Corpore sano in mens sana: O psíquico é político

Van aló xa case nove anos desde que aproveitei a tribuna que me brinda este meio para falar por vez primeira da saúde mental.

Hai que lamentar que non melloraron moito as cousas no transcorrer de case unha década. Máis ben todo o contrario. E, infelizmente, hoxe máis do que nunca, cumpre voltar sobre esta cuestión espiñosa à luz das consecuencias –eminentemente previsíbeis e, portanto, en grande medida tamén preveníbeis– enxendradas polo confinamento e polo conseguinte isolamento e soidade, mais tamén pola situación de inseguranza e incerteza permanentes que acompañan a pandemia da COVID, coa incesante ladaíña diaria do número de doentes e mortes que soa como funesta música de fundo nas nosas vidas.

En efeito, as cifras indican que se disparou de xeito alarmante o número de consultas de saúde mental durante a pandemia, relacionadas moi especialmente coa ansiedade e coa depresión, sobretodo entre a xente nova e as mulleres, visto que o xénero é un factor fundamental à hora de abordar esta problemática. Para alén de máis, cabe alertar tamén que a Galiza conta coa segunda taxa máis alta de suicidio de todo o Estado, sendo este a terceira causa da mortalidade de mulleres na Capital. A saúde mental colócase indubidabelmente, pois, como unha cuestión de orde política nacional de máxima urxencia.

Os problemas de saúde mental adoitan ser unha fonte de profundo sofrimento persoal para quen os padece. Un sofrimento que deriva non só das proprias sintomas, mais tamén da vergoña que se sente ante o potente estigma social, que fai que se esconda e se negue, aguantando un suplicio silente que non fai máis do que agrandar a desolación, encanto o problema vai crescendo e enquistándose. En consecuencia, con demasiada frecuencia as persoas chegan moi tarde à consulta –se é que chegan– unha vez ultrapasado o limiar do soportábel. Porén, como en todo o relacionado coa saúde, o prognóstico tende a mellorar considerabelmente grazas a un diagnóstico e a un tratamento canto máis precoces mellor. Por exemplo, unha intervención atempada aumenta enormemente a probabilidade dunha completa e rápida recuperación dun trastorno alimentar, o que reduz significativamente o risco de complicacións e secuelas a longo prazo.

Esta situación vese agudizada pola dramática falta de persoal que vén arrastrando a sanidade pública, agravada aliás pola pandemia. Ao se centraren os esforzos prioritariamente nos estragos causados polo virus, debido ao déficit de recursos humanos –cun persoal tamén duramente golpeado psicoloxicamente pola situación– obrigatoriamente se teñen que desatender –aínda máis– outras doenzas e patoloxías, entre elas, e de xeito máis pronunciado dado o ponto de partida inferior, os trastornos psicolóxicos de todo o tipo. E en nengún caso se pode compensar a falta de recursos refuxiándose na solución fácil de se receitaren psicofármacos de xeito indiscriminado, sobretodo antidepresivos e ansiolíticos (moitos deles con importantes efeitos secundarios o risco de dependencia), dispensados cada vez máis a persoas menores, sen contar co tratamento e seguimento psicolóxicos ou psiquiátricos axeitados, o que precisaría do recrutamento urxente de persoal especializado.

Pode resultar en parte compreensíbel o medo que suscitan os comportamentos inhabituais e surpreendentes alleos que nos poden parecer irracionais, sobretodo à vista da imaxe que transmiten os meios de comunicación, onde os asasinos en serie e outros psicópatas perigosos son encarnados por persoas que padecen trastornos psíquicos, en particular a esquizofrenia. A estigmatización social tamén provén da concepción errada de que, dalgún xeito, os trastornos mentais non son ‘reais’ por non seren fisicamente visíbeis e que se poden curar coa forza da vontade e co pensamento positivo. Cando unha persoa ten a má sorte de desenvolver un cancro, a ninguén se lle ocorre perguntarlle sobre o porqué, aínda que se pode deber a factores xenéticos e biolóxicos, ao igual que moitos trastornos psíquicos. Cumpre despexar todos os equívocos e prexulgamentos que rodean a saúde mental, eliminando o estigma que tan deleterio resulta, combaténdoo con información contrastada e falándomos abertamente e con franqueza.

Os efeitos dos trastornos psíquicos non se limitan a quen os aflixen directamente, senón que afectan tamén o seu entorno máis imediato (amizades, familia...), xerando situacións vivenciais extremadamente difíceis de suportar. Non é, pois, só un problema que atinxe o individuo, polo que precisa dunha resposta colectiva e con criterio político baseado no direito universal a unha atención sanitaria digna, tanto física como mental, polo ben de cada quen e da sociedade no seu conxunto.

A resposta social e colectiva é esencial. Do mesmo xeito que se adapta unha aula para que poda acceder e participar en pé de igualdade unha persoa en cadeira de rodas, tamén se deben adaptar os espazos e as actividades públicas para se axeitaren a todas aquelas outras necesidades quer físicas, quer psíquicas que puideren empecer o acceso digno e igualitario ao traballo, à educación, à integración social... Lembremos que non todas as discapacidades son visíbeis.

O impacto ocasionado pola falta de saúde mental ten tamén un elevado custo económico, polo que se debe abordar como a prioridade política que é. Segundo un recente estudo publicado por un académico vinculado ao prestixioso CEP, en termos globais, os problemas de saúde mental representan as doenzas máis frecuentes entre a populación en idade activa e implican unha maior propensión a ficar no desemprego ou a ficar de baixa por doenza. Tan só no Reino Unido, por exemplo, estímase que en 2015 o PIB rexistrou unhas perdas cifradas nuns 28 mil millóns de euros derivadas directamente dos problemas de saúde mental.

É ben sabido que, como formación que vela con convicción e sen ataduras polos intereses da Galiza e do seu povo, está no ADN do Bloque Nacionalista Galego a defensa férrea dunha sanidade pública, universal e de calidade. Por isto, a formación traballa man na man con profisionais do sector, pacientes, familiares e plataformas como SOS Sanidade Pública. O BNG tamén é consciente de que a saúde ten que ser integral: que de nada vale atender unha pata se se desatende a outra, polo que o Bloque tamén apoia as propostas formuladas por iniciativas cívicas como o Movemento Galego da Saúde Mental para reivindicar o direito à saúde en todas as súas dimensións.

Partindo de que o persoal é político, o impacto da falta de saúde mental transcende o individual e tórnanse unha verdadeira cuestión de sociedade que nos atinxe a todas dunha ou doutra forma, directa ou indirectamente, e que precisa dunha resposta política contundente e urxente.