Galiza, problema para España


Padecemos un Presidente da Xunta empeñado en repetir solemne e oficialmente, en sede parlamentar, que a súa máxima aspiración é evitar que Galiza poida chegar a se converter nun problema para España. Así de transparente é este home. Que tanto ten o que nos fagan, vaia. Que nos expolien, que nos discriminen, que acaben co noso ser colectivo. Que fagan o que queiran, que Galiza -tranquilo, Mariano- non será un problema para España. Diso encargarase don Alberto, o PP, se fai falta o PSOE, e os poderes económicos e mediáticos de sempre.

Galiza, efectivamente, non é hoxe un problema para España, mais España si é un problema para Galiza. Un problema moi serio. Chamádelle colonialismo, dependencia, espolio económico. E tamén, a eles vinculado, a negación e o complexo, virtudes ostentadas sen limites por este Presidentiño, ou ben o escapismo e a negación da realidade, que outros practican. Botemos contas.
Galiza en aberto retroceso demográfico e en acelerado avellentamento da sociedade. Segundo a prospección do IGE para o ano 2021, perderemos en só nove anos 90.000 habitantes, e o 25% da poboación galega será maior de 65 anos. E aínda sen cuantificar o efecto da emigración. No pasado ano 2011 marcharon cada día da Galiza, como media, 14 mozas e mozos por non encontraren traballo na súa Patria. Un 58% máis que no 2010, segundo dados do INE. E a tendencia vai a máis. Non pasa nada. Tranquilo, Mariano, que Galiza non vai ser un problema para España.

Con case 300.000 desempregadas e desempregados, somos récord estatal na destrución de emprego, na que non se contabiliza o efecto da emigración. Os prezos (incluíndo alimentación -sobretudo peixe, carne e leite-, transporte ou vivenda) subiron no 2011 por enriba da media do Estado e dos salarios (un 2'5%), que veñen sendo dos máis baixos. O 70% das familias galegas chega con dificuldade a fin de mes (un 34% máis que no 2010), e 61.000 familias demoran o pagamento da facturas de auga, luz, ou impostos diversos. Tanto ten. Galiza non debe ser un problema para España.

Coas pensións máis baixas do Estado: 679 euros (de media) fronte aos 810'85 do resto do Estado. E aínda así, grande mérito, o 40% dos fogares galegos, 413.315 familias, manda truco, (sobre)viven das pensións. Cunha Galiza subsidiada, Mariano, non pode haber problema para España.

Mais tamén é certo que nos últimos tempos fixémonos máis modernos: o noso rural ten tres veces menos explotacións agrogandeiras e dúas veces menos superficie hoxe que hai dez anos (só en dez anos!!), evidente síntoma de estarmos na vangarda dos tempos. Tamén no mar, dende que don Alberto é Presidente da Xunta, e coa inestimábel axuda da fantástica Unión Europea, perdemos na Galiza 74 buques pesqueiros de altura e 220 embarcacións de baixura e marisqueo a frote. Apenas en tres anos. Decididamente, máis que modernos somos xa refinadamente primorosos. E iso si, importadores natos en alimentos nun país cunha potencialidade extraordinaria, mais cerceada. O que non podemos producir, porque non nos deixan, importámolo para o noso consumo. Bonito negocio o que fan con nós. Estarás contente, Mariano. Isto vai. Non seremos un problema para España.

O 80% da poboación ocupada (que por certo, globalmente é menor que a que tiñamos hai 30 anos) é asalariada, cun nivel de ingresos moi baixo. Son xa demasiados os concellos galegos nos que a maioría dos ingresos da súa poboación proceden das prestacións, fundamentalmente de xubilación. Unha terra privilexiada para a produción e o progreso social é, porén, abandoada e desertizada, como se dun ermo castelán se tratar. Así que sempre se poderá converter nun macro-Spa "con encanto" para que te desestreses, Mariano. Tranquilo, sen problema, cómese ben e barato. E nunca será un problema.

Hoxe os dramas humanos non son anécdotas no noso país. O empobrecemento esténdese por capas cada vez máis amplas da nosa sociedade. Mesmo a exclusión social. Seica somos europeus, mais os comedores sociais están saturados, bancos sen escrúpulos botan a desempregados das súas vivendas, e a miseria vaise facendo realidade. Mentres, hai quen nunca gañou tanto, a costa das privacións da maioría social, da pobreza e da sobre explotación. Tranquilo, Mariano, con fútbol e selección española, non haberá problema.

Iso si, Mariano, cumpre manter a miraxe. Cumpre ocultar que o Estado recada na Galiza máis do que finalmente inviste nela, para a) soster a monumental mentira da nosa conxénita pobreza e, daquela, a necesidade da "solidariedade" estatal; b) acubillar como sexa a idea de que o pobo galego, libre, podería vivir dignamente do seu traballo; para que, finalmente, c) os poderes económicos que ti defendes, Mariano, poidan seguir a chuchar do noso país para se enriqueceren coa nosa miseria. Por iso, Mariano, por iso, é fundamental que Galiza non sexa un problema para España, porque remataría un negocio histórico que engordou e cebou o Estado español a cambio dunha Galiza desnutrida, extenuada e esgotada.

Mais tamén é certo que a negación, cando adquire carácter psicótico (Galiza non pode ser un problema, Galiza non pode ser un problema,...) revela un conflito que determina a oposición a recoñecer aspectos dolorosos da realidade ou de experiencias obxectivas sofridas. Simples prexuízo, ou distorsión cognitiva de don Alberto? Nunca o saberemos. Tratamento? Difícil, moi difícil. A mellor terapia, neste caso para nós, e inserirnos na nosa realidade, sen fuxir dela nin maquillala, sen escapismos, sabendo o que hai, e teimando por transformala. Aí está o BNG, mal que lles pese a moitos. E unha Folga Xeral o 29 de marzo. Pois adiante, a demostrar o que somos e do que somos quen. Porque o problema non somos nós, Mariano. Non é Galiza. O problema sodes vós. O problema é a vosa España.