Do mito ao home:o compromiso social de Moncho Reboiras
10 de agosto de 2010 (00:01 h.)
"O seu compromiso cos mais desfavorecidos conducírono a descubrir unha terra explotada, asoballada, colonizada, sometida non soamente económica e politicamente senón tamén social e culturalmente"
Deica uns días cumpríranse 35 anos do asasinato de Moncho Reboiras e non podo resistirme a aproveitar este espazo para, humildemente, honrar a súa figura.
Non son eu persoa axeitada para falar da biografía deste camarada ou de analizar aquí a transcendencia política que sen dúbida algunha tivo Moncho Reboiras para o nacionalismo galego habendo como hai na nosa terra xente moi autorizada para dar boa conta dos principais feitos da súa vida. Neste senso soamente cabe recomendar o libro Moncho Reboiras. O nacionalismo galego nos anos 70 publicado no ano 2009 pola Fundación Bautista Álvarez de Estudos nacionalistas e que resulta xa, a día de hoxe, de inescusable lectura para calquera nacionalista.
O vindeiro 12 de agosto lembrarase ao compañeiro caído en Ferrol cun acto tan merecido como necesario que a UPG organiza cada ano en memoria do que segue a ser un exemplo imprescindíbel de loita a prol dunha terra liberada. Agora ben, corremos o risco de que esta homenaxe se acabe por converter nun acto ermo de enxalzamento da icona que a día de hoxe xa é Moncho Reboiras se so lembramos o feito da súa morte -e estas verbas van especialmente dirixidas á mocidade- esquecendo o valor do compromiso social e do traballo activo do que deu exemplo durante toda a súa curta vida.
Tiña tan so 25 anos cando se converteu nun mito pero o seu exemplo non comezou nin culminou na súa morte. Por iso temos que coñecer e rememorar o traballo comprometido que desenvolveu día a día na súa vida desde moito antes de acabar sendo mártir da causa nacionalista.
Foi Moncho Reboiras un mozo de orixe popular que coñeceu dende moi novo, o mundo do traballo: primeiro axudando a súa familia no Bar Noia, o café familiar, pouco despois na construcción e logo como enxeñeiro técnico na fábrica de Barreras onde entrou a traballar cunha bolsa despois de ter rematado os estudos. Co título que tiña podía terse acomodado tranquilamente na morna seguridade dunha clase media ben domesticada polo franquismo. Moi pola contra, o seu compromiso de clase converteuno en activista sindical -dende a clandestinidade daquela década dos setenta- e transformouno nun inconformista proletario loitando a favor dos dereitos dos traballadores.
O seu compromiso cos mais desfavorecidos conducírono a descubrir unha terra explotada, asoballada, colonizada, sometida non soamente económica e politicamente senón tamén social e culturalmente. Esta clarividente percepción do país levaron a Moncho Reboiras a involucrase e espallar o nacionalismo non soamente no ámbito laboral ou sindical senón en todos aqueles lugares e situacións nos que entendía que podía difundir e compartillar os seus ideais de país. Formou parte activa do asociacionismo participando en agrupacións como a Asociación Cultural de Vigo e promoveu iniciativas culturais como a publicación de Des...tornillo. Logo viñeron os tempos da Fronte cultural galega, do Grupo cultural "O Castro", dos Estudantes revolucionarios galegos (ERGA)... de todo tipo de iniciativas nas que dalgún xeito Moncho Reboiras formaba parte.
O seu exemplo foi o traballo social que día a día desenvolveu nos movementos sindicais, culturais e asociativos, formándose politicamente, repartindo propaganda, procurando novos compañeiros para a causa, facendo país a pé de rúa. Ese é o verdadeiro legado de Moncho Reboiras que as persoas comprometidas socialmente ou militantes poden e deben seguir.
Certo que o final de Moncho Reboiras acontecido na rúa da Terra converteuno nun mito, certo que como tal merece ser honrado e lembrado e que está nas nosas mans a obriga de que as novas xeracións o coñezan. É imprescindíbel homenaxear e mesmo enxalzar a figura de quen se transformou en semente da loita pola liberdade plena do noso país, dun camiño encetado e tamén camiñado por outros tantos compañeiros e compañeiras que sufriron a represión, as veces a tortura, e incluso, como é o caso, chegaron a dar a vida por uns ideais nacionalistas. Pero non é menos certo que tamén é a nosa obriga evitar que as desgraciadas circunstancias da morte de Moncho Reboiras eclipsen unha vida exemplar ao servizo da nosa nación a través do traballo diario no barrio, na asociación, na fábrica...
Como cada ano sei que hei sentir unha profunda satisfacción e mesmo emoción e esperanza ao ver á nosa mocidade berrando o nome do compañeiro caído. Como cada ano tamén me unirei ao coro comunitario para berrar "Moncho Reboiras, a loita continúa" e cantar a Internacional diante do número 27 da Rúa da Terra. Todo isto supón unha inxección de ánimo para seguir adiante no traballo militante do día a día e penso non equivocarme ao afirmar que todos volvemos cada ano de Ferrol con forzas renovadas para continuar coa loita política.
Pero este ano, quixera animar a todas as boas e xenerosas persoas da nosa patria, especialmente como xa dixen á nosa mocidade (aínda que non en exclusiva) a profundar na traxectoria do compromiso social de Moncho Reboiras, a mirar máis alá do seu tráxico final e tomar como exemplo ao traballador, ao compañeiro, ao sindicalista, ao animador cultural, ao activista, ao militante, ao home que dedicaba o seu tempo a implicarse nos movementos culturais da súa contorna; á persoa que se dedicou a espallar o ideario nacionalista na sociedade; a aquel que, en definitiva, fixo tantas e tantas cousas que está nas nosas mans seguir facendo cada día de militancia comprometida que, sen dúbida, son a mellor homenaxe que Moncho Reboiras pode recibir.
O día 12 de agosto de 2010, 35 anos mais tarde da súa execución, verémonos todos en Ferrol, e o día 13 temos a obriga de seguir traballando pola nosa patria porque a loita, compañeiro Reboiras, continúa.