Ecos difusores e o seu run run homoxeneizante: A excursión turística anual


Existe un run run homoxeneizante ao servizo do sistema cuxo principal obxectivo consiste en instaurar na sociedade ideas aceptábeis para a inmensa maioría. Trátase de verdades cómodas, fundamentalmente proveitosas -dende o punto de vista económico- que permitan o fucionamento da engrenaxe social sen que as distintas estruturas que o conforman poidan ser alteradas. Que non haxa cambios. Non interesa.

Para que o run run circule, para que se estenda, cómpre un eco difusor que o repita. Constantemente. Daquela, a publicidade é unha arma evidente. Sabémolo ben, todo o que favorece o mercado ofrécese nos templos mediáticos. Tamén nas vitrinas e muros das cidades é que poderemos achar este tipo de mensaxes persuasivas. A insistencia é o truco máis vello do mundo. Non sempre funciona, mais cando hai intereses polo medio, faise o necesario para o conseguir. De todos modos, non imos ser inxenuos/as. Precísase de algo moito máis sólido do que a publicidade para instaurar un run run determinado nunha sociedade concreta. Porén, como todo está perfectamente artellado coa finalidade de nos arrastrar por onde convén, existen outros ecos difusores, menos evidentes e moito máis poderosos, que constrúen as nosas necesidades para seren aprendidas. Referímonos ao ensino e ás artes e industrias culturais, en exceso institucionalizadas, que agroman a partir da idea ética occidental do ben, sustentado este na bonanza económica do home branco.

E cal será ese concepto do ben que rexe a vida no mundo desenvolvido? Evidentemente aquilo que as estruturas de poder establecen como válido, é dicir, o que non incomoda ou constitúe un atranco para as clases poderosas, o que favorece a normalidade prefabricada para manter a obediencia e silenciar os disidentes que ousen cuestionala.

Así, se o home branco comproba que unha conduta determinada, como andar espido pola rúa, por exemplo, provoca o rexeitamento da maioría, non o fará. Do mesmo modo que se lle aprenden na escola que ser amábel favorece a empatía e, por ende, facilita a comunicación, sen dúbida algunha o home branco occidental hase construír -de feito construído está- como unha persoa agradábel, mesmo solícita, tendo así grandes posibilidades de resultar simpática e ser ben recibida pola tribo preponderante no entramado social urbano do século XXI: a tribo burguesa, socialdemócrata, fundamentalmente líquida, competitiva e sempre "consciente" dos dereitos humanos do "outro" e, en consecuencia, orgullosa de ser "tolerante" coa diferenza, dende o momento en que "acepta" o que, en termos politicamente correctos, a socialdemocracia adoitou denominar "multiculturalidade", un recoñecemento feble doutras "culturas" , amais dun intento de someter esta pluralidade dentro do marco dunha identidade nacional que unicamente as "acepta" e "tolera".

É a ética do ben, a conciencia de restauración que nos permite vivir despreocupados/as, a pesar das mentiras útiles que proliferan día tras día. E con mentiras útiles referímonos ao xeito solapado de ocultarmos o desentendemento real dos problemas sociais, isto é, a precariedade económica da clase traballadora e, xa que logo, a existencia do noso cuarto mundo, da mesma maneira en que nos desentendemos, por evitación, dos problemas ecolóxicos causados pola construción do AVE e de edificios nas nosas costas, por citarmos algúns exemplos, argumentando que han reportar grandes sumas de cartos na medida en que fomentan o turismo atlántico.

A explicación equipárase entón á xustificación. As consecuencias que isto implique son cuestións meramente románticas. Verdades inútiles. Para que ter conta delas?. De todos modos e, malia a facilidade con que se vende este credo capitalista fraudulento, dada a practicidade de seu, inmediata e tentadora, -máis diñeiro e, polo tanto, máis comodidades (para os mesmos de sempre, claro)- as estruturas de poder contan non só cos medios de comunicación e o ensino como ecos difusores, mais tamén cun sector social, de carácter claramente instrumental , moi nocivo: a intelixencia económica pública cimentada na meritocracia neoliberal.

É esta intelixencia económica pública a que consideran representar aqueles/as que, apoiados polo sistema ao que se adhiren, aparecen no escenario deste gran teatro do absurdo e mesmo son aplaudidos por nos mentiren a todas e todos. Son axentes de repetición, educadores e adestradores da corte, a canle principal pola que a falsa idea do "benestar" colle forza na sociedade.

E se falamos do turismo, desa necesidade estraña de desprazármonos no espazo en viaxes organizadas para volvermos tan seguros de todo como cando marchamos, aínda que diso nin somos conscientes, como asumir que isto obedece simplemente ao propio hedonismo snob, obviamente consumista e superficial, potenciado polos ecos difusores para implantar o run run homoxeneizante, isto é, a idea xeneralizada de que cómpre visitar outros países para ampliarmos a nosa visión do mundo e facermos do lecer "unha aprendizaxe fonda"? Como desmentir esta mentira útil e ameazar a ética do ben occidental e a comodidade de seu, a prol dunha verdade inútil que sostén a idea de que o turismo é capitalista e colonial?. Dificilmente poderemos facelo, mais difícil e imposíbel non son equiparábeis. A principios do século XX as mulleres non podíamos votar, pero logramos vencer os atrancos e o difícil deixou de ser imposíbel. Foi por repetición e insistencia. Creamos os nosos propios ecos difusores e xeramos un run run que nos favorecese. Así conseguimos, con esforzo e paciencia, o dereito do que se nos privaba.

Daquela, seremos pacientes. Utilizaremos a razón e a calma. Repetiremos até a saciedade que o turismo é un acto de consumo máis. Capitalista e colonial. Nin relaxa nin forma. É unicamente unha evasión, mais non porque o desprazamento no espazo sexa negativo en si mesmo, mais pola forma en que se practica. Unha cousa é viaxar e outra moi diferente dirixirnos a outros países, sen ningún tipo de control -fins de semana, pontes, feiras etc- instalándonos nos seus hoteis, viaxando en avións ou coches -principais axentes contaminantes- ou, aínda máis ridículo, participando en excursións organizadas e infantilizantes, coma quen vai ao zoolóxico. Facer turismo é consumir desprazamentos. A avidez con que o facemos reflicte certamente falta de criterio e reflexión. É ben triste. Movemos o corpo, mais na conciencia non se produce ningún cambio. Volvemos tan convencidos da nosa cultura como cando saímos.

Lembremos entón, en primeiro lugar, a diferenza entre turista e viaxeiro, e, a partir de aí, fagamos visíbel a estupidez de convertérmonos todas e todos en excursionistas ou en anfitrións e anfitrionas submisos/as ante a morea de visitantes que invaden as nosas costas sen saberen absolutamente nada da Galiza, asoballándoo todo coa conformidade dun goberno autonómico que carece de competencias reais e vive subordinado ao Estado Español.

Pero deixemos de momento o turismo colonial na Galiza e o que isto supón para nós como pobo. Pensemos antes na propia idea do desprazamento e cerciorémonos de que existe certa confusión sobre este asunto nas clases burguesas. Comprobemos tamén, unha vez máis, que o egoísmo e a cobiza actúan sobre a mente humana, obstaculizando a análise da realidade circundante. Tendo isto presente, a confusión e a falta de análise, é que poderemos comprender que teñamos aguantado tanto abuso coa escusa de abrírmonos ao mundo exterior e deixar que este entre en nós.

Dicía o escritor americano Paul Bowles ( 1910-1999) que a diferenza esencial entre un turista e un vaixeiro radica principalmente no tempo, é dicir, na ausencia de programación que tanto agrada a quen viaxe, até o punto de non saber cando ha volver. Podería non o facer nunca. Amais disto e, moi importante, no desprazamento libre, existe, segundo o escritor, un interese real en profondar nese mundo alleo, en coñecelo realmente. Sen xulgar.

Daquela, parece evidente que, de aceptarmos esta idea de Bowles, viaxar é un xeito de percorrermos os propios camiños da conciencia, de transmutármonos e filtrármonos na alteridade, integrándonos na paisaxe nacional do lugar que pretendemos descubrir. Implica polo tanto unha aprendizaxe significativa que nos ha modificar por dentro. Este traslado nos moverá entre dúas dimensións: unha interior, a da conciencia e os seus cambios, e outra exterior, a da integración no imaxinario colectivo ao que inevitabelmente remataremos pertencendo. Neste sentido, as mutacións da conciencia están ligadas estreitamente aos viaxeiros.

O turista nada ten que ver con isto. Nunca cambia. Quevedo, ao final da súa novela , "El Buscón", deixou dito algo moi interesante, "(...) nunca mejora su estado quien muda solamente de lugar, y no de vida y costumbres." . Daquela, deixando a un lado a antiga idea de "estado" -asociada a un estamento social- para poñérmola en relación cos procesos da propia conciencia que derivan na construción da identidade, poderíamos dicir que os turistas, veñen sendo "buscóns obsesivos". En fuxida perpetua. Escapan de si mesmos. Por iso non cambian. Están varados no espazo e no tempo. Inutilizados intelectualmente pola publicidade -directa ou subliminal- e polas mentiras útiles aprendidas a través das institucións que as difunden. Revólvense con gusto no run run homoxeneizante que os integra no continuum amorfo da imbecilidade colectiva, tan produtiva , en termos de mercado, para a intelixencia económica pública. Deste xeito son felices.

Nada como non pensar para que o negocio turístico democratizado - un amplo sector das clases populares pode practicalo- anule a conciencia da multitude solitaria que se descoñece profundamente a si mesma e vive convencida de todas e cada unha das mentiras que lle contan. Sobre todo a da necesidade de desprazarse polo mundo adiante. Unha vez ao ano polo menos. Coa cámara de fotos na man e unha boa maleta.

Din que viaxan, mais o único que fan é trasladarse horizontalmente. O "buscón organizado occidental" é un egocéntrico incapaz de alterar os seus referentes. Non sente desexo de comprender. Unicamente contempla e absorbe a novidade para valorala moralmente a posteriori. É un devorador que nunca aprende nada.

Por esta razón, dada a súa peculiar ansia de acción turística, o falso viaxeiro, o extra-nauta, pasa os días nervioso por velo todo e tirar fotos de cada lugar coa finalidade de agasallar os amigos e amigas cunha boa reportaxe fotográfica desa realidade falsamente aprendida, excursión tras excursión, sometido a un rigoroso horario, certamente estresante, onde se comprimen tediosas leccións de arte, charlas de cortesía e, finalmente, no autobús, a humillante lectura dos nomes de todos os membros participantes na visita para que niguén quede atrás. Isto último é básico: nada de perderse.

Parece claro entón que o traslado nas viaxes organizadas ofrece dúas direccións : unha cara adiante e outra cara a atrás. Coma o corroverás. Sempre no propio plano. Afirmamos isto porque entendemos que, en todo momento, o turista é movido horizontalmente coma un peón.

Cara a adiante cronoloxicamente, en tanto que os días transcorren de castelo en castelo, e cara a atrás, na medida en que é inutilizado ao infantilizalo con obvias explicacións recorrentes nas que se lle convida a participar, coma na escola.

A ida e a volta tamén son realizadas horizontalmente. Primeiro van. Nuns días volven. Sen cambios. Perfectamente trazado, o periplo deste ávido consumidor de metros de terra, nunca sofre alteracións gratuítas. Só por causa maior, isto é, accidentes, malestar repentino ou fallos das compañías de transporte...

Esa é a realidade turística do home branco capitalista. Tamén a dos seus imitadores, é dicir, a daqueles que, pertencendo a sectores menos poderosos na pirámide social, son felices e senten coma un logro a democratización deste tipo de excursións etnográficas que consideran necesarias para se liberaren do estrés e poñeren en práctica a "potencialidade mutante" exclusiva dos turistas: a desconexión total que conduce á auténtica plenitude: a despreocupación. Esta mutación -deixar de pensar no traballo e encherse dunha calma irreal que remata co primeiro día de visitas- failles sentir libres. Non saben porque, mais acreditan nesa mentira, a do suposto cambio que xera a "descomprensión" mental de estaren lonxe do lugar de traballo. Trátase de poñer a mente en branco. Máis aínda do que está. De facérmonos máis borrosos que nunca, coma se fósemos de area e puidésemos desaparecer en calquera momento.

Eis a finalidade esencial do excursionista: a dose necesaria de distracción que desvíe a atención das cargas máis pesadas, isto é, da rutina solitaria, da agresividade dun ritmo en exceso acelerado, das precarias condicións laborais e do baleiro existencial que latexa sempre no horizonte... Pero, sobre todo, ese desprazamento horizontal garante a rara ilusión do movemento que dá un certo acceso á liberdade imaxinada. Porén, os visitantes só circularán polo decorado permitido. Coma un can cunha corda moi longa.

Parece claro entón que todos os procesos que implican o traslado de persoas por parte de organizacións creadas para ese fin, constitúen basicamente un engano cuxo principal interese son os cartos. Intentemos pois dar visibilidade á mentira. Para iso, é necesario facer un esforzo, fixarse un pouco. Observar a gran confusión que xeran os ecos difusores. Comprender que no mundo desenvolvido equipárase viaxar a facer turismo. Ser conscientes de que se inventou un pracer para vendelo despois coma se for unha necesidade. Aceptar que tragamos enteira a estúpida idea de que os praceres, para seren así considerados, debían ser sofisticados, caros e extravagantes, esquecendo o gusto polos detalles, polas cousas pequenas, esas transparencias habituais que envolven a nosa vida cada mañá cando, como dicía Brecht, "a primeira ollada pola ventá ao erguerse" nos ofrece a marabilla da propia contorna, a ledicia de termos de noso un día máis para vivir e experimentalo todo. Para aprender.

No en tanto, nos desprazamentos turísticos nunca se aprende nada. Insistimos niso outra vez, pois sabemos que tocar un país coa punta dos dedos non é coñecer. Unicamente albiscar. Iso é o que fan os turistas, tanto os que participan en excursións organizadas coma aqueles que se gaban de se organizaren eles propios para remataren empregando coches alugados e cuartos de hoteis. Iso sen termos conta do plan de visitas ideado polo grupo de amigos/as, despois de moito discutir.

En resumo, somos todos tristes tigres turistas. Capitalistas domesticados con necesidades aprendidas. Iso si, tiramos fotos: nós ao pé da Tour Eiffel, á beira da Sagrada Familia, en Thimes Square... E desconectamos. Porque? Porque somos viaxeiros/as. Ampliamos a nosa visión do mundo. "Pirateamos" receitas -sushi ou arepas, por exemplo- para integralas na nosa sociedade. Retratamos a beleza. Ou iso nos parece, pois o único que transmitimos nas fotos é a superficie da mesma. A verdadeira marabilla dun país non radica unicamente na súa espectacular orografía, nin nos monumentos. É moito máis, pero esta fermosura permanece oculta para o turista. Está metida nas hortas, nos contos e lendas populares, nos medos da xente, na fala... Forma parte do imaxinario colectivo. Distinto en cada lugar, polo de agora...

De todos os xeitos nós perseveramos. Consumimos desprazamentos e sempre volvemos sen cuestionármonos nada. É tan cómodo aceptar o run run homoxeneizante que, mesmo podemos sentirnos mal se alguén nos pregunta que viaxe fixemos e non temos nada que responder... A ningún sitio, diremos timidamente. Sabemos que somos culpábeis. Como que a ningún sitio, exclamarán asombrados/as. E logo que foi? Pasou algo na casa?. Nada. Non foi nada, contestaremos avergoñados, simplemente non nos organizamos ben e, claro... Un dos castigos máis duros para a desorganización económica doméstica é a inmobilidade espacial. Daquela, as únicas viaxes posíbeis serán da cociña ao baño, ou do salón ao cuarto. Aínda que tamén poderíamos viaxar no tempo e sentir unha profunda nostalxia e insatisfacción. O caso é comprender que, dende as estruturas de opresión, se nos convence de que viaxar é sinónimo de eficacia persoal, inquietude cultural e, porque non, de modernidade europeísta.

Así, en Europa, un dos lugares onde as verdades son construídas, defínese como turismo internacional a industria que vive das comunicacións persoais e ten como prioridade permitir e facilitar o proceso de diálogo entre culturas. Para isto precisará, explícannos, de estabilidade política, paz e seguridade. Tamén dunha certa aptitude para realizar intercambios entre diferentes grupos de xente.

Pois ben, con estas palabras preciosas, a intelixencia económica pública, moi europea e institucional, xustifica o consumo conspicuo de desprazamentos no espazo. En resumo, segundo estes ecos difusores do sistema, trátase de potenciar o coñecemento do"outro". Porén, como moi atinadamente se preguntaba Badiou, existe " o outro"?. Podemos empregar unha ética do "outro" sustentada na existencia dun "nós neutro", a partires do cal todo se define?. É esta ética do "outro", unha especie de catecismo contemporáneo da boa vontade para sermos capaces de entendérmonos co devandito "outro", "tolerando e aceptando" as diferenzas?. Implican "tolerar" e "aceptar" unha certa verticalidade violenta que se pon de manifesto en forma de condescendencia?. Revela isto o noso natural egocéntrico? E, moi importante, se podemos erixirnos nun "nós neutro" e, como tales, na medida de todas as cousas -despois de deus, claro- que facemos cando imos de excursión pola India, Angola, Cuba ou Haití?. Podemos aprender algo dese "outro" que miramos dende arriba?. Somos quen de mesturármonos con culturas que xulgamos a priori e infravaloramos, ou, realmente, o que facemos son visitas de carácter colonial practicando a rapiña alimenticia e sexual e, no mellor dos casos, devorando souvenirs e fotos que, co paso do tempo, servirán de acreditación para avalaren a nosa formación cultural e sensibilidade con iso que, tan correctamente, denominamos "multiculturalidade"?. Gústanos ser tristes tigres turistas?.

De termos dúbidas, de non vermos claramente a resposta das cuestións arriba plantexadas, pensemos na propia realidade inmediata. Observemos que sucede na Galiza. Reflexionemos sobre este punto. Seguramente entenderemos o problema da violencia exercida polo turismo capitalista, en apariencia inocuo ante os ollos da maioría.

Tomemos nota: as hordas de turistas invaden a costa galega. O de visitar é un eufemismo. Substituamos pois visitar por invadir.

Por outro lado, a construción de vivendas "en primera línea de playa" é obviamente unha agresión. Cambiemos agora construír por agredir. E, atención, sexamos conscientes de que esta agresión é contra nós -os da casa- para favorecermos os de fóra. Eis unha proba evidente de subordinación ante aquel que vén da metrópole e nos despreza.

Fagamos pois outro troco: amabilidade por servilismo. Dicir educación e trato correcto coa clase turista é mentir. Non somos educados. Servímolos. Atentamente ademais. Que non lles falte de nada. Paro iso pagan. Como non ser coidadosos coa man que nos dá de comer?. Todo debe estar disposto para que o home branco español e o seu clan, estean a gusto, isto é, que poidan encherse de marisco, infravalorar o noso idioma e contribuír á destrución da paisaxe. É triste ter que dicilo pero este visitante é un auténtico depredador que devasta a terra. Sobre todo aqueles lugares que tiñan de seu unha función social e que están a se converteren en espazos-lixo.

É a industria turística quen favorece isto. As consecuencias comezan xa a notarse agora na proliferación de infraestruturas urbanas, en extremo contaminantes, que albergan masas poboacionais procedentes do rural. Isto supón a descontextualización da realidade popular galega, na medida en que as aldeas despoboadas se converten en reservas indíxenas que han ser consumidas por un novo grupo social, snob e fraudulento: os Bobos. Pertencentes ao capitalismo pero con valores contraculturais hippies. Unha sorte de bohemios burgueses, froito do hibridismo postmoderno.

É este devandito hibridismo un terreo fértil para o desfile de transparencias inútiles, sempre nos intersticios, na fronteira. Indefinidos e borrosos, os postmodernos transitan nun espazo de intersección onde nada pode ser trascendente nin intranscendente. Relativizan con todo e parecen ignorar o perigo da indolencia política. É máis, gústalles vivir nunha nube. Como se nada de aquí, deste mortal mundo lles afectase. Por iso, identificalos é moi doado: son covardes. Dálles igual o conflicto do turismo, adoran os programas lixo e, ao mesmo tempo, disque len a Kafka... Cren que son transgresores, mais a postura cómoda que manifestan ante todo, sitúaos claramente nas correntes da dereita: a da indefinición política pública. Este tipo de persoas -que sempre se benefician da loita de quen as precede- nunca han provocar cambios políticos. Son profundamente conservadores, coma todos os egoístas sociais.

Parece claro entón que a confusión e o seu estupor inmobilizan a sociedade. Por iso, para provocarmos os cambios imprenscindíbeis, precisamos de posturas firmes. Nada de hibridismo escapista e conservador. Agora máis que nunca cómpre pensar a terra en chave de nación. Así: somos país porque somos terra, terra é paisaxe, identidade nacional. Porque entón permitir que esa ave eléctrica teña estragado espazos naturais de enorme valor (105 kms de terra perforados entre Ourense e Luvián) deixando núcleos de poboación illados?. Porque relativizar e aceptar unha industria turística que xera infraestruturas de comunicación e servizos para atenderen os visitantes en detrimento da poboación autóctona? Porque deixar que nos convenzan da necesidade dunha economía lábil, sempre dependente de factores alleos á propia vontade, tales coma o mal tempo, a crise ou outro, coa precariedade laboral que isto implica? E sobre todo, porque deixar que nos devasten? Porque non ser contundentes neste asunto?

Saiamos da nube. Galiza é "o outro" para os habitantes da metrópole que nos invaden. Levan máis de quince anos "de veraneo" en San Xenxo e aínda nin lle saben o nome... Tampouco non falan galego. É aínda teremos que aturar que digan que viaxan e coñecen a nosa terra...

Parece claro que, a día de hoxe, os únicos viaxeiros reais en Occidente son, como moi ben apunta Alba Rico, os/as inmigrantes. Nunca saben cando han volver. Moitos/as non o han facer nunca. Mestúranse con nós. Tratan de nos comprender. Amosan unha submisión que debería facernos sentir ridículos e realizan os peores traballos. No en tanto, as súas viaxes están mal vistas. Non residen en hoteis, nin poden viaxar no AVE. Isto é así porque nun mundo de lugares separados por un poder determinado -normalmente imperialista e colonial- a cuestión política da inmigración céntrase, fundamentalmente, na cantidade de esforzo que suporá manter a orde orixinal, previa á chegada destes viaxeiros pobres. Ser inmigrante é ser o "outro", mais un "outro" dentro do "outro", que somos nós, os galegos e galegas, ao respecto da metrópole. Vivimos ambos nunha cruel espiral de silencio.