Da lareira ós "hikikomoris" internáuticos

Da lareira ós "hikikomoris" internáuticos

As condutas do ser humano mudan ante as novas situacións, os novísimos sistemas de ocio e negocio lévannos polo camiño de vivir a virtualidade, tamén na creatividade e na mesma literatura. As cuestións individuais contaxian á sociedade de egos. Preocupan os "hikikomori" como din os chino-xaponeses para referirse ás persoas que se illan e se enclaustran en diferentes grados. E non soamente no país do sol nacente, senón xa nas aldeas do solpor fisterráns. Xa non afectan unicamente ás clases altas, senón a todas e de xeitos diferentes e máis alá do cuarto, da cama, do encrucillado ou da pantalla de plasma.

Fundamentalmente hoxe son rapaces, vinculeiros consentidos, mozotes ou non tanto, pegados á casa paterna, que pasan as horas fora dunha sociedade que lle semella allea, como autistas, ermitáns da posmodernidade, zombis de porta pechada con chave, metidos no seu cuarto-leoneira diante do plasma do ordenador, da televisión, eufóricos do videoxogo ou do teléfono móbil... a súa vida real. Abaldroados na cama, entre fume do tabaco e cabichas, restos de comida de plástico, pizza xeralmente e botes de cocacola, criando tics dixitais, de cabeza e de ollos, ou simplemente sen facer ningunha outra cousa máis que mirar para as manchas de pintura do teito ou para os ácaros que van e veñen por unha frecha de luz que vai deixando seu reflexo pola parede adiante. Papando moscas ou mesmo vivindo do maxín, mirando fixamente a un punto. Non hai horario: o sono a calquera hora e o tecleteo a calquera outra, soamente se abre a porta para botarlle a comida, as mudas ou os subministros informáticos ó estrano animal da posmodernidade. Invernadoiro, cultivo da tristura crecente, da inseguridade, sen amigos, sen relacións, a non ser os que furen pola rede internáutica.

Cuestión xa asumida nos eidos da psicoloxía e da socioloxía. Problema que por aquí coñécese como o "síndrome da porta pechada", con causas que pode estar na rutina consentida dunha mala educación, nos desenganos, na presión social, no fracaso, etc. Comportamento antisocial cun tratamento particularizado que debe ser guiado polo especialista, e que comeza por asumir a cuestión que se acocha nun cuarto da casa, polo achegamento, respetando a súa independencia, a dos seus espazos e manías, deica integralos no bulir da vida real.

Un xeito de novos Quixote, xa non entoleirados polos libros de cabaleiras, ou polos cómics, que moitos houbo e hai con esta tolemia, incluso rexedores, alcaldes que saíndo dos claustro das súas teimas quixéronas ampliar deica facer das súas cidades as novas Lilliput dos ananiños e Gulliver. Agora e por moito tempo serán as novas tecnoloxías as que entoleiren. Todo vén dado en Jauja e prende a nugalla, a lacazanería...

Os seres humanos desenvólvense na sociedade. Dende a coutada e sombría cova de Platón ó "hikikomori" xaponés, enguedellado en cables de alta tecnoloxía dixital, pasando polo noso tombado, enfermo e aganado, abandallado no cuarto da súa casa, da aldea ou do piso da cidade, arrodeado de enfermidades que non ten, de agarimos que desexa ter... Tamén ás veces o claustro é maior, territorio coutado: a aldea-hikikomori, a que quedou enclaustrada pola emigración, arrodeada polos lazos de vías e as autovías, as que poden acoller dentro de si outro tipo de "hikikomoris", os que se encunchan baixo unha boina e miran ás labaradas de lume ou ás nubes cunha cunca de caldo entre as mans.

Novos comportamentos condicionados por moitas tipos de illamento, os que naufragan na miseria, nas crises e os que hoxe se abafan e afogan entre o desbaratado consumo. Ateigados, fartos da oferta que incide no comportamento, no telo todo e feito, na perda da habilidade para as relacións, para desenvolver unha ética, ou pola contra o querer, ansiar e non poder ter. Amas de cría de variopintos comportamentos individuais, encerrados, tombados, zumbados... con preocupante final cando os medos se converten en carraxe, inadaptación, ataque ós pais, delincuencia... ás veces reproducen o que soñan ou ou teiman, posmodernamente o que vén nos mangas gore televisivos, goce coa carnicería. Outros hai que caen na fantasía dunha eterna xuventude e velaí o "síndrome de Peter Pan". Un pode ser capaz de pecharse na vida dos outros e reproducila a súa medida. Crer ser o que non somos. Entre os máis novos inicialmente os pais enténdeno como unha fase transitoria, que irá desaparecendo cos anos... pero a cuestión pode tomar diferentes rumos.

Entre uns e outros antisociais lembramos a aqueles usureiros nos que os xestos e a faciana topografaban o que eran: apertada polas enrugas, enmarcada polas cellas e polas orellas, escondidos deles e dos demais, contando polos dedos as débedas dos demais, xa teatralizados por Manuel Lourenzo, acollidos con teimosía nun "EU non lle debo nada a ninguén", resultado do "hágalo vd. mesmo" (a conta dos demais)... "Eu", o couto do onanismo, que é o que aquí tratamos

O tema está na literatura, no teatro, xa é material do que un pode gozar na sala de cine ou mesmamente pechado no cuarto da casa, estomballado sobre o sofa-cama. O problema é unha ameaza que tenta facernos espectadores e non actores da nosa mesma Historia.