Morte aos pucheiros


Os pucheiros son uns poboadores atlánticos que coroan a testa cunha pucha.

Tamén lles podían chamar pucheiros porque son coidadores de puchos e de puchas e lles podían alcumar monteiros por cubrirse con monteira ou porque andan polos montes. Son xente culta de fala moi de seu.

No ano 2050 da era cristián nunha biblioteca da cidade das Burgas atopouse unha insólita reportaxe onde no Entroido do ano 2014 en varias celebracións populares: Laza, Vilariño de Conso,Salcedo, Ribeirao de Chantada, A Ulla, aparecía unha comparsa de xentes con vestimenta semellante a dos galegos e galegas da época de Franco e con camisolas inscritas que poñían: “son pucheiro”,eles, e “son paneira”, elas. As primeiras interpretacións que deron os expertos foron desatinadas. Non tiña nada a ver con temas de cousas de comer. Nin uns andaban entre cazolas nin as outras enfornando. Tampouco se refería a un xornalista de Chantada que fora director na post-guerra do xornal de orientación nacionalista “A Nosa Terra”, nin o de paneira era unha un xuntoiro de pan na eira. Tratábase nin mais nin menos que de unha manifestación de protesta feita de xeito disimulado que naquel ano 2014 tramaran en diversas comarcas de Galiza varios grupos de nostálxicos regueifeiros achegados ao nacionalismo, que ante informacións moi confidenciais que recibiran por medio dunha traballadora galega da Casa Real, de que era chegado o final da monarquía, e que xa cheiraba a podre. Estas xentes decidiron buscar de presa a súa identidade e facerse notar para ser alguén cando aquilo que estaba a podrecer pasara a ser moído polas miñocas. Eles eran “os da pucha” e elas eran as do “pano”.

Xustamente lle confiara tamén a informadora da Casa Real que os cronistas da corte comentaban que cando en Madrid se empoleiraba no poder algún galego de nacemento todo eran desfeitas na nosa terra. Por si fora pouco, tamén segundo a mesma informadora, estaban criando ao cacho outra res da mesma raza en Compostela, que tamén iría para Madrid, e que nunca lle deran curado o noxo e arrepío que sentía por tódolos pucheiros e paneiras.

A indumentaria dos ditos danzantes era a propia do Entroido de cada lugar, agás a grande pucha e o pano de seda que correspondía conforme ao sexo de cada quen,. inda que os seres do Entroido son do sexo que lle cadra.

Como en toda procesión, estes peregrinos do Antroido levaban o seu pendón.: “PUCHEIROS E PANEIRAS DE GALICIA-PPG.”, era a súa inscrición. De símbolos, un pano cincento e mais a pucha.

Como regueifeiros que eran e como correspondía ao Entroido ían a cantar coplas todo seguido co xeito da regueifa dando paus afeito sen deixar casco con xema. O que deu moito que falar e sospeitar, e puxo as autoridades en alarma, foi o feito de que as coplas eran iguais en tódalas comarcas Tal foi, que o Presidente da Xunta chamou a consulta ao xefe da vixilancia suprema, que estaba na Coruña, e mandoulle impedir que saíran as imaxes e as letras das ditas comparsas en calquera noticiario ou diario, pois todo parecía indicar, segundo as autoridades, que se trataba dunha rede de resistencia organizada, con apoios en Euskal Erría (polo da boina) e en Arxentina porque o pano parecíase ao das chamadas “nais de maio”. Que levasen no pendón as letras abreviadas do Partido dos Gobernantes de Galicia parecíalles reflectir a presenza enmascarada dalgún traidor das Terras próximas a os Peares; o que indignaba inda mais ao manda-mais da Xunta.

Non podo achegarvos con precisión os textos escritos de tales coplas porque non apareceron reflectidas en ningunha parte,non se sabe si polas ordes de censurar e impedir a súa difusión ou porque os organizadores sabían algo, posiblemente polo infiltrado de fronte aos Peares, ou pola intuición e ulideiras que dende sempre tiveron os pucheiros e as paneiras. O que si foi transmitido por tradición oral (unha forma de comunicación que inda existía naquela época) foron as mensaxes críticas (outra forma de entendemento que xa desapareceu) daqueles cantares. Eran cánticos de ledicia e orgullo de todo aquilo que os identificaba como pucheiros e paneiras e comezaban sempre (iso si quedou na memoria colectiva) cunha frase en castelán que din era o saúdo tradicional da monarquía: “Me llena de orgullo y satisfacción”. Logo seguían no idioma dos pucheiros e comezaban arremedando a leria da monarquía. Por exemplo: “Tamén nos enche de orgullo, e ademais satisfacción, si levaran para o entullo ao xenro do (música de trombón).

Sentímonos orgullosos de vivir coa choiva, coa neve e coa auga salgada, e manter durante moitos anos vida nos nosos montes e nas nosas rías. Sentímonos orgullosos de compartilos de xeito comunal inda que ben sabemos que nolos queren roubar. Énchenos de satisfacción ter un idioma ancestral e rural con moitas cantigas e refráns que os renegados non entendedes, nin falla que nos fai. Xa viredes ao rego vos e os vosos votos, porque “ o demo que as fai o demo que as descubre”.

Dise que o galego, o rural, cando está na escada non se sabe si sube ou si baixa. Non o saberedes vos, paxaros de mal agoiro e charlatáns de caravel no peto, pero nos ben sabemos onde queremos ir, e ben notamos que nos estades a empurrar na escada para nos guindar dela. Estades como carneiros topóns a turrar contra todo canto de sabio e lindo temos na nosa sagrada terra. Arrasades as aldeas, as fontes, os hórreos, as agras, os soutos e os searos… Sóbravos a sabia obra dos canteiros e a herba vizosa que remoen as vacas ao pe dos regatos. Sóbranvos tódolos cheiros, so vos cheirades a vos mesmos. So manexades números mouros de sobres na Suíza, en Xibraltar e nos podres casinos do fin do mundo. Poñedes anuncios con nomes que soan a Italia do Padriño. Ben sabemos, e estamos orgullosos deso, que no fondo das mámoas e medorras e ate nas laxas dos campos santos o noso pobo ten alma, que andades a vender como os petos dos aforros.

Arruinades e vendedes- si vos deixan- a Patria que non tendes nin queredes ter.

Foron moitos, segundo contan, os desafíos que aqueles pucheiros e paneiras lle lanzaron a todo o señorío estarricado e repoleiro cun canto de alalá! e tambor lixeiro mentres argallaban dunha regueifa para outra. O do a,la,lá! disque era unha burla por ter suprimido da pantalla pública da Galiza a última expresión que quedaba da música popular dos pucheiros.

Os danzantes do Entroido colleron con tanta canseira a propagación da súa carauta aldeán que seguiron varios días da coresma camiñando polos rueiros vilegos,coas mesmas pompas e festexos, chegándose a Compostela e mais a Vigo e a Coruña. ao son da danza; e con vasoiras de xesta e de uz branca bendicían aos poboadores das urbes cos fedorentos cheiros sobrantes de canto animal doméstico tiñan, mentres repartían cánticos laudatorios de chourizos, androias e botelos; queixos e empanadas; froitas e viños; lebres, troitas e lampreas. E con certa falla de respecto, no final do ¡ai,la,lelo…! cunha rexouba de roncón acatarrado cantaruxaban:

¡Que cheiro, que cheiro, que dan os vilegos! ¡Que cheira a can, que cheira a palleiro!
¡Que cheiro, que cheiro, que dan os pucheiros; que cheira a fartura no medio do inverno! .

Tampouco os cronistas da época, que ao parecer andaban todos ben untados, inda que fora na coresma, foron capaces de darnos explicacións de si foi casual ou adrede que aquela troula dos pucheiros e paneiras rematara en Compostela mesturados cos peregrinos.

Chegou o rumor ate os nosos días de que os regueifeiros foran xuntando por toda o territorio ao mellor de cada casa para as celebracións do Entroido e que durante 72 horas seguidas –que era naquelas datas o tempo legal máximo de incomunicación dun detido- estiveron cantándolle regueifas ao Arcebispo, para que as transmitira, e nas que acusaban aos manda-mais do Reino de Galicia de terlle declarada a guerra a morte aos pucheiros e as paneiras. Acusábanos de tratalos de xeito semellante a como na América trataron aos indios. Inda mais, falaban de derrubarlle con métodos raposeiros ate os primeiros e mais antigos restos, como as pallozas do Cebreiro ou O Piornedo, de expulsar a xente moza polo mundo para que os vellos morreran como cans amargados debaixo dos lousados, de perseguir a tódolos que andaban a organizar os poboadores e as súas terras e montes facendo unhas agrupacións que se chamaban “ Bancos de Terras”, e unidades dos comuneiros dos montes.

Aos homes e mulleres con sabedoría, e canseira pola vida dos pucheiros, fóronlle retirando toda relación con eles. Aquel enmeigado ano 2013 deixáronse de amañar camiños e facer concentracións de terras, afundíronse as cooperativas agrarias, retiráronlle os fondos para poder pechar os grupos de desenvolvemento Rural, trazaron de suprimir os concellos e arredar e reducir os servizos sanitarios, educativos e de todo tipo para lograr a extinción e morte dos pucheiros e das paneiras. Paralizouse a Consellería de Agricultura ( o pouco que quedaba), quitáronselle as axudas para atender aos moitos pucheiros e paneiras que quedaban tirados por vales e outeiros onde noutrora estiveran os castrexos. Foi tal a desfeita que o Gran manda-mais de Galiza cando quería aparentar que estaba a facer algo acudía a anunciar actuacións realizadas por outros, anos antes: Creación de pasteiros, certificacións das madeiras, ordenacións de pastoreo…

A pantalla grande dos noticiarios teledirixidos do Monte de S. Marcos daba uns tremebundos partes infernais de guerra que atemorizaban aos nosos vellos e facíanlle ver ladróns, delincuentes e matóns debaixo de cada tella da casa e de cada verza da horta. Pola contra –e iso foi un arte que nunca no futuro se superou- os delincuentes e ladróns mais grandes tiñan carta branca, e facíanlle cada mes un bando novo, unha orde ou un decreto a medida para acabar cos pucheiros, o mesmo que acabaron cos indios , e así facerse donos das súas terras e montes e de todo canto tiñan. Ate as mulleres en canto empreñaban xa quedaban rexistradas nunha folla de contribución ela e mais o “futuro”.

Aquela festeira rexouba dos regueifeiros comezou a poñer en solfa unhas letras escritas dende facía moitos anos nos libros, nas pedras e nas follas dos carballos. A partir daquel ano houbo moitas mudanzas nos selváticos rurais da antiga Gallaecia. Ate mudou o santoral; o Entroido facía renacer cada herba e cada pedra dos outeiros dos castrexos, púñanlle aos reis e aos caciques carautas de monstros tragadores e botábanos a xogar a seren ricos porcos aos antros dos seus clubs financeiros, e nos nosos montes nacía vida, moita vida. A vida e o convívio dos pucheiros coas súas puchas e as paneiras cos seus panos….