Máis alá do abismo e do horizonte


O concepto mutable da natureza

Actualmente tendemos comprender á natureza como un recurso ou como un valor, mais non sempre foi así. No inicio a natureza era un recurso, si, mais era tamén unha ameaza, en ocasións aínda segue séndoo. A imaxinación e a tecnoloxía permitiron superar os temores ás tebras, ao abismo ou ao horizonte, mesmo tamén ás divindades naturais ou ficticias.

Vivimos modificando a natureza mediante o traballo, e ao mesmo tempo ao longo da evolución biolóxica e cultural, modificámonos a nós mesmos. A evolución das sociedades humanas foi mudando o xeito de comprender e interpretar o mundo e a cada pouco un concepto entrou en crise para ser substituído por outro novo. Poida que dende as últimas décadas do século XX esteamos mantendo artificialmente conceptos arcaicos, mesmo a autoxustificación do propio capitalismo agonizante trata de impedir que decaian, e, ao mesmo tempo, esteamos abrindo novas amplitudes de miras e de perspectivas no paradigma da concepción do mundo para incorporar á natureza e á súa protección a un nivel preferencial.

Globalización e cambio

Actualmente as relacións socioeconómicas humanas, e da humanidade coa natureza, están afectadas pola denominada globalización que ten diversas consecuencias para a maioría da poboación mundial, entre as que atopamos: a radicalización das diferencias sociais, unha crecente alienación social, un incesante espolio dos recursos naturais. Todo isto debido á subordinación de todo proceso produtivo, ao beneficio do capital.

É posible que teñamos que imprimir unha forte presión para acelerar o cambio, no paradigma filosófico de compresión do mundo, co cal poder incorporar dun xeito definitivo a protección e o respecto ambiental aos alicerces básicos da nosa cultura.

Navegando máis alá do horizonte

Lendo sobre a historia Atlántica, podemos comprobar como dende que os antigos navegantes tiveron que vencer as súas propias limitacións psicolóxicas e culturais para aventurarse máis alá do horizonte, onde dicían que as augas caían en fervenza cara ao abismo, para descubrir que había máis horizonte, logo máis e así ata dar con novas terras.

Igualmente teremos que facer para poder acadar novos xeitos de xestión dos recursos e do ambiente, para tratar de chegar ao horizonte e tratar de ver máis alá, e unha vez vencidas esas reticencias poder chegar a asumir de xeito xeneralizado que no planeta ten que haber sitio para todos, recursos, usos e valores ambientais, e entre eles a propia humanidade.

Esta foi parte da exposición que realicei na xornada sobre a protección da biodiversidade a través da creación das áreas mariñas protexidas no congreso do Día Marítimo Europeo, celebrado a finais de maio en Xixón. Entre o público amais de representantes ministeriais estaban presentes representantes dos departamentos de biodiversidade e mar das comunidades autónomas, das confrarías de pescadores, de colectivos ambientais e doutros países europeos.

Agardo que algún deles siga rosmando sobre esa idea.