Dialéctica do Ídolo
02 de agosto de 2010 (00:01 h.)
O paso do capitalismo produtivo ao especulativo, dos sectores primario e secundario ao sector terciario de servizos supón que a primeira produción é a informativa e que a "materia prima" é a propia humanidade.
Dialéctica da estupidez. No mes de xullo do ano 2010 rescatan a un home que levaba 5 días fechado nunha cova. No momento do rescate dirixiuse aos bombeiros e preguntoulles: señores poderían dicirme quén gañou o mundial de fútbol? Contentos e emocionados contestáronlle que España. Era lóxica a pregunta e a preocupación deste home. Todo un planeta levaba preguntándolle ao gran oráculo, un polbo, quen sería o país vencedor. Todo un planeta seguía minuto tras minuto a batalla dun puñado de homes bos e xenerosos, e guapos... loitando polo mundo cunha pelota contra os malos e feos. A batalla final foi decisiva e gañaron os guapos e bos, "os nosos". Unha gran festa se celebrou no país vencedor en honor aos heroes. A xente semiespida foise bañar ás fontes das vilas con augas semipotábeis. Homes e mulleres berraban bébedos, con pinturas na cara, loubanzas aos novos ídolos. As putas esa noite non deron feito coa avalancha de clientes orgullosos de pertencer ao país vencedor. Cantoulles Manolo Escobar.
No meu país, tamén se celebrou, porque independentemente que nos consideremos duns ou doutros, ou de ninguén, somos ante todo festeiros: decoramos as casas e os coches con trapos, puxemos as fotos dos ídolos nas rúas, os empresarios/as pagaron notas de apoio nos xornais. Vilas como a Pobra do Caramiñal empapelou con bandeirolas, de 30 euros cada unha, as rúas en apoio a "estes chicos" (cultura non ten orzamento para contratar a artistas locais). Pantallas de televisión para seguilos como se estiveses con eles. O festival de Ortigueira pediulle a todos os grupos redución de cachés e puxo grandes pantallas para ver o mundial. As empresas ofreceron 30.000 euros para papar o polbo que con tanto acerto prognosticou a vitoria dos nosos, e os alcaldes foron a buscalo. Os inmigrantes sen papeis berraban pola rúa "viva España!" Toda unha festa.
O gran ídolo, o que meteu a pelota onde había que metela dirixiuse á cidadanía e proclamou : esto es gracias a mis compañeros que son unos cabrones pero los quiero. Viva!! Viva!! (aplausos)
Repito: o capitalismo especulativo constrúese a partir do pensamento tribal, infantil e emocional da propia humanidade. O sistema mediático é hoxe o segundo poder despois do económico. É o aparato ideolóxico da globalización.
O universo da información xera un discurso sen vocación ética de educar e formar "cidadáns" pois a súa finalidade é a comercial. Non se move en función de regras informativas senón comerciais, cun discurso caracterizado pola súa inmediatez-rapidez-caducidade, gratuíto, simple e infantilizador. Onde os símbolos son o seu principal nutrinte. A obriga dun estado é a de proporcionar símbolos, imaxes, e individualidades estelares para guiar a súa cidadanía no esplendor do éxito. "Porque canto máis medra a masificación maior é a sede pública dunha referencia individual enfermidade europea da transcendencia". Deleuze
Para o paso do que Foucault chama un poder represivo a outro desexante, da economía do estado á do mercado, da disciplina ao control, é vital o papel publicitario dos novos ídolos. España participa encarecidamente na creación e divulgación dos seus ídolos: deportistas, cantantes, toureiros...
O día en Galiza que máis carga simbólica ten para nós, os nacionalistas, é o 25 de xullo. Este ano moitos mozos e mozas levaban camisetas e bandeirolas da selección galega. Nos tamén participamos como corredores de fondo nesta carreira? O fútbol é o espello simbólico onde queremos ver reflectida a nosa cidadanía? Pregunto.
Enamais...