España Fútebol Clube


Xusto cando o Estado español cede soberanía en materias tan sensíbeis como a financeira ou a fiscal á UE xermanicamente globalizada, España como construción colectiva, como invención, quer refundarse arredor dunha bola e da sublimación dun deporte de masas.

España sempre tivo un problema de identidade: ao non ser nación, sempre se perguntou a si mesma que era. Era un Imperio, mas un imperio declinante, fracasado, tal e como foi alcuñado por Castelao. Mas non tan fracasado como para non conservar o seu dominio, a súa opresión, sobre as nacións que mantiña encadeadas, acorrentadas, a comezar por Galiza, sobre cuxa negación, desde o Reino Suevo, construíu toda a súa épica imperialista.

Agora España xa sabe o que é: unha selección de fútebol. Unha notábel e virtuosa selección de fútebol, constituída, iso si, sobre unha base de futbolistas que en condicións normais non defenderían a camisola española, mas a catalá. Mesmo como selección de fútebol España tamén ecoa vestixios imperiais.

Estes días, un españolismo infatuado desprega o seu frenesí chovinista por rúas e canles televisivas. Especialmente lastimoso é ouvir o seu “A por Ellos, A por Ellos, oé, oé, oé”, de indubidábeis resonancias fascistoides. Na construción chovinista sempre hai un “Nós” e un “Eles”, aos que hai que machucar. É curioso como o españolismo combina iso coa retórica pro-UE e pro-euro. Venden sen pestanexar o sistema financeiro a Alemaña (niso continúan coa tradición histórica, lembremos a prata americana viaxando cara terras teutonas) para logo tomarse cumprida vinganza sobre o relvado. O importante é o importante.

Estes españolistas e os seus vicarios galegos, todo colonia ten necesariamente os seus zipaios, son os que, desde que recuperaron o goberno galego, se preocuparon por eliminar a selección galega de fútebol. O mesmo contido simbólico que agora louban para ese constructo chamado España néganllo a unha selección que si sería nacional, a galega. Non queren a Galiza nin xogando partidos amigábeis, que xa se sabe que se comeza por aí e se acaba reclamando estar na próxima Eurocopa.

Son seareiro de fútebol desde que máis ou menos teño uso de razón. Lembro o penalti de Panenka. A Eurocopa de 1976. Daquela, en termos históricos onte, non existía como selección nacional a croata, nin a checa. Todo muda. Todo é posíbel se hai vontade colectiva. O dereito de autodeterminación é un proceso e é un proceso tan moderno como que na práctica se aplica todos os días. É un movemento obxectivo, que pode recuar, é certo, mas tamén avanzar. Algún día os imperialistas fracasados fracasarán de vez e terán que aturar a existencia da selección nacional galega, cos mesmos dereitos que calquera outra a ser tamén símbolo, no noso caso de emancipación.