Evidencia


Estamos nun momento de especial virulencia no debate ideolóxico. O descaro prepotente caracteriza o discurso oficial, hexemónico, dominante. A falta de disimulo obedece á certeza de que o pobo está confundido, indefenso, resignado, derrotado. É a ocasión para reducir, aminorar ou ignorar os seus dereitos. Unha oportunidade única para reorganizar e mudar o modelo social e económico nunha dirección aínda máis antipopular. Esta involución resulta máis evidente e imperativa, coercitiva, nos Estados da periferia europea, xusto aqueles que aínda non tiñan acadado unha situación de benestar característica dos máis avanzados da UE. O goberno económico desta rexión global (Comisión europea, Banco central e Fondo Monetario Internacional, en primeiro lugar) deixa ben claro quen manda, ao servizo de quen, e quen obedece en contra dos intereses maioritarios. Neste contexto, o concepto de soberanía, agás para os Estados centrais da Unión, Alemaña, en primeiro lugar, pasa a ser algo extravagante e obsoleto. A intervención das institucións globais e a interferencia con ditados económicos esixentes acéptase polos Gobernos, en particular o español, cunha mansedume e entusiasmo acríticos. Paradoxalmente tamén é celebrada, como mirífica salvación que vén de Europa face á ineptitude española, por algúns, como Pujol, que na teoría reclaman, con total lexitimidade e necesidade, máis soberanía para a súa nación sen Estado. Esta consideración da interferencia como salvadora é un craso erro e miopía, secuela dun entusiasmo europeísta cegador, naturalmente tamén incrustado no bipartidismo español e usado de forma a cada paso máis avesa.

En efecto, a posición do PSOE e do PP, tan obedientes e submisos coa intervención económica europea, serve a unha fase crítica que o capital financeiro transnacionalizado ve como unha oportunidade de afondar na globalización: menos democracia, menos dereitos sociais, maior dominio e desigualdades económicas e políticas. Ou noutra formulación, máis concentración de poder económico, máis centralización política, menos soberanía dos pobos, máis antinacionalismo. Velaí por que non é nada casual que as políticas de ambos partidos coincidan na intensificación dos seus discursos a prol da recentralización do Estado español. As súas críticas ou ataques, nunha gama de matices variados, pero todos na mesma dirección, van encamiñados a considerar as autonomías como un gasto superfluo, un farallón para saírmos da crise. Chegamos así a unha evidencia sintomática, moi ilustrativa: o paralelismo existente entre os procesos de involución económica e social, de concentración e ditadura económica das oligarquías, por unha banda, e procesos de recentralización política e intentos de anulación da capacidade para expresar vontades nacionais ou populares, por outra. Digámolo de forma máis conclusiva e concreta: involución e retroceso económico e social para a maioría, antinacionalismo visceral nas oligarquías dominantes do Estado español e na súa expresión política bipartita, nos seus medios de comunicación e nas súas empresas. A intoxicación chega, pois, ao intento de desviar a atención das verdadeiras causas da crise económica, facéndolle crer á sociedade que unha delas é a estrutura autonómica do Estado. A cativa capacidade de autogoberno das nacións que integran o Estado, Galiza, Catalunya, Euskadi, pretende ser aínda máis minguada, pois un estorbo é para o capitalismo máis rampante e a globalización política, cultural e lingüística, isto é, para a españolización pura e dura. Até cando teimarán algúns, con fantasía ilusoria, en ver na UE, o paraíso do pluralismo cultural e lingüístico, e a panacea da igualdade, que nos vai preservar de todos os males da intransixencia española? O deseño político da UE e o seu contido económico configura un mercado único, no que para nós o único espazo político con categoría de tal é España, cunha única lingua, un único poder delegado, perfectamente ensamblado e submiso nesta globalización rexional. A UE tende a unha estrutura imperial, desigual, como á súa vez o Estado español reforza a súas xerarquías interiores.

Mais, como é posíbel que acesos demócratas, progresistas veteranos e mesmo radicais antisistema se resistan a recoñecer a evidencia? Até tal punto poden os prexuízos, os preconceitos, as ofuscacións teóricas estereotipadas, a propaganda dos poderosos contra o nacionalismo na Península Ibérica? Porén, a evidencia é pertinaz e cada vez vai selo máis. Certamente nada é absoluto no campo ideolóxico e político. Mais o grande reto do momento histórico que nos toca vivir, como galegos, é: a globalización, a recentralización, a involución social e económica, a agresións aos dereitos do pobo, combátense aquí e agora desde posicións nacionalistas. Intentar superar esta conxuntura, de forma favorábel ás maiorías, aos pobos, sen defender o concepto de soberanía, sen demandalo e exercelo, contra todos os impedimentos, é un contrasentido, un camiño choido ou cheo de frustracións. A soberanía, a capacidade de pensar desde nós mesmos e axir con total independencia de criterio, é no caso de Galiza o mellor antídoto contra unha colonización secular, incluída a mental, que nos asinou, agora tamén, un papel irrelevante como pobo, sen obxectivos, resignados e anulados sempre nos deseños globais. Un Aznar, tan arrogante, sobrado e agresivo contra os nacionalistas, como servil co imperio, diría, con mal disimulada satisfacción: están xa nun curruncho da historia, camiño da extinción, para ben da España unha, grande amiga dos que mandan no mundo... Non temamos. Os que están co poder global, coas súas xerarquías e desigualdades, non saben que pertinaz é a realidade e que perseverantes son os pobos, pese a todo, resistíndose á opresión de calquera signo.