Democracia bisesta
20 de novembro de 2013 (23:00 h.)
Teño un curmán (o máis novo dos Negros) que naceu en ano bisesto, mesmamente o día que o marca, o 29 de Febreiro. Gasto con el a brincadeira infantil de lle recordar que os anos que cumpre ha de os dividir por catro; así, cadroume poder celebrar con el os seus 40 na cidade onde mora e traballa, Madrid, e, a pesar de andar polo 1’90 de estatura, todos lle lembrabamos como só cumpría 10, e o moito e ben que medrara… En fin, piadas para pasar o tempo entre quen ben se quer. Veume ao acordo nestes días este aniversario “bisesto” cando comecei a fartarme ben fartada da sentenza repetida política e mediaticamente como dogma de fe: as responsabilidades políticas decorrentes do desastre do Prestige xa foron depuradas e avaliadas pola poboación en idade de votar, e polo castigo que o resultado das eleicións supostamente inflixiu aos gobernos -español e galego- involucrados no desastre bis, a chamada xestión do accidente. Segundo esta tese, as tais responsabilidades ficarían esgotadas no acto do voto cidadán, por tanto, nunha especie de exame rápido e pontual que, cada catro anos, convoca o persoal ás urnas, sexan eleicións estatais, autonómicas ou municipais, que tal é a periodicidade con que elas se realizan. Sería, pois, esta unha democracia bisesta: cada catro anos, podemos opinar e, coa só forza do voto, estarmos en condicións, nada menos, que de vestirmos por un día e un minuto a toga de fiscal para penalizar os gobernantes que, segundo nós, o fixeran mal. ¡E vivan os mitos burgueses máis lisos que a casca dunha castaña!
Dito e repetido está, mais permítanme que o reitere. A sentenza xudicial feita pública no día 13 deste mes é chapapote xudicial puro e duro. Supón a burla descarada e inclemente para toda a nación, a que padeceu a maior catástrofe ambiental-ecolóxico-económica que recordan os tempos. Ora, o truque e o engano estaban a funcionar desde o primeiro momento do proceso, aquel que excluíu do mesmo calquer responsábel político e o centrou no capitán e no maquinista do buque e mais no director xeral da Mariña Mercante daquela, un individuo que, na apoteose do desprezo e da fachenda que gasta só quen sabe que o pode facer, é quen de protestar porque se lle facían as perguntas en galego. O despropósito, pois, estaba sementado desde o principio. Mais fagamos un chisco de historia, xustamente a que non vai aparecer en grandes titulares de papel ou das pantallas.
,O lema, berro, exclamación, bandeira… NUNCA MÁIS! apareceu por vez primeira na alocución do portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Rodríguez, na inmediata intervención parlamentar que tivo lugar practicamente ao día seguinte de se producir o inicio da catástrofe. Se até entón, os dous adverbios facíannos evocar o “Nunca más!” da loita dos arxentinos contra a impunidade dos crimes xenocidas da ditadura, desde Novembro de 2002, e en galego, ficou asociado á loita galega, á que levou ás rúas duascentas mil persoas en Compostela, no 1 de Decembro dese ano, a que reuniu miles de persoas en Madrid, no Febreiro do ano seguinte, ou a que protagonizou millenta actos por toda a nación. A isto é ao que o PP chama “manipulación”! En segundo lugar, o BNG, en sedes parlamentares, na mobilización social, nas rúas, en todos os ámbitos onde puido chegar a súa voz, cansou de denunciar a exposición criminal da Galiza ao tránsito de buques con mercadorías altamente perigosas e contaminantes sen que o Estado español nen a Xunta de Galiza tivesen a ben reclamar a mudanza da lexislación internacional que convertía a nosa terra en albo da máis negra voracidade capitalista. Mais dáse a circunstancia de que tal denuncia xa se realizara contundentemente á altura de 1992, cando o Aegean Sea tivo a ben sacar a pasear pola Coruña o seu pavoroso depósito de combustíbel, lume e fume.
Non vou aborrecer ás leitoras e leitores -teñan ou non idade para o lembraren nas súas proprias biografías- coa listaxe cumprida de catástrofes proféticas que abundaron na historia contemporánea da Galiza. Cualifícoas así por certeiras e absolutamente previsíbeis á vista da criminal política permitida ás armadoras, clasificadoras e aseguradoras e á vista do servilismo español con elas. Raro que non houbese máis… Si me referirei a un dos berros máis repetidos no 2002 e 2003 contra o goberno español e a súa actuación: “Incompetencia!”. Tal imprecación tamén se usa agora contra a sentenza xudicial. Sinto dicer que non estiven nen estou de acordo. Non é, coido, para nada, un problema de “incompetencia”, “desidia” ou “torpeza”. O goberno español é competentísimo -que diría Manuel María- para manter a Galiza na posición de absoluta marxinación e subordinación que lle interesa. Non é casualidade. Vaille a vida -volve demostralo agora esta indigna sentenza- en re-asinar, selar, marcar a ferro, un dominio político sobre a nosa nación, que, no seu deseño (no deles), non pode axir por si mesma, revelarse e rebelarse, erguerse coa dignidade precisa e esixir goberno e instrumentos de Estado para rexer as súas proprias decisións políticas e económicas. Estamos previstas-os para drenaxe de recursos-materias primas; emigración; destino das máis aberrantes decisións da Unión Europea; moeda de cambio para favorecer outras zonas do Estado; venda do aforro; perpetuo elemento de mingua orzamentaria; parachoques de canto lixo e destrución programa o capitalismo global… Curan en nós as saudades coloniais, de certo, cunha mediación política española servil até a extenuación co amo mundial e, asemade, xendarme interno contra os que atacamos o dogma da sacrosanta soberanía constitucional.
E por aquí chego ao cerne da miña tese e xa non os canso máis. Todos os camiños levan a Roma, dicía o dito clásico. Todos, absolutamente todos os camiños das análises posíbeis, levan á Galiza e ao papel que se lle obriga a xogar en España, en Europa e no mundo. E isto, que adquire un grau de evidencia descomunal, é o que a pantalla político-mediática dominante non ve nen quer ver. Galiza fica así convertida nun locativo: é un locus onde, ¡vaia por Deus!, pasan estas desgrazas. Corolario: a culpa témola nós, tena Galiza toda, por ocorrérselle dispor de 1.200 km. de costa, rías de potencial económico incomparábel, e por resultar moito máis barato destruírnos-contaminarnos que obrigar ás armadoras a transitar por outras rotas ou a ficaren os buques en porto á espera de que amaine o temporal; por estarmos onde estamos, en definitiva.
Por aquí seguimos ouvindo falar de que España é potencia pesqueira (¿?): todo vale con tal de negar, de vaporizar a Galiza e a raíz do problema. Todo deriva e todo conduce ao mesmo: a escravitude política da Galiza, a súa dependencia extrema e, xa que logo, a necesidade imperiosa de reaxirmos por nós mesmos e, xunto coas proclamas consabidas de indignación, escándalo, protesta e todos os acompañantes emocionais habituais, nos decatemos dunha vez por todas de que nos vai a vida en termos Estado proprio, instrumentos de goberno merecentes de tal nome, posibilidade de interlocución directa con quen nos agride, aparellos de defensa soberanos. En suma, o que hai xa moitos anos que resumín coa necesidade do triplo V: dereito de voz, de voto e de veto. De momento, o que temos é o v- de estarmos vendidos e o v-da nosa voz. Utilicémola para centrar dunha vez por todas a cuestión, para sabermos, ao menos, que a evitación de catástrofes como a que nos asolou hai once anos só será posíbel naquel marco que nomeamos.
¿Tan forte e poderosa é a forza da propaganda e das frases feitas para que sigamos ouvindo compatriotas que atribúen aos “políticos” os males que padecemos? ¿Unha tan basta confusión entre “políticos” e “gobernantes” manterase a perpetuidade? ¿Que sería de nós sen política nada, emanada, dirixida desde a Galiza e destinada a ela mesma? ¿Cal sería o retrato deste país sen a presenza-actuación do nacionalismo galego? Podémolo imaxinar con palabras de Castelao: pacotes de emigrantes envasados como as mercadorías en circulación por todo o mundo, até que alguén pendurase o letreiro: “Cerrado por traspaso”.
Nen democracia bisesta nen “catástrofe ambiental” que, oh casualidade!, tocounos a nós por enésima vez e da que semisafamos porque viñeron multitudes de voluntarios a nos axudaren: vaia por Deus!, nen sequer nos sabemos socorrer a nós mesmos ou esixir aos que pagamos que atendan a desgraza! E que ninguén, por favor, deduza das miñas palabras desprezo para os que se dignaron visitarnos e axudar como mellor souberon e puderon. Mais externalizar máis unha vez o impulso da resposta e da autodefensa non é realista nen obxectivo. Eis o noso dilema, o que igualmente enunciaba Castelao: sermos individuos de Protectorado ou adultos xurídica e politicamente falando.