Dereitos humanos e obxectivos do milenio


No século XVIII, en Francia, diferentes filósofos coñecidos como "ilustrados", comezaron a teorizar sobre o progreso. Estaban fascinados cos descubrimentos que o perfeccionamento da óptica ofrecía aos seus ollos: o telescopio achegaba os segredos do universo e o microscopio desentrañaba os misterios do diminuto. As melloras nos instrumentos de navegación prometían un maior entendemento entre as diferentes culturas do planeta e o "saber" debía e podía ser "socializado" a través da Enciclopedia... Baixo a firme crenza de que o progreso científico comportaría un incremento do progreso moral da humanidade, os Ilustrados deixaron boa cantidade de obras destinadas a "iluminar" aquel mundo aínda escuro de ignorancia: así escribíronse obras sobre a tolerancia, a liberdade relixiosa, a necesidade de separar o poder político do relixioso, de implantar o laicismo ou de estender a educación mais alá das clases altas. J.J.Rousseau defendía unha educación esmerada para Emilio, na súa casa, en privado, baixo a tutela dun mentor mentres reservaba para a súa homóloga Eloïsa, unha educación máis "acorde" ao seu xénero. Contemporáneo a Rousseau, C.A. Helvétius, pola contra, defendía unha educación pública, laica, e mixta, ademais de obrigatoria, para homes e mulleres, onde os menores deberían deixar o influxo dos intereses privados das súas familias para converterse en "fillos da patria" e defensores do interese xeral. Helvétius era un adiantado a súa época tal e como logo recoñecería o propio Marx quen asumiu parte das teses materialistas do francés.

Os ilustrados teceron unha rede de xustificacións en torno ao progreso da humanidade que tras a Revolución Francesa de 1789 tomaría forma na Declaración dos dereitos do Home e do cidadán. Cos seus límites, xa que como todo o mundo sabe esta Declaración só abranguía os dereitos dos varóns, esta foi a 1ª declaración de dereitos importante para a humanidade. Seguiulle rapidamente a Declaración dos Dereitos da Muller e da Cidadá (1791) redactada por Olympe de Gouges, quen calcou a anterior engadíndolle o que lle faltaba para declarar a igualdade entre homes e mulleres.

Ao longo da historia continuaron os compromisos sociais e políticos por ampliar os dereitos dos seres humanos pero non sería até o Século XX que outra declaración tería tanta transcendencia como aquela primeira: a Declaración Universal de Dereitos Humanos (1948). Seguironlle en 1966 o Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos e o Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais.

Non foi tal. Xa por 1970 comezaron a escoitarse voces que reclamaban outro tipo de dereitos e ampliaban o seu radio mais alá do individuo. Non era acaso necesario defender o planeta? Non era unha obriga por parte dos Estados defender un futuro medioambientalmente sostible? Non era imprescindible a protección da biodiversidade? E os animais, acaso non tiñan dereitos os animais?

Cando se comezou a falar desta última xeración de dereitos houbo quen puxo sobre a mesa o feito de que non valía de nada ter Declaracións de Dereitos nunha parte do planeta si o resto do mundo e dos seres humanos non eran quen nin sequera de coñecer e acadar os primeiros.

Esta realidade provocou, ao meu entender, unha conciencia cada vez maior por parte dos Estados da terrible inxustiza existente na distribución da protección dos dereitos mais elementais nas distintas partes no planeta. Esta mala conciencia, aplacada especialmente a través da chamada "cooperación internacional" por parte dos países ricos, acabou por desembocar, ao meu entender, nos Obxectivos do Desenvolvemento do Milenio (ODM).

Estes -como xa todo o mundo sabe- son oito grandes obxectivos a nivel planetario para 2015-2020 aos que se comprometeron, en especial, os países mais ricos. E cumpren, na miña opinión a mesma función que as declaracións anteriores: orientar ás persoas e aos Estados da dirección a seguir cara o "progreso" da humanidade.

Na Cume Mundial sobre os ODM celebrada en New York en setembro de 2010, o Secretario Xeral da ONU, Ban Ki-moon, afirmaba ter o propósito de salvar a vida a máis de 16 millóns de mulleres e nenos cada ano lanzando unha "Estratexia Mundial para a Saúde de Mulleres e Nenos". Pero tamén declaraba que a pesar de que se ten avanzado timidamente na procura dos obxectivos do Milenio aínda queda moito por facer para sacar á maior parte dos seres humanos da miseria.

Existen longos Informes sobre a situación do ODM publicados polas Nacións Unidas nos que se abonda sobre o feito de os obxectivos do milenio seguen sendo unha utopía por alcanzar. Fálase de " Parecían completarse con eles as longas demandas iniciadas no século XVIII que debían satisfacer as expectativas do progreso da humanidade. Erradicar a pobreza extrema e a fame" (Obxectivo 1) reducindo á metade -entre 1990 e 2015- a porcentaxe de persoas con ingresos inferiores a 1 dólar por día e logrando emprego pleno, productivo e de calidade incluso para mulleres e xoves. Pero a crise económica mundial, por un lado, e o deterioro do mercado laboral por outro, teñen ralentizado tremendamente o alcance deste obxectivo, incrementando a vulnerabilidade das persoas e as súas familias e manténdoas na pobreza extrema. No que respecta a fame tíñase previsto reducir á metade no mesmo período as persoas que pasan fame pero, pola contra, incrementaron ate o 2010 como consecuencia, entre outras, da crise alimentaria e financeira mundial.

O obxectivo 2 pretendía "Lograr a ensinanza primaria universal" de xeito que para o 2015, todos os nenos e nenas do planeta puideran rematar o ensino primario. Pero as desigualdades obstaculizan este obxectivo de tal xeito que non se prevé alcanzar a educación universal para esa data. Tampouco o Obxectivo 3 "Promover a igualdade de xénero e o empoderamento da muller" ten dado os froitos esperados xa que permanecen as desigualdades entre os sexos no ensino básico pero tamén medio e, en especial, para as adolescentes. Entre as mulleres adultas, séguese a percibir maior traballo precario, peor pagado, mais informal (sen cotizar) e con menor acceso a postos de responsabilidade e poder que aqueles que ocupan os varóns.

O Obxectivo 4 "Reducir a mortalidade dos nenos menores de 5 anos" ten tido algúns resultados positivos aínda lentos e insuficientes habida conta da cantidade de menores que poderían salvarse e morren cada día no planeta (loitase contra a pneumonía, diarreas, sarampión, no reforzo da nutrición, etc.) Tamén poderían evitarse moitas mortes maternas (Obxectivo 5: "Mellorar a saúde materna") cunha axeitada atención sanitaria nos embarazos e partos e un acceso universal por parte das mulleres a súa saúde reproductiva. Pero a escaseza de fondos para a planificación familiar é, a día de hoxe, unha enorme falla no cumprimento deste obxectivo.

"O combate contra o VIH, o paludismo e outras enfermidade" tal como reza o obxectivo 6 parece que vai tendo pequenos pero esperanzadores resultados: a propagación do VIH parece terse estabilizado na maior parte do mundo, incrementándose o número de persoas que sobreviven máis tempo grazas ao incremento dos tratamentos antirretrovirais. Aínda así a taxa de novas infeccións é superior a dos tratamentos e moita xente nova non sabe ou non pode protexerse contra a infección, sendo de novo as mulleres as mais afectadas.

Os tratamento tamén se teñen incrementado para loitar contra o paludismo aínda que a pobreza segue a limitar o uso, por exemplo de mosquiteiras tan imprescindible para controlar a enfermidade Tamén a malaria e a tuberculose teñen diminuído grazas aos aportes internacionais.

O Obxectivo 7 "Garantir a sostibilidade do medio ambiente" é tan amplo que dificilmente poderá ser alcanzado nas próximas décadas. Alude ao desenvolvemento sostible dos recursos medioambientais: á deforestación, ao mantemento da biodiversidade, á sobreexplotación da pesca, ao control do cambio climático, ao acceso á auga potable por parte de millóns de seres humanos, ao acceso aos servizos sanitarios, á mellora dos barrios marxinais, etc.

Por último,o obxectivo 8 "Fomentar unha alianza mundial para o desenvolvemento" pon en evidencia as grandes diferencias entre o Norte e o Sur e as asimétricas relacións entre os países ricos e os subdesenvoltos. Soamente cinco Estados cumpriron coa axuda oficial prometida e as diferencias entre nacións incrementáronse xa non so en termos económicos senón tamén, por exemplo, en termos tecnolóxicos.

Mentres tanto os países ricos aínda andan a establecer de que xeito facer cumprir as declaracións de dereitos "clásicas"... España acaba de ratificar o Protocolo Facultativo do Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e culturais que permitirá que as persoas as que se lles vulneren os dereitos alí recoñecidos: -emprego, vivenda, saúde, etc.- poidan acudir a Nacións Unidas para facerse escoitar. Con todo, este mecanismo comezará a funcionar cando o teñan ratificado un mínimo de 10 países e de momento so o fixeron, ademais de España, Ecuador e Mongolia. Outros 30 países téñeno asinado, indicando así a súa intención de ratificalo no futuro pero soamente nese momento será xuridicamente vinculante.

É curioso é que España plasmara a súa ratificación ao día seguinte de concluír a Cume sobre os Obxectivos de Desenrolo do Milenio, unha cume na que, por certo, non se identificaron mecanismos efectivos de rendición de contas ante as vulneracións mais básicas e elementais de dereitos humanos por parte da maior parte dos seres humanos do planeta!

Cando comezarán a cumprirse os máis elementais Dereitos humanos?