Neno de Corcoesto
31 de agosto de 2013 (00:00 h.)
“Todas as persoas maiores foron primeiro nenos” –sentencia Saint Exupéry na dedicatoria inicial do Principiño-. Como obertura a un conto diferente, poético, que enaltece a creatividade e inocencia infantil fronte aos prexuízos e baixeza de miras dos adultos. Proba diso confórmaa a atención da crianza protagonista cara á rosa que medrou no asteroide B 612, onde el vive. Rosa mística e hipnotizante, coa que se pode falar. Semellante á cantada por Pondal; ¡ouh rosa de Corcoesto!
Tamén en Corcoesto hai cativos capaces de comunicarse coas flores; invencibles soñando. Pequenos que quizais descoñezan o tedio e probablemente non experimentasen o estrés. Mais que de seguro interiorizarían contidos moi interesantes. Sen ir máis alá, serán conscientes de que existen planetas, países e lugares alén do seu. Saben, por exemplo, onde está Canadá. Canadá soaralles a hockey sobre xeo, cataratas e folla de arce. Soaralles a francés máis inglés, a secuoia e a parque natural. E, agora, tamén a empresa, mina, ouro, cianuro e Edgewater.
E a un rapaz canadense que lle dirá “Corcoesto”? Nada. Absolutamente nada. Aínda que fantasíe do mesmo xeito que o bergantiñá. A pesar de que entenda a lingua dos pétalos e os pistilos. Por moito que intúa espazos xeográficos e galácticos afastados do seu norte continental.
En calquera caso, o argumentado ata aquí ha de tomarse cunha precaución que nos evite caer en equívocos innecesarios. Para empezar, convén destacar que Edgewater non equivale –nin por metonimia- a nación americana algunha. Como tampouco Corcoesto constitúe o único núcleo ameazado pola minaría salvaxe. Afirmalo rotundamente sería ficcionalizar a realidade.
Non obstante, todo imaxinario popular, por fantástico que sexa, se fundamenta en feitos auténticos. E a minaría de Corcoesto, ao igual que a invasión canadense capitaneada por Edgewater, non son unha excepción.
A base de verdade está clara: Edgewater e Corcoesto configuran símbolos prototípicos, emblemas dunha situación social e política tan concreta como transferible a outros contextos.
Edgewater representa os cairos do capitalismo depredador. Representa as fauces violentas da empresa privada sobre un couto preparado polo goberno, cómplice, interesado. É unha mostra de avaricia felina, sen sensibilidade, capaz de desgarrar a vida natural e humana para atopar diñeiro. Edgewater encarna o monstro impío da nosa fábula porque só posúe rostro oculto, escuro; demostra un poder destrutor ilimitado cara á especie da que forma parte. Unha barbarie que evidencia, ao mesmo tempo, a pouca estima da actual Xunta de Galicia polo país que habitamos, polo medioambiente e por un futuro sostible.
,Un porvir que, de cumprirse, murcharía por completo os versos do noso bardo nacional; ¡ouh, rosa de Corcoesto! E Corcoesto? Corcoesto simboliza o corpo da vítima. Compón unha metáfora dicotómica entre a distopía e o idealismo; alegoría que se estende a todo o territorio galego.
En consecuencia, o símbolo de Corcoesto está aínda por determinar. De nós depende que se converta na primeira ferida dun país cadáver, atravesado polo cancro da minaría ou nun bastión de resistencia, bandeira do poder popular, torre defensiva da Brigantia celta.
Edgewater e Corcoesto, capital fronte a país. Figuras retóricas dunha historia en exceso prosaica. Insignias que obrigan a tomar partido, a posicionarse, a pousar os pés na terra mollada para coller impulso e soñar. Con coraxe utópica. Como cativos…
Porque ningún rapaz merece carrexar o peso de estigmas adultos. Ninguén ten dereito a privalos de elixir nin a arrebatarlles o propio fogar.
Se Edgewater avanza, será demasiado tarde. As súas gadoupas arrastrarían a patria dos infantes, negándolles a capacidade de construír un futuro no seu medio. As poutas do monstro escribirían biografías mineiras, de éxodo, emigración e orfandade sobre os nenos e nenas dun país con metástase terminal.
Nunca se volvería escoitar a conversa dun pequeno coa vexetación. Xamais medrarían crianzas auténticas, que xogasen e creasen ceibes. A súa inocencia ficaría minada para sempre.
A pregunta está, pois, clara: pode unha empresa privada mutilar a esperanza de todo un pobo?
Eu creo que non. Eu creo que os nenos de Corcoesto –como os demais rapaces galegos- merecen un territorio onde fantasiar, sobre o que edificar unha posteridade á altura dos seus anhelos. Merecen árbores e flores ás que contarlles segredos. E o potencial infindo dunha natureza fértil. Equiparable aos bosques do Canadá; inglés e francés, hockey sobre xeo, arces e secuoias.
Iso precisan os nenos. Incluídos os fillos dos que dirixen Edgewater e dos Conselleiros. Altos cargos que un día foron crianzas tamén, por moito que agora traten de ocultalo.
Por iso, ao igual que Exupéry no Principiño, dedícolle este artigo á crianza que un día foi Feijóo, Agustín Hernández e os directivos da empresa mineira canadense. Con todo o meu agarimo por este país de monte, mar e vento no que crecín.