Festival internacional de xardíns de Allariz 2012
10 de maio de 2012 (00:00 h.)
Tendo en conta que o vindeiro sábado día 12 abre as súas portas a 3ª edición do Festival Internacional de Xardíns de Allariz, non quero deixar pasar a ocasión para convidar a gozar das 12 propostas seleccionadas polo xurado presidido por Francisco Caldera Cabral.
Propostas que xogan coa imaxe de Galiza coma o país verde, o país da auga e que teñen un alto valor estético e simbólico.
Unha xardinería creativa con presenza de autores serbios, portugueses, galegos, austriacos, canarios, brasileiros, cataláns... que plasman a súa concepción de Galiza en propostas que levan por título: Atrapanubes, Magua, Cárcavas, A espiral da vida, Garden at the edge of the world, Building water, Natureza liquida, Ecocubo, Auga é vida auga viva, Entre mar e terra e A corrente plástica.
Sen dúbida o Festival Internacional de Xardíns de Allariz está conseguindo os seus obxectivos como espazo de referencia para paisaxistas e amantes da xardinería, como escaparate para as empresas do sector e como lugar propicio para a contemplación e o gozo por parte dos veciños. Constitúe xa un novo elemento de atracción para visitar Allariz.
Cos fondos da Reserva da Biosfera o recinto foi ampliado para a edición 2012 en 10.000 m2 que foron acondicionados cunha importante implicación da Escola de Cestería do Concello de Allariz, creando elementos ornamentais con cestería viva. Con este novo espazo as marxes do Arnoia en Allariz ofrecen a posibilidade de gozar de mais de 100.000 m2 de zonas verdes constituíndo unha referencia de calidade de vida e de dinamización económica.
O concurso en marcha para a vindeira edición 2013 terá como tema “ALLARIZ: BELEZA QUE INSPIRA”. Ata o 15 de novembro poderán presentarse as propostas centradas na beleza presente en Allariz e na creatividade que a beleza inspira. Beleza e creatividade compleméntanse en Allariz no exemplo de transformación positiva levada a cabo polo proxecto municipal nacionalista nestes anos.
Nos xardíns prodúcese a sensación de repouso, de benestar, de relaxación do corpo e da alma. O xardín é o lugar no que un se sente ben, o lugar para a contemplación, a imaxinación, o lugar para a serenidade e o relax.
Por iso quero convidarvos a gozar da presente edición do Festival Internacional de Xardíns de Allariz acompañados sempre neste espazo das augas do Arnoia, “o río é unha chama prateada, cintileo dun soño que procura as orixes, o río é a pureza, a voz sinxela que baixa cantando das montañas para estremecer e sobresaltar o mundo. Velaí vai o río ordenando neves, paisaxes e sorrisos, acendendo xeos aquecendo tristuras...”