Depredadores, carnívoros, prehistóricos e racionais
Os humanos, depredadores, antropófagos, carnívoros, fomos evolucionando dende denantes da Prehistoria dos bisontes de Altamira, pasando polo Neolítico interminable, no que asumimos que podiamos "domesticalo" todo: á paisaxe, ás plantas, ós animais e ó mesmo home, facer e desfacer. Iniciámonos, realizámonos tanto con fetiches como con osiños de peluche, con películas de guerras e matanzas. E así pasamos das meigas a google e aínda coa carraxe a flor de pel. Algúns que non deixan de ser nenos desafogan a súa prehistórica adrenalina xogando a guerras no "Paintball", ante una maquina comecartos ou nun videoxogo.
Nada permanece, todo esta en devalar, a mesma eternidade, as tradicións, todo, todo vira e muda... xa o dicía no século VI, antes da nosa era, o filósofo Heráclito de Efeso, e adobámolo hoxe con outros aportes. Uns textos son os contextos doutros textos, así se expresa o filósofo de moda Joseph Zalman Margolis: "a realidade e o pensamento están confusamente siombiotizados... o pensamento é historizado, a súa estrutura está preformada, é automodificante..." Podemos facer que as cousas muden (en ocasión para peor) tamén as tradicións saen malparadas polo abuso, perden a súa función e se non quedan en liturxias ou supersticións rematan nun macrogarrafón de individualidades, enfrontándose a todo.
De vagar a ciencia vai entrando na conciencia coa ansia de vivir e convivir. Atrás acouga un pasado cruel que non ofrece consolo: as cruentas ofrendas ós deuses, os bíblicos sacrificios dos primoxénitos a deuses exixentes, exóticos, con faciana de monstros insatisfeitos; as inmolacións humanas, as hecatombes gregas... o circo romano cos gladiadores e a fauna selvaxe en loita con escravos, os axustizamentos con crucificados, empalados, a fogueira, a Inquisición, mártires para acender labaradas de vinganzas... E aínda hai nalgunha parte do planeta quen aplica Leis coas máis exquisitas torturas chinas e a pena de morte por forca, garrote, inxección letal, cadeira eléctrica... os campos de exterminio, de concentración, a xustiza criminal co acantazando a mulleres, a tribal Lei do Talión, o terror, as torturas de palabra, obra ou omisión, abusos de poder mesturado con toda gama de violencias... "Mondo Cane" de fortes e espectaculares contrastes. Sempre o sangue e a forza para marcar territorio e mando.
A Prehistoria segue dalgún xeito. A realización do ego, os racionais tomámola entre nós e contra os animais irracionais ou contra a mesma natureza que nos soporta. Hai quen predica e imaxina un mundo mellor, facémolo con inxenuidade paternalista de monxe tibetano, con vehemencia e contradicíndonos, caendo na trampa, na liorta das provocacións. Medran os colectivos antiviolencia, en defensa da vida, dos animais, das plantas, códigos éticos na política... Pero moito queda por facer entre o primixenio que enguedella ó ser humano, caprichoso e rebelde. O home é o peor depredador, "o home principio e fin de todas as cousas", repetimos o que xa dicía no século VI antes da nosa era, o filósofo grego Parménides. Os alicerces da ética: evitar a explotación do home polo home, e xa quixeramos erguer sobre tan elemental grandeza o herdo do porvir.
A aculturación, cando as tradicóns mudan e degrádanse... Artellamos tradicións que dicimos intocables, cando as tradicións nacen, van mudando, revestíndose de diferentes aportes, degrádanse e tamén morren. E seguimos na espiral dos ritos de pasaxe, agora con connotacións espectaculares, turísticas, económicas, a verter adrenalina para maior espectáculo no que seguir a realizarse. A competición vai no ser humano como un reto para madurar. Aplicamos irracionalidade contra os irracionais, pese ás súas gadoupas, cornos e dentes... Dende o protohistórico rito do Taurobolio -sacrificio do touro, enseña dun deus dual, con algo de demoníaco e celeste- á burla, á matanza pública e festiva na praza, a ritmo de pasodobre, capotes e traxes de luces, castizo "rojo-gualda" que se mesturan con espadas e estoques... o animal é enganosamente atraído ó coso, provocado, mira baixo, remove a terra coas patas e aplica as súas defensas naturais, escórnase. Ás veces, o cuadrúpede sae vencedor, entón medra, espállase e véndese mediáticamente o dramático acontecer. Touros, mítica forza brava da natureza que se solta para "invadir" a civilización atoutiñante, mofado con fachóns nos cornos, que será diana para escarnio, turrar do rabo, lacerar e inmolar. Tamén na Galiza antiga houbo cousas así, a xulgar pola arqueoloxía e os documentos, até que aprendemos o que vale un boi.
Namentres na globalidade desafiamos a velocidade, a forza, ansiamos bater records, entrar no "Guinness"... a risco do que sexa: o boxeo sobre un ring, as competicións en potentes máquinas con tantos riscos... innecesarios desafíos.
Tradición irracional, sanguinaria, propia do prehistórico cazador, desafío do home contra os animais por todas partes: as cazas do raposo inglesas, as do lobo, as pelexas con galos e cans, que moven importantes apostas... e novas leis que prohiben a tortura pública dos animais.
Todos os que temos unha aldea detrás sentimos a barbarie: a matanza do porco, do capón engordado con funil, do can escaldado... e sabemos medir, que a cousa é máis grave cando o que se pon en perigo é o ser humano.
E nesa loita do home pola vida, en contra da vida, da natureza, contra bestas bravas ou contra calquera outro animaliño, fomos aprendendo e madurando a vivir e convivir. E facémolo vestidos e calzados con pelexa de animal, entre churrascadas, hamburguesas ou "hot dog", entre monumentais lacóns ou xamóns... resultados de crías, de matadoiros nos que se esfolan, esnaquizan, pican, embuten, curan industrialmente restos de animaliños criados para carnicerías e carnívoros. A morte dos irracionais forma parte da vida dos irracionais e até se incorpora a "Arte". Bendito sexa o San Francisco... E resolvemos a cuestión cunha proba de que seguimos na prehistoria, insolentes aínda nos atrevemos a asegurar que "non sofren", "perviven grazas a iso" "naceron para iso"... A tradición non é estática. Se o home é a medida, tamén nos toca decidir, debullar nas prioridades e no todo a un tempo.