Festas etnográficas: orgullo e autoestima
10 de agosto de 2010 (00:01 h.)
Veño observando ao longo dos anos de celebración das festas etnográficas no Concello de Allariz a súa capacidade para reforzar a autoestima, o orgullo e a toma de conciencia sobre as nosas tradicións e cultura popular.
A valorización do noso patrimonio inmaterial que representa a recreación do ciclo do pan, sementeira, seitura, malla, moenda e fornada é un bo exemplo.
A participación entusiasta dos veciños nas mesmas revivindo todas as lembranzas, demostrando a sabiduria acumulada, presumindo da súa condición de labregos galegos é algo que se sinte cando se asiste a recreación da seitura. A demostración de habilidades para segar, atar os mollos, facer as medas vai acompañada das cantigas, dos refráns, dos contos e lendas que de pais a fillos se foron transmitindo. O son do vello motor da malladora, o cheiro da palla a textura do gran que cae nas tegas, traslada sensacións de traballo e festa colectiva. O recendo da fariña no muiño, a forza da auga no rodicio o movemento da peneira nas mans expertas revive no vello muiño lembranzas de tempos pasados ao ritmo de gaitas e pandeiretas. A maxia da luz do lume no forno, o cheiro a vida que a fornada representa, a imaxe das mans amasando, o sabor do pan cocido, fannos presumir da calidade destes alimentos.
Para os mais novos é descubrir toda unha cultura, un vocabulario e uns ritos que teñen un aire que seduce.
Onte na Santa Mariña de Augas Santas no Encontro de Cesteiros, na arte de trenzar fibras vexetais co obxecto de confeccionar recipientes para o transporte, almacenamento ou conservación poidemos observar as mesmas sensacións de orgullo e autoestima sobre os nosos valores que a Escola de Cesteria Municipal está difundindo.
A homenaxe celebrada ao pé da fonte de Santa Mariña de Augas Santas co seu centenario carballo e o ábside románico da súa monumental igrexa aos cesteiros Xosé, Sergio e Antonio Cid, Clodomiro e Xosé Menor foi un acto de recoñecemento aos que co seu oficio fixeron posíbel que o río da memoria se manteña vivo e que nos abra as portas a un futuro no que estes oficios e tradicións teñen un claro papel que xogar na Galicia do século XXI. Con pasado é mais doado ter futuro.
No desenvolvemento local tan necesario no medio rural faise preciso incorporar esta sabiduría acumulada adaptandoa aos novos tempos. Non se trata só de identidade, tradición trátase tamén de valor económico para o futuro. Recuperar o orgullo e a autoestima é o primeiro paso.