Hai partido


Hai partido porque a sociedade galega non se resigna e se move, moito máis do que gostarían os poderes estabelecidos e as súas terminais propagandísticas. Hai partido e non só porque a folga xeral deste 29-M fose un grande suceso en Galiza -un suceso de envergadura histórica-, senón porque xa o foran as folgas xerais de Setembro de 2010 e de Xaneiro de 2011, todas elas con grande protagonismo do sindicalismo nacionalista. Hai partido porque ningún pobo se suicida alegremente e porque o balanzo de xestión de Feijóo ao longo de tres anos é directamente nulo. Non é pobre: é inexistente. Non houbo goberno en sentido estrito. Só un aparato administrativo fanaticamente ao servizo da política dos recortes. Só un think tank a esparexer consignas desde San Caetano, dirixido non por un presidente, senón por quen máis ben parece o chefe do Partido Tertuliano. Un tertuliano con ideoloxía, claro: españolista e ultraliberal. E cuns amos, claro: o capital transnacional (ao que quere agora entregar Novagalicia a prezo de saldo) e as elites políticas de Madrid (que visan a centralización de todo o poder político, como correlato da que xa se está a producir co poder financeiro-económico).

E hai partido -expresión de xíria futbolística que os leigos poden traducir por algo así como que “está todo por disputar e en ningún sitio está escrito que o PP sexa imbatíbel”- sobre todo porque hai Bloque Nacionalista Galego e porque o Bloque Nacionalista Galego está máis activo que nunca, cun enorme sentido da responsabilidade para co país que representa e por cuxa emancipacion nacional e social traballa.

O PP É NESTE MOMENTO DERROTÁBEL EN GALIZA

O PP é neste momento derrotábel en Galiza e dicer isto non é formular ningún exercicio de voluntarismo. É simplesmente aplicar a razón política. As políticas antipopulares que está a practicar a dereita española en Galiza, continuidade das que executou o PSOE no Estado, son en si mesmas contraditorias co exercicio da democracia (de ser esta real). Ningún pobo vota contra si mesmo de forma consciente. No Estado español, o PSOE perdeu 4 millóns de votos por aplicar políticas antipopulares. Esas políticas, embora se producise un cambio ao frente do Executivo, continúan a despregarse, nunha versión aínda máis heavy. En apenas 3 meses de goberno, o desgaste do PP comeza a ser evidente. Nas eleccións andaluzas e asturianas, un sector do eleitorado conservador viroulle as costas ao partido de Rajoy. En Novembro de 2011 votaron non tanto a favor de Rajoy como en contra de Zapatero, dos recortes de Zapatero. Catro meses despois, os recortes de Zapatero convertéronse nos recortes de Rajoy. En Andalucía e Asturias, un sector da base potencialmente apoiante do PP -o menos ideoloxizado, o máis volátil- ficou na casa antes de emprestar o seu apoio ás mesmas políticas que rexeitara apenas catro meses antes.

GALIZA, NA VANGARDA CONTRA OS RECORTES

O ciclo de folgas xerais habido en Galiza desde Setembro de 2010 coloca o noso país á cabeza da contestación social fronte ás políticas dos recortes, con independencia de quen as practique. Daí o acerto estratéxico do BNG nas súas XII e XIII Asembleas Nacionais, cando claramente apostou por unha liña de acompañamento dos sectores sociais que con maior dinamismo se enfrentan á lóxica neoliberal. Durante estes 3 últimos anos, o BNG veuse carregando de razóns diante da sociedade galega. Afirmou que o PP non tiña ningún proxecto para o País alén de colaborar no espolio do aforro galego e atacar con saña a lingua galega. Afirmou que hai alternativa e traballou para construíla. Non foi un traballo de balde. O PP comeza a amosar claros sinais de esgotamento. A sociedade xa ve claro que a saída que o PP ofrece non leva a ningures, só a máis recesión, máis paro, máis desigualdades e á paseniña destrución da nación e da súa base material.

Neste contexto, o avanzo do BNG é a chave para derrotar o PP. O PP sábeo. Os poderes económico-financeiros-mediáticos sábeno tamén. Iso é o que explica a brutal campaña propagandística lanzada contra o BNG nos últimos meses despois de un reducido sector de militantes decidir abandonar a organización. A amplificación deste fenómeno -levada ao paroxismo nos medios públicos de titularidade galega, directamente controlados polo Goberno do PP- persegue unha clara intencionalidade política: a de frear o BNG como alternativa ao PP, como mellor estratexia para a dereita española, nas vindeiras eleccións galegas, reter o escano 38 que dá a maioría absoluta.

A CAMPAÑA ANTI-BNG ESTÁ A FRACASAR

Mas a campaña anti-BNG está a fracasar porque a inmensa maioría da militancia nacionalista resolveu ficar no BNG e con máis azos e forza, coa determinación de construír un BNG máis forte e máis unido. Xusto aquilo que teme Feijóo. Porque o que verdadeiramente lle quita o sono a Feijóo, o que pode conducilo á derrota, é que o BNG dea voz política aos miles de galegas e galegos que o 29-M asolagaron as rúas de Galiza para dicer NON ás políticas da dereita española.

QUE QUERE FEIJÓO? COMO DERROTAMOS A FEIJÓO?

Que quere Feijóo? Menos nacionalismo, dividido, con referentes grupusculares. Como derrotamos a Feijóo? Dándolle xusto o contrario do que quere: un BNG máis forte, un BNG máis unido, un BNG claramente representativo da Galiza que na rúa contesta as políticas da dereita.

Hai partido. Feijóo non ten garantido o escano número 38. Xa hai enquisas que así o indican. Hai un sector nada desprecíbel do eleitorado que votou PP en Galiza no 2009 que non está pola política de recortes masivos e que se distancia a ollos vistos de Feijóo pola súa impotencia ante o paro e a crise. O PP non ten moita marxe. Non vai cuestionar o dogma neoliberal porque el mesmo é neoliberal. Forma parte orgánica do entramado de poder que controla os aparatos políticos da Unión Europea e do Estado español. Antes entregará o poder á tecnocracia de Bruxelas -como fixeron os que termaban de Berlusconi- do que cederá ante a presión social. Ese é o problema do PP: en democracia se fas políticas antipopulares, máis cedo que tarde acabas perdendo o apoio do pobo.

Hai partido. O PP ten a maioría absoluta só por un deputado. As súas políticas son antipopulares e continuarán a selo. Non se vai arrepor nin fronte Madrid nin fronte Bruxelas. Por iso é básico concentrar todas as enerxías nacionalistas e de esquerdas arredor da única alternativa xenuinamente anti-neoliberal da Galiza, o BNG. É básico continuarmos no medio da xente, gañándomos a súa confianza. Se o conseguirmos, o Goberno Feijóo terá os días contados. Se o conseguirmos, que poña as eleccións cando queira.