeiro do grande para chegar ao pequeno. Situemos en primeira instancia ao BNG no mapa dun contexto de difícil, dura e case interminábel crise económica no que as eleccións municipais se desenvolveron como o ensaio dunhas eleccións xerais. Practicamente era un plebiscito a Zapatero, a hora de dar renda solta ao malestar acumulado polas políticas desenvolvidas polo Goberno central, e sobre todo os 5 millóns de parados a nivel estatal. Unha dinámica electoral imposíbel de quebrar porque a mediática foi machacona.
Ese foi o contexto trasladado tamén a Galiza, que non se salvou dos conceptos preestablecidos, obviando interesadamente que Feijóo é responsábel do incremento do paro galego até a escandalosa taxa do 17,33%, 226.000 desempregados. Fomos rotundos e críticos co Goberno central e co Goberno da Xunta.
Deixade que lembre que o BNG non apoiou as políticas anti-sociais do Goberno socialista: dixemos non á reforma laboral, non ás axudas á banca, non ao plan de axuste, non aos Orzamentos no que se conxelaban as pensións e se baixaban os salarios dos funcionarios e estamos dicindo que non aos recortes das pensións. Onte mesmo o Pleno do Congreso debateu a emenda á totalidade do BNG ao proxecto de reforma das pensións. Non houbo nada que facer, o proxecto seguirá o camiño da tramitación. Pero atención aos resultados: 175 votos en contra, 151 abstencións e 7 votos a favor da nosa emenda de devolución. O PP que tanto fala de recortes sociais nen sequera presentou emenda de devolución, practicou a abstención en liña co que mellor sabe facer, disimular e distraer.
O noso perfil en tal contexto global ese foi. Cumprimos co que de nós se esperaba. Igual que estamos á altura na Galiza facendo ver a inacción de Feijóo, un Presidente reducido a ver pasar a vida, en eterna contemplación recreativa, paralizado na vitoria electoral das eleccións do 2009 que é do que vive.
O contexto que envolveu as eleccións foi ese, todo preparado para o salto da dereita. E logo o movemento do 15M, que confeso que me tivo atrapada, abraiada e gratamente sorprendida cada vez que me acercaba á Porta do Sol. Por fin, por fin a mocidade se mobiliza, protesta, berra e amosa o descontente. Impactante de ver e grandioso nas tardes da caída do sol cando se xuntaba tanta xente nunha praza desbordada. Moitos aspectos positivos pero tamén unha mancha negra: o chamamento ao voto nulo. O máis que merecido castigo aos partidos maioritarios non debía converterse nunha máxima xeral de descrédito de toda a política. Hai quen se tiña que salvar da queima, non somos todos iguais.
Analizar o microcosmos do BNG
O seguinte paso é situarnos no microcosmos do BNG e aplicar a necesaria auto-crítica partindo de perguntas básicas que leven ao estudo das causas do retroceso urbano. Porque, humildemente penso que ese é un dos puntos esenciais. Que nos pasa nas cidades? Por qué continúa esa tendencia de perda de votos nas urbes? Débese só á extensión da mancha azul dos populares? Que é o que facemos mal para que non logremos parar esa tendencia iniciada xa no 2009? Que tren temos que coller nas urbes e cara que dirección?
Coido que a resposta a esas perguntas precisaría dun serio exercicio de responsabilidade colectiva de todos os que formamos parte desta organización. Sen acritude que diría algún vello político, sen vendettas, sen sangue e evitando erguer o dedo acusador. Un exercicio exemplar de posta en común dos erros e desacertos para finalizar co catálogo de solucións que tanto precisamos para enfrontar os retos do futuro, comezando polas eleccións xerais ao Parlamento do Estado, que parecen estar á volta da esquina. Precisamos de certa paz para facer as cousas ben.
Lamentémonos un tempo con sensatez pero despois a por eles.