Municipais 2015: Tempo de Galiza


Existe o erro xeneralizado de pensar que nas eleccións locais, ás máis próximas ao pobo, importan máis as personalidades que as ideas políticas. Isto que pode ter algo de certo, véxase a longa historia caciquil imposta polo partido popular na nosa terra, é cando menos a expresión do que non pode ser de ningún xeito. O que ten que importar son os proxectos en común, deseñados polo amor á terra, á nosa lingua, historia, patrimonio e cultura, postos en marcha por e para as persoas co obxectivo de cumprir o seu dereito ás cidades, vilas e pobos de Galiza e consecuentemente proporcionarlles un hábitat sustentábel tanto económico, como cultural, de servizos e ocio. Exemplos temos dabondo.

E neses exemplos temos tamén un denominador común: os gobernos nacionalistas preocupados de verdade pola nosa terra e as nosas xentes, independentes de Madrid e para nada franquicias de movementos artificiais xurdidos de alí e para alí. O pasado mes de decembro presentábase en Allariz o libro da xornalista Mar Gil promovido pola Difusora de Artes, Ideas e Letras, “Allariz, a construción dun pais”. Esta obra, lonxe de ser un panfleto propagandístico, deixa que as imaxes falen por si soas e relaten a transformación experimentada por un pobo en 25 anos de políticas dirixidas a el e as persoas que o habitan. Este esforzo colectivo, froito dun intenso traballo de todas as veciñas e veciños, é o exemplo máis vivo de que a política si que importa e sirve para completar obxectivos. Nada que ver con experimentos de laboratorio sustentados en tertulias televisivas españolas que pretenden telo inventado agora todo.

O abafante poder que ostenta o partido popular, en Madrid e a Xunta, e as súas políticas de negación da identidade, cultura e lingua propias coa conseguinte posíbel perda da condición de nacionalidade histórica para Galiza convertida en laboratorio político ao servizo de Xénova e a redución ao mínimo da acción dun goberno galego absolutamente paralizado que antepón os intereses partidistas madrileños ao servizo a nosa nación, vexe reforzado polo despregue lexislativo da dereita coa intención de limitar ao máximo esa posibilidade de facer outra política desde os concellos. A nefasta reforma local e a Lei de estabilidade orzamentaria, entre outras, pretenden recortar ao máximo as competencias locais e atar de pés e mans as súas posibilidades orzamentarias, sometendo ao control de Montoro as súas actividades e derivando nas caducas e ávidas consumidoras de recursos, para si mesmas e as súas políticas clientelares, deputacións, moitas das competencias.

Se sempre foi necesario o traballo dos que aman verdadeiramente Galiza, son estes tempos, nos que se fai máis preciso pechar filas e poñer o esforzo conxunto, deixando de lado calquera outro tipo de consideracións, cara a pararlle os pés á agresión brutal, por uns e por outros, que está sufrindo a nosa terra. E son as vindeiras eleccións municipais de maio unha oportunidade para facelo, cara a ter as maiores responsabilidades de goberno municipal que permitan a posta en práctica de gobernos por e para o pobo galego.

É absolutamente imprescindíbel a defensa dos servizos públicos nos concellos. Non se pode deixar en mans privadas servizos irrenunciables, suxeitos as consideracións económicas de empresas particulares. Á vista da falta total de actuacións que atenúen a actual crise económica e o incremento galopante do paro, hai que reactivar a economía utilizando a xustiza social para saír da situación. Temos que protexer os sectores económicos máis afectados, entre eles o pequeno comercio, e impulsar as particulares potencialidades de cada municipio como motor económico local. A defensa do emprego ten que ser e o será eixo fundamental nas políticas municipais.

Que dicir dos ataques á identidade galega, a nosa lingua, a nosa cultura. Terán que ser os concellos os que nos protexan levando a cabo políticas activas de defensa e fomento do noso patrimonio, tanto dentro como fora das institucións locais. Confiemos que todo elo, xunto coas mobilizacións sociais, sirva ata que de novo na Xunta se volvan a ter responsabilidades que posibiliten a defensa do noso.

Non se pode obviar a situación económica dos concellos que dificultará todas as medidas comentadas. A situación económica e a lexislación imposta trae como consecuencia unha diminución dos ingresos propios, dos da Xunta e dos ingresos provenientes do Estado, no que incluso haberá que devolver cartos adiantados pola baixada dos ingresos previstos e sometidos a un reparto atendendo a criterios que prexudican claramente a Galiza, onde non se teñen en conta a nosa dispersión territorial nin o avellentamento da nosa poboación. Avellentamento por outra parte agravado pola fuxida ao exterior da xente moza necesitada dun traballo que aquí non se lles proporciona e que levan consigo un coñecemento que o noso investimento ten sufragado.

Estamos pois na hora dos concellos. O noso país ten que ser construído desde as nosas entidades locais cunha visión de integración nacional, dentro da propia diversidade que se da na nosa terra. Solo así poderemos vertebrar Galiza.



,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.