Mártires de Sofán no esquecemento


Sempre que paso pola parroquia carballesa de Sofán lémbrome das súas mártires que seguen no esquecemento oficial. Sofán é unha parroquia que ata a primeira década do século XX era a máis poboada do concello de Carballo, máis incluso que a propia capital municipal. Sabido é que o movemento agrarista ligado ao galeguismo prendeu en Bergantiños onde sobresaen Ramón San Luís Romero ou Castor Monteagudo ademais do propio poeta zapateiro Xesús San Luís Romero quen na súa obra O Fidalgo arremete contra o caciquismo e clientelismo da Restauración.

A gripe de 1918, moi estendida pola primeira guerra mundial (1914-1918) foi a máis mortal do século causando millóns de mortos, segundo as fontes falase de 25 a 40 millón en todo o mundo. Neste contexto no concello decídese a construción dun novo cemiterio, incentivado polos sectores caciquís do poder, ligado aos irmáns Regueiro Vázquez, Manuel (médico) e Andrés (notario) orixinarios do Taramboio (Sofán) e pola súa vez servís do deputado Del Moral, da casa da condesa de Torre Penela. Exemplo da política corrupta e clientelar da Restauración.

A maioría dos veciños opóñense a construción do novo cemiterio e prefiren a ampliación do vello. A Xunta Local de Sanidade (Manuel Regueiro) e o concello clausuran o cemiterio vello en novembro de 1918. A xente non está conforme e segue enterrando aos mortos no cemiterio vello ata que estala o conflito o domingo 16 de febreiro de 1919 en que se ía a enterrar a un neno de catro anos. A Garda Civil, con algún matóns ao servizo dos caciques, intenta parar a comitiva fúnebre mais a poboación oponse e a resposta da Garda Civil foi salvaxe sendo o resultado catro mulleres mortas e varios feridos. As asasinadas foron: María Caamaño Pallas, que tiña sete fillos e estaba embarazada, Carmen Veira Souto, con catro fillos, María Serrano Paz e Josefa Bolón Mato.

Houbo moitas protestas, intentouse facer manifestación en Carballo que o poder caciquil impediu, pero si se fixeron na Coruña a pesar de que moitos carballeses non puideron ir pois o terror apoderouse da capital de Bergantiños. Nos locais da Irmandade da Fala da Coruña celebrouse un mitin onde falaron entre outros Peña Novo, Vilar Ponte, Blanco Torres e Casares Quiroga. O periódico galeguista A Nosa Terra recolle a información moi crítica en diversos números solidarizándose coas vítimas mais tamén lamentando que os labregos non puxeran máis enerxías en loitar contra o caciquismo e outros problemas máis graves que o do cemiterio ou o baldaquino no caso de Oseira. Lembremos a Castelao que recolle no seu Album Nós os feitos de Oseira (1909), Nebra (1916) e Sofán. Tamén o fai en Memorias dun esqueleto (Céltiga, 1922).

O concello de Carballo na II República,en 1932 sendo alcalde Francisco Bolón propuxo construír un monumento as mártires de Sofán por suscripción popular, comezando o propio concello cunha cantidade determinada. No mesmo ano en Sobredo, Guillarei (Tui) o escultor Camilo Nogueira realiza o monumento homenaxe as vítimas dese pobo noutro conflito agrarista (1922) polo impago dos foros. En Carballo despois no bienio negro paralizouse a iniciativa e logo a máis negra ditadura franquista imposibilitou levar a cabo esa homenaxe. E onte? E hoxe?. Quen se acorda de Sofán das mártires?