"La caridad no es cara": o mundo da solidariedade ao revés

"La caridad no es cara": o mundo da solidariedade ao revés

Fiquei algo consternado hai unhas semanas ao recibir da man da miña filla unha nota do colexio animando a comunidade educativa a participar na iniciativa Somos así, consistente en colocar unha prenda de vestir do revés co gallo da campaña do día 8 de xuño e promovida por unha serie de “ONGs, Fundacións e demais institucións” (veremos máis adiante cales…) que (cito da misiva): “son máis necesarias que nunca, son imprescindíbeis, pesia (sic.) que os gobernos sempre traten de coartalas e desacreditalas, negando recursos para o seu labor, intentando pecharlles a boca, paralizándoas”. Non sei eu... Saen no prime time televisivo cunha sarta de famosillos e algunha das partes convocantes (Manos Unidas) recibe diñeiro público a través da cruz da declaración da renda a favor da Igrexa católica, campaña que tamén promove deste o seu sitio web…

A consternación xurdiu do feito de que, se ben a dirección tivo a ben convidar a nos sumarmos, alumnado e familiares, a esta iniciativa estatal, non teño constancia de que nos informase en ningún momento da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, nin das manifestacións a favor do ensino público, nin da plataforma Queremos Galego en defensa do dereito a estudar na lingua do país. Seica é máis fácil pousar a mirada solidaria ao lonxe do que se preocupar de mirar primeiro ao redor de si. No entanto, de nada serve a solidariedade exótica sen suxeitos reais e palpábeis tan de moda se primeiro non se comprende a súa propia realidade: non se pode pretender axudar o resto do mundo se non se loita para romper as cadeas da dependencia e da explotación máis inmediatas. Nunha palabra, o problema non está aí fóra, está na casa.

Antes de entrar a analizar e valorar máis a fundo as cuestións que suscitou en min esta campaña, quixera comezar con dous apuntamentos.

O lema da campaña é ‘Somos! Unidos para cambiar el mundo’. Como xa apuntei noutro artigo, os usos lingüísticos nunca son inocentes, delatan involuntariamente prexuízos; o masculino xenérico é unha convención social, non un trazo gramatical. Exclúe, de facto, as mulleres, a non ser que se consideren unha subclase deste grupo de ‘os’ que están ‘unidos’. Desde logo, non será por seren as mulleres menos solidarias, máis ben todo o contrario, xa que é sobre os seus ombros que recae tradicionalmente –e aínda hoxe– a obriga social de miraren polo resto do mundo, sen falar do seu histórico papel silenciado nas loitas sociais de todo tipo. Excluílas é un insulto. Pretender cambiar o mundo sen cuestionar os seus alicerces, incluído o sistema patriarcal, é pura maquillaxe ‘progre’. A solidariedade é transversal, ou non é.

Por outra banda, a min chócame que se poida falar de solidariedade dentro do Estado español sen facelo tamén en galego, catalán e euskera. Non me valen as escusas formais de comprendermos todXs o español: trátase de mostrar un respecto explícito e comprometido para coas lexítimas e enriquecedoras diferenzas; a base mesma de calquera solidariedade que mereza este nome.

Solidariedade sen mulleres? Solidariedade desde o monolingüismo imposto? En suma, solidariedade que nega a voz dentro do país de orixe de grupos desprovistos de poder. Non é esta unha solidariedade na que eu me recoñeza. Falan de cambiar o mundo, mais así non se consegue. Como diría Ovidio, Omnia mutantur, nihil interit. Ou, máis prosaico, todo cambia, todo segue igual.

A pouco que se indague, a hipocrisía noxenta de certos aspectos de campañas como esta resulta flagrante. Xa non é só unha cuestión da participación da ONG católica apostólica Manos Unidas, que cre que, na loita contra a SIDA no mundo, a castidade e a fidelidade son armas moito máis potentes que o uso do preservativo. Tamén salta a alarma ao repasar a listaxe das entidades patrocinadoras e colaboradoras, entre as cales destaca un banco denunciado polas súas relacións coa industria de armas e outras prácticas pouco éticas, xunto con varias empresas citadas no informe Atrapadas polo algodón, que denuncia violacións dos dereitos laborais de traballadoras do téxtil na India, unha das cales tamén foi denunciada pola CIG por usar a reforma laboral para modificar as xeiras e os horarios de traballo. E logo falan de solidariedade… É unha sórdida farsa, un engano moral que xoga coa boa fe da sociedade para desviar as súas lexítimas arelas de xustiza.

Para alén de máis, tamén acho profundamente inquietante a mensaxe central que transmite esta campaña, isto é, a idea de que se pode cambiar o mundo case sen se levantar da cadeira. Porén, neste caso vaise máis aló do xesto simbólico habitual de doar unha certa cantidade de diñeiro; seica o único que fai falta para dar a volta ao mundo é facer o ridículo en público durante un día. O resto da mensaxe que latexa no fundo da campaña de vídeos televisivos é aínda máis pernicioso: “Hay personas capaces […] de ponerse en la piel de quien más lo necesite y darle la vuelta a lo que ven. Y al ayudarles, experimentan una gran felicidad. Se ha demostrado que estas personas somos todos nosotros (sic.), capaces de colaborar y ser felices. Por eso únete”.

Vaiamos por partes. En primeiro lugar, non se trata de ‘axudar’, senón de revolucionar o sistema capitalista que xera a inxustiza. Como tampouco se trata de ‘axudar’ a nai ou a esposa coas tarefas da casa, senón de repensar os papeis sociais de cada persoa en pé de igualdade. Onde ficarán logo estes Doce meses, doce causas cando xa pasen de estar á moda e deixen de aparecer na portada dos xornais e dos telediarios? Aínda que sigan a traballar no terreo algunhas ONG, o ‘apoio solidario masivo’ esvaece, ás veces deixando detrás de si un fétido tufo a futilidade contraproducente, como no caso do terremoto de Haití...

Por outra banda, implicarse na loita para un mundo máis xusto é de certo gratificante en ocasións, como a maioría das veces vén sendo frustrante loitar en contra dos centros de poder. Mais, en todo o caso, a autogratificación individualista nunca pode ser a razón para nos movermos. Para iso, mellor os balnearios.

Pode ser unha axuda útil (ou non) e un xesto gratificante no instante dar o euro do carro da compra á persoa que pide esmola na porta do supermercado, mais non é exactamente solidario. Máis ben todo o contrario: ao non cuestionar o sistema, trátase dun xesto que, por ben intencionado que for, consagra os lazos de dependencia que perpetúan esta súa situación.

Unha das ONG participantes, Solidaridad Internacional, declara o seguinte: ‘No es caridad, es solidaridad’. Non cuestiono a boa intención de certas ONG –doutras si– mais eu creo que si se trata no fundo da caridade máis resesa: volvermos a unha visión do altruísmo benévolo máis propia do mecenado de séculos pasados, onde aquelas persoas e entidades que teñen cartos de sobra (bancos, etc.) poden permitirse o luxo de tranquilizaren as súas consciencias corporatistas. Non é que as teñan, mais a imaxe sempre vende. É o que se chama un lavado de cara.

A auténtica solidariedade nunca é gratuíta. Non se pode reducir a vestir unha prenda do revés durante un día, nin por aí comeza. Trátase dunha loita política, onde a cambio de consciencia individual é necesario, mais non suficiente. Desde aquí, a Galiza, a verdadeira solidariedade pasa por loitar incansabelmente para conseguirmos un goberno soberano e democrático que vele pola xustiza social e os intereses das clases traballadores e das masas populares no camiño do socialismo, rompendo cos lazos de dependencia e explotación mundiais –chámese imperialismo, chámese globalización– xerados polo capitalismo.