“Muera el nacionalismo separatista!”


"Maldito el nacionalismo separatista, que ha acabado para siempre! El que tenga guardado en un recóndito pliegue de su alma algún odio a España, será fulminado (...) Muera el nacionalismo separatista! (...) Viva la muerte! Viva la muerte! Viva la muerte!" Arrepiante. O autor de semellantes perlas é Millán Astray, o golpista que Carlos Negreira defende como "coruñés de pro" e ao que pretende devolverlle o título de "fillo predilecto". O discurso, publicado en La Voz de Galicia o 8 de setembro de 1936, pouco despois dos asasinatos de bos e xenerosos como Alexandre Bóveda, Ánxel Casal ou Camilo Díaz Baliño, foi pronunciado nunha visita do criminal á Coruña, unha cidade que a día de hoxe aínda conta con nostálxicos dun réxime que deixou máis de 100.000 desaparicións, que arrebatou milleiros de menores aos seus familiares e onde as execucións xudiciais e as torturas estaban á orde do día.

O negacionismo do seu aterrador xenocidio por parte de determinados segmentos da sociedade coruñesa, non só no seo do PP, senón tamén no seo do PSOE, aqueles que consideran que a transición foi idílica, fai que aínda perviva nas rúas da cidade numerosa simboloxía franquista. Precisamente o pasado domingo participei no "roteiro da vergoña" no que a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) reclamou, cunha pegada simbólica, a recuperación dos nomes tradicionais dunhas rúas que seguen a lucir placas que apelan aos horrores da ditadura como General Mola, Alférez Provisional ou Juan Canalejo.

Vergoña foi o que sentín eu, ao igual que moitas das persoas que asistiron ao acto, ao ver como a policía local reclamaba identificar membros da CRMH por cometer o "delito" de pegar tres autocolantes coa denominación orixinal das rúas: Avda do Porto (Alférez Provisional), Fonte de Santo Andrés (General Mola) e Rúa do Socorro (Juan Canalejo). Mais tamén sentín dignidade ao ver como o deputado e candidato do BNG ás Cortes Xerais pola Coruña, Francisco Jorquera, e mais a deputada Ana Luísa Bouza, lonxe de se amedrentar, lles amosaban as súas credenciais aos axentes e se prestaban a pegar o cartaz que ficara sen pegar. Foi tan ridículo o espectáculo das chamadas "forzas de seguridade", que as fotografías de Jorquera e Bouza ocuparon as páxinas dos xornais o día despois do acto reivindicativo.

Tolerancia co franquismo

E escribindo sobre memoria histórica, cómpre recuperar a memoria para lembrarmos a postura que mantivo o PSOE durante anos na Coruña ao redor da simboloxía franquista. Os Gobernos de maioría absoluta do PSOE, dos que formaron parte algúns dos actuais edís, mantiveron a postura de que na cidade non había simboloxía franquista, senón simboloxía histórica que había que conservar. Convivencia? Para nada. Pura tolerancia co franquismo. Así, foron moitos os Plenos municipais en que PSOE e PP votaban conxuntamente para rexeitar as numerosas iniciativas presentadas polo BNG para que A Coruña deixase de ser a capital franquista mesmo antes de ser aprobada a Lei da Memoria Histórica.

Non é necesario irmos tan atrás no tempo para comprobarmos que o PSOE segue a amosarse resistente a asumir o pasado e a revisar as atrocidades que se cometeron na ditadura. O 19 de xullo deste mesmo ano, o PSOE, tamén o PP e CiU, impediron sacar adiante no Congreso unha proposición non de lei presentada polo deputado e cabeza de lista do BNG ás Cortes Xerais, Francisco Jorquera, para reformar a Lei de Amnistía, de 1977. Negáronse así a que se investigasen os crimes do franquismo. Non é lóxico que xuíces españois investiguen os crimes de lesa humanidade cometidos en países de América Latina e que non poidan investigar crimes idénticos cometidos no Estado español. Esta é unha das moitas dores que provoca esta "democracia". E é que no Estado español, a diferenza de Portugal, o sistema actual naceu directamente da ditadura. Non houbo Revolución dos Cravos. Non houbo 25 de abril.

Desde o esquecemento e a impunidade non se poden fechar as feridas. As feridas só poden fecharse tecéndoas cun fío que entrelace a verdade, a reparación ás vítimas e a xustiza.