Millán Astray segue vivo

Millán Astray segue vivo

Non me refiro a Millán Astray físico, esa especie de home-mecano, fundador da lexión española, que lle berrou a Miguel de Unamuno o de "viva la muerte!", "muera la inteligencia", ese xa hai tempo que podreceu. Pero o que está vivo é o seu espírito, e cada vez con mais descaro.

Lembro os anos oitenta cando Ronald Reagan e Margaret Tatcher estaban no seu pleno esplendor, un miraba o que pasaba por aí fora e vía que aquí, excepto os que aínda levaban uniforme, á vista ou por debaixo da roupa, non se atrevían a falar así, e tiñamos a impresión de que iso aquí sería imposíbel (refírome ao descaro co que actuaban). Aínda que pola nosa terra xa estaba o papa de paseo o PsoE xa nos estaba a meter na OTAN e un dos eurocomunistas do PCE dicíalle á policía na manifestación do 23-F en Compostela "de aquí para atrás pueden cargar", (claro ninguén dos que estabamos alí eramos constitucionalistas).

Hoxe a dereita española xa non está calada, xa non quedan nas súas casas a ver como actúan desde as sombras os seus "axentes", xa non falan na intimidade como Aznar o catalán. Agora saen á rúa a manifestarse, pola "vida" ou pola "liberdade" lingüística, teñen canles de tv onde "vomitan" continuamente e insultan a todo o que non se move ou respira como eles. Tanta chulería que Aznar di que España xa loitou contra Al Qaeda na batalla de Lepanto ou Feijoo emocionado defendendo as touradas dinos que Picasso era Catalán (aínda que ao final dixo, "creo", por si acaso).

No noso país hai uns anos limitábanse a incumprir as leis sobre o galego que eles mesmos apoiaban no parlamento galego. Hoxe xa quitaron a careta, elaboran novas leis para eliminar o galego, falan español desde as institucións "porque falan con liberdade". E é verdade, séntense libres e o demostran.

Até os Bispos lanzados, aínda que a nivel mundial ao último que lle tocou foi a Estephen Hawkins, na súa obra Deseño Intelixente atreveuse a dicir que Deus non existe. Xa as igrexas cristiáns comezaron a berrar, como botan de menos o lume!, que sorte ten Estephen Hawkins de que agora non poidan queimalo!.

Pero isto é tan intenso que o impregna todo, por poñer un exemplo na canle odisea ofrecida por R apareceu o 5 de setembro como único destacado do día o documental "Teresa de Calcuta unha santa na escuridade" e a define como icona moral do século XX, a Teresa de Calcuta!, responsábel do padecemento e morte de milleiros de mulleres e nenos na India por oporse activamente ás medidas de control de natalidade do goberno. Icona moral!, o mesmo que o trío dos Azores que liberaron aos iraquianos do ditador Sadam Huseín.

Pero que foi o que pasou?, que é o que pasa para que falen con absoluta liberdade do "Ditador Chávez" e defendan ao demócrata Uribe ou o golpe de estado de Honduras?. Que é o que foi mudando para que agora se sintan os amos do mundo?.

Entón eu lémbrome de novo do 23-F, daquela en Compostela, na mesma noite do golpe, un militante de Esquerda Galega me berraba e dicía que a culpa do golpe a tiñamos nos, os comunistas, os nacionalistas extremistas, por provocar aos militares. É un razoamento sinxelo, os militares dan o golpe porque os provocamos. É o mesmo tipo de razoamento de hai que baixar os soldos dos funcionarios, subir o IVE, aceptar traballar mais por menos cartos e ir ao paro con resignación porque estamos nunha crise, que nos non a provocamos?, algo de culpa teríamos..., agora hai que axudar a recuperar a economía entre "todos". Que a xente non fala galego?, pois haberá que falalo só entre nos non vaiamos molestar, hai que ser educados. Con este tipo de razoamento (moi común), teríamos que ir correndo a unha tenda de chineses a comprar unha bandeira española non vaia ser que gañe a selección española e nos sen o trapo.

Calquera mariñeiro sabe que cando hai temporal hai que amarrar ben as embarcacións, e aínda cando o temporal e grande poden ter danos que logo haberá que amañar. Pero se as deixamos coa amarra frouxa calquera vento cativo nola leva. E sen embarcación xa non hai con que traballar, acabouse a pesca, acabouse o mar para nos, xa virán outros a levar o peixe.

Xa non vou falar dos " progres" de PsoE e IU, que xa hai tempo que traballan nos barcos doutros, ou cal e a diferenza en política económica ou lingüística (quitando as aparencias e as veces nin iso) entre eles e o PP. O que resulta preocupante é escoitar xente no BNG, que non é que lles treman as pernas, (que hai tempo que caeron sentados e teñen medo a erguerse de novo, estase cómodo no "sofá"!) dicir que somos demasiado radicais, que hai que escoitar á xente (como se os demais foramos xordos), facer o que quere a maioría. Pois nada!, a soltar amarras e que nos leve o vento, o malo e que xa sabemos de onde ven e para onde nos leva.

Son tempos difíciles, hai unha crise económica capitalista que estamos a sufrir os que non a creamos, temos un goberno do PP que está disposto a españolizar en catro anos o que non se fixo en 500, pero o peor de todo e que temos unha ofensiva ideolóxica do españolismo e da dereita que nos esmaga e na que é difícil respirar, pero se nos non aguantamos se non cumprimos co noso deber de nacionalistas defendendo ao noso pais e traballando polos nosos dereitos, quen o vai facer?.

A Millán Astray os "moros" foron quen de levarlle un brazo e un ollo, a estes que tanto gostan da "fiesta" que menos que levarlles as orellas e o rabo?.