Louise Bourgeois e as arañeiras do medo

Louise Bourgeois e as arañeiras do medo

Era querida parte humana da "American Academy of Arts and Sciences" desa cidade-arañeira retratada por Mondrian en retículas de semáforos, jazz ou hip-hop, que é New York ; incansable, apaixonada, que recibía e atendía no seu estudo de Brooklyn a todo creador que a alí se achegaba para manter longas tertulias. Alí un xesto podía ser obra de arte, até que un infarto de corazón levouna no "Beth Israel Hospital" e nun derradeiro día do mes maio do 2010. Era Louise Carolina Bourgeois, unha moza de 98 anos que traballou ate as derradeiras horas, aquela que coas súas esculturas desafiaba ás arañeiras do medo, da opresión, ós tabúes do sexo... Obra tecida coas vivencias: a araña, as reixas, a masa, o falo, as cabezas gachas, o encerrado oprimido e o opresor.

Todos os grandes centros de arte contemporáneo do mundo, as cidades metidas en cuestións artísticas gustaron de ter entre as súas colección e nun lugar emblemático unha das súas xigantescas arañas de bronce. E así, como si fora baixo a mítica imaxe quitamedos do San Pedro de Dozón, paseamos baixo desas protectoras, xigantes arañas-pórtico co suxestivo nome de "Nai", matriarcas preñadas de ovos... a da Habana, a da Tate Modern de Londres, centro onde xa furamos mais fondamente polas teimosías da creadora para comprender o que manda o veleno das vivencias na produción artística; tamén o fixemos a carón do Nervión e do Guggenheim en Bilbao. Pasar baixo o arco dunha desas nai-araña de Louise Bourgeois é como un rito de iniciación ou de pasaxe, algo así, menor, que pasar baixo o Pórtico da Gloria Compostelán, un novo convite a abrir os sentidos e enxergar canto nos arrodea tras a xeometría-máquina dun fraxil monstruo de oito longas e artelladas patas.

"A miña infancia endexamais perdeu a súa maxia, o seu misterio, o seu drama, canto fago está inspirado nestes meus primeiros anos", dicía. Louise Bourgeois naceu no París do Saint Germain dos existencialistas, un día de Nadal do 1911, cando na casa os pais agardaban a un varón, polo que ó longo da súa vida portará o nome do pai e a súa forte influencia. Familia de acomodados restauradores de tapices, os que seguen vellas tradicións parisinas; criada nun desacougante tecer e destecer, entre tramas de fíos e telas. A guerra do 1915 reclama ao seu pai para axiña retornar ferido e uns anos despois abandonar á familia e marcharse coa institutriz dos pequenos chamada Sadie. Entón Louise dedícase a coidar a súa nai afectada pola gripe española e cobre o papel de pai-nai. Inicia estudos de matemáticas e xeometría na Sorbona, para deixalo e seguir os de arte nas mellores academias parisinas, alumna de Fernand Leger, o cubista que a canto fai dálle un aire de máquina robótica, el será quen descubra e anime o seu talento pola escultura. Louise acode ós talleres da movida rupturista de Momparnasse e ó Montmatre de Bretón, Duchamps, Man Ray, Miró... no 1934 fai unha viaxe de estudos a Moscú e na compaña de Paul Colín, representativo deseñador gráfico da época, autor de cotizados cartaces. Sinte curiosidade e atracción polo comunismo, un xeito de rebelión, "soamente por que provocaba ó meu pai". No ano 1937 casa con Robert Goldwater, historiador da Arte, especialista en arte primitivo i africano, e como moitos colle rumbos de esperanza, fuxe da Europa das guerras, das persecucións, dos campos de concentración. Con ela leva ós seus dous irmáns menores Jean-Louise e Aláin, adopta tamén a un fillo, Michel, e vaise a vivir á nova Babilonia que é New York. Prosigue estudos na Art Students e é nesta cidade onde expón por primeira vez, no 1945. No 1974 da clase na Escola de Artes Visuais de New York, na Universidade de Columbia e en outros centros. No 1977 será distinguida como Doutora Honoris Causa pola Universidade de Yale.

Gran personalidade refrexada a través do mapa topografado en enrugas do seu rostro, arañeira, curvas de fondas vivencias amparadas baixo esa gorra que non sempre se sabe levar. O seu recoñecemento e nome espállase dende que no 82 o MOMA lle dedica unha retrospectiva, a primeira sobre unha muller e tamén o primeiro centro museístico que adquire a súa obra, pese a que anos atrás a mesma artista xunto cun grupo de creadores rebeldes, os "Irascibles", criticaban a política expositiva deste centro referente. Son anos de mudas no ambiente sociocultural, nos que tamén se asenta e colle forza a reivindicación feminista. Abriránselle a Louise Bourgeois novos camiños por un mundo dirixido pola batuta do que acontece nesa meca da arte que N.Y.: os cataláns, na Fundación Tapies, dedicáronlle unha retrospectiva no ano 1992 , logo foi no Museo de Arte Moderno de París, seguen Londres, Burdeos... No 1992 participa neses outros grandes eventos europeos da arte contemporánea, como a Documenta de Kassel 1993 , a Bienal de Venecia... e a partir do 2007 as grandes restrospectivas: a Tate Modern de Londres, o Guggenheim de New York e o Pompidou de París, multiplícase as críticas, as monografías, a súa biografía. O nome de Louise Bourgeois incrústase entre os grandes da Historia da Arte.

En Brooklyn somella que todo se abre a esa emblemática ponte, saída ou entrada de Manhattan, gran escultura de enxeñería na que traballaron e morreron algúns galegos: arpa, maraña de cables entre os que transcorre a vida coas súas saudades, medos, oprimidos e opresores, cadaquén coas súas penas e as súas glorias.