Feijóo: O mentireiro verdadeiro


O problema non está en que Feijóo sexa mentireiro, o problema está en que os que se consideran entendidos son os primeiros en entrar no seu xogo absténdose ou dispersando o voto. Moitos galegos e galegas poden lograr o día 21 –sen querelo- que o BNG teña dous ou tres escanos menos e o PP dous ou tres máis cos que lograr a maioría absoluta, e darlle o Goberno, o mesmo que llo entregaron ao “Opus Dei” na capital de Galicia.

Os que din que tódolos partidos son iguais e que xa non volven a votar, na maioría dos casos son votantes habituais do PP que están defraudados porque os enganaron e non os favoreceron; e unha parte deles (non todos) volverán votar ao PP. Outros que non van votar e que din que os partidos son todos unha merda, e que viñan votando oposición ao PP lograrán o mesmo que os anteriores, e moitos deles lamentaranse cando xa non teña remedio. O PP agradeceralles eternamente o seu cabreo. Cabrearse co poder sen poñer outra alternativa no seu lugar e fortalecer aos que nos teñen sometidos. Facendo contas sinxelas, absterse é darlle medio voto ao PP, e VOTAR AO BNG É QUITARLLE TRES VOTOS AO PP; o que perde o PP, o que medra o BNG, e o que medrará a dignidade de quen emite o voto. Hai un xeito moi progresista de votar que nunca percibirán os progres por mor do seu egocentrismo: Vota a aquel partido que mais perseguen os poderosos. En Galiza está moi doado...

Os nosos amos camiñan cara posicións de radicalismo neofascista; non demonizan os partidos demonizan a política, non cuestionan as nacións, fanas e desfanas ao seu antollo, non traballan coa verdade, que complica a vida; traballan coa mentira que se pode cambiar cando conveña por un produto da mesma materia, non promoven a actuación das institucións de xustiza, cásanas cos medios de comunicación e saen de lúa de mel a cazar meigas para as súas fogueiras.

Os que non somos moi modernos e recibimos a información de como pensan e senten as persoas, fundamentalmente na conversa cara a cara, sentimos a cada paso mais a impotencia de non saber como curar o deterioro mental e tamén sentimental que as conciencias dos nosos conveciños sofren por mor dos continuos bombardeos mediáticos. A ideoloxía dominante e tan fanática que logra que a xente teña por un gran líder a quen fai pouco arredaban como un demo, que cambien o nome dun partido pola carauta do santo anxo da garda que lle poñen a un home artificial con mando a distancia; que a xente pense que a crise a produce ela mesma ou que os parlamentos autonómicos son a ruína do Estado.
A parte da comunicacion mediática –que a xente de letras coidamos falsamente as veces que é a única posíbel- existe outra que o PP e as súas redes empregan co éxito expansivo das epidemias: a mentira transformada en rumor. Cómo é posíbel que esteamos agardando a correr “a noticia” de que o BNG está superando cun éxito que admira a todo o mundo un dos mais fortes ataques que sufriu dende que é BNG?

Como non todo poden ser éxitos estáselle a caer enriba un dogma aos fanáticos do PP que require grandes doses de fe para que os seus devotos non se volvan ateos. E o que mais me preocupa é que eu acabe aceptando ese dogma. O que vou contar é real: Na pasada campaña electoral repartindo propaganda do BNG na feira de Becerreá unha señora de Triacastela intentou convencerme das dúas razóns básicas polas que ela votaba ao PP. 1ª Porque había moito diñeiro neste país pero non se movía debido a que non chegara o PP ao Goberno. 2ª Compre arrimarse ao que ten porque é o que che pode dar algo. O segundo argumento retruqueillo de contado acudindo a un sabio e contrastado proverbio popular: “a dar nunca ninguén se puxo rico”, (daquela inda non se coñecía a recente modalidade de enriquecerse chamada “recadación bancaria das preferentes”). O segundo argumento non llo rebatín por unha dúbida miña. ¡Non sexa o demo que gañe o PP e poñan os cartos en movemento! Pero o tempo –se non nos atrancan a memoria- permite coñecer as cousas, e vinme na obriga de mandarlle recado outra vez dende a feira de Becerreá, e repartindo propaganda para as eleccións autonómicas xunto cos meus compañeiros, de que aceptaba plenamente o seu argumento do ano pasado. Facía dous días que escoitara nun debate a certas horas da noite nun medio moi próximo ao Goberno que dende a primavera do 2011 a do 2012 saíran do Estado Español con distintos destinos máis de DOUS CENTOS SESENTA MIL MILLÓNS DE EUROS. Había que darlle a razón aos votantes do PP: SE O PP TEN PODER O DIÑEIRO MÓVESE.

E posíbel que as campañas tradicionais do BNG estando cóbado con cóbado coa xente na rúa, para defenderse mutuamente da rapiña dos nosos petos e do noso ser, non teña a eficacia electoral que teñen as estratéxicas campañas de imaxe que a voz do seu amo prepara para servilo ou para destruír o ser de GALIZA, pero si serven, se sabemos traducir, para que dende o BNG vaiamos percibindo as perniciosas “drogas” que nos votan no Cola-Cao como di o noso candidato en Lugo Cosme Pombo.

Deixarei caer algunhas reflexións froito de debates e ate de polémicas mantidas nos últimos tempos no contacto directo coa xente.

Non vou especular co que pensa a xente que lle entregas un papeliño sobre un problema (a reforma laboral supoñamos) e recólleo sen mais. O que si é doado percibir é como nos problemas que a xente é perxudicada polo Goberno ou polo poder teñen mais difícil as voces mediáticas botar “droga” no Cola-Cao.
Non lograron aínda os ideólogos fascistas actuais que a xente comece a pedir a substitución da democracia representativa de partidos por ditaduras militares, pero xa atopamos xente que pide por Franco, incluso como substituto dos seus netos políticos (Rajoi, Aznar ou Feijóo).

,O que comento a continuación non son mais que sinxelas reflexións coa finalidade de ser realistas diante da presión que sofren as nosas xentes e para que non desesperemos coa visión das grandes contradicións nas que está metido o pobo, A min cando me fallan os argumentos recurro aos cadros do humor de Castelao e do Carabouxo e nunca me fallaron. As xentes do noso pobo son colonizadas pero son reflexivas, e non chegaremos moi lonxe berrándolle consignas abstractas de independencia _que ademais en galego a acepción de independente é a do que non se relaciona con ninguén_ pero si chegaremos convencéndoo de que ten unha terra rica e fermosa que debe gobernar.
1- Non eran Fraguistas o corpo de votantes moi arraigado do PP se non franquistas: as ideas de que con un que mande chega, que os partidos políticos e os sindicatos sobran, que os obreiros e os funcionarios son uns vagos, que na vida para trunfar compre someterse e sufrir sen protestar, que sempre ten que haber ricos e pobres, que os galegos/as somos inferiores, etc. stán moi interiorizadas. Foron parando os rumores de que os que están no paro non queren traballar pero vanse mudando por outras mensaxes de odio e división entre axente: “O que nos pasa e por culpa dos políticos, das autonomías, dos emigrantes, das subvencións, do gasto público...” Fai poucos días dous xornalistas estaban dando unha prédica afervoada a favor da desaparición das sociedades e institucións públicas, causantes seica da crise, ate que un se debeu dar conta de que falaban en Radio Nacional de España, e puntualizou que había excepcións... Sintonizar co PP é moi doado, so tes que deixarte guiar polos malos sentimentos e o PP xa chos dirixe.

2- A maioría da xente non pensa, dánllelo pensado: E moi frecuente que dende as organizacións e partidos que queremos mudar o estatus quo caiamos na trampa de adaptarnos ao pensamento da xente sen decatarnos que a xente na maioría dos casos repite aquelas cantinelas que cantan en tódolos medios de comunicación. Os nosos antepasados tiñan a precaución de dicir que “o papel terma do que lle poñen”. Agora dicimos: “xa o dixo a televisión”. Iso de que os galegos sexamos desconfiados non ten porque ser sinal de ignorancia.
3- Un dos grandes debates internos no BNG foi estes anos o de: “Como queremos que a xente nos vote se non estamos de acordo co que que pensa a maioría da xente.” Aquelo que tanto se dixo de “abrirse a sociedade”. A maioría da xente pensou que O Mercado Común nos facía europeos ricos, que en Galicia o PP é o eterno gobernante... Por certo iste tópico estao utilizando ben neste intre o PP e a súa prensa mercenaria. E por si fora pouco a “OTAN-MEDIUM” logra ter baixo o estoupido das bombas as mentes da xente impedíndolle sentir outra sensación que non sexan os estoupidos do seu bombardeo. Deberíamos intensificar dúas prácticas de saúde mental e democrática eliminadas polo bombardeo mediático: que a xente se pare a pensar; e dous,que poña en común os seus pensamentos.

4- Na chamada esquerda hainos tan colonizados como na dereita. Uns cren no poder da imaxe e das formas como base para cambiar a sociedade, e outros pensan que arrimándose aos dos cartos van a ser ricos e estar algún día podres de diñeiro, cando en realidade nin sequera saben como nin onde os verdadeiramente ricos queiman as fortunas froito do que eles aforraron, e para mostra véxanse “as preferentes” ou Bankia.

5- Moita da xente que está cabreada votará por calquera menos por si mesma e por quen estamos defendendo os seus intereses. Cústanos moito traballo darlle explicado ao pobo e as súas clases traballadoras que os partidos políticos representan intereses e que deben facer política buscando e apoiando aos que están a defendelos; incluso dende as institucións. A xente vai entendendo que o BNG sexa moi útil para a loita social pero nas eleccións non damos arredado a costra de lixo que as voces inimigas nos poñen enriba.

O capital logrou inventar un novo estamento social que non existe: “A clase política”, e interpretar a súa existencia de xeito relixioso e fanático. Todo o que nos acontece é por culpa dos malvados demos dos políticos. Queirámolo ou non no BNG quédannos tres tarefas moi difíciles por resolver, que algúns abandonaron fuxindo cara adiante ou cara ningures, por iso vemos caravanas electorais nas que coinciden facendo campaña electoral un partido español sen ningún programa para Galiza, a “La Voz de Galicia” e unha voz atronada que clama no deserto da “esquerda etérea”:

1ª- Lograr que a xente se meta en política e faga política.
2ª- Lograr que a xente se recoñeza a si mesma, a súa clase social e ao seu país: Galiza.
3ª- Recoñecer aos culpábeis da súa situación e loitar organizadamente en contra deles.

Non é tan malo que os galegos e as galegas esteamos cabreados o malo é non saber contra quen ir e que rematen ao final coa mesma reflexión que facía o Carrabouxo cando o acantazaban: “¡Vota a quen che pete!” ...