Contos de onte, cantos de serea de hoxe: unha lectura política
21 de outubro de 2010 (00:01 h.)
Unha tarde de inverno, na aldea de sempre, as nubes agasallaban horas de choiva e o corpo só pedía a calor da cociña. Unha velliña chama polo seu neto. O pícaro vai onda a avoa, non sen ter escoitado o seu nome na boca da vella unha chea de veces, mentres apura a lambonada que esta lle deu minutos antes. A avoa pídelle ao neto que sente mentres bota leña no lume e dille: "Teño un regalo para ti neniño: un conto". Eis o agasallo da vella:
"Eu coma ti tamén fun nena, aínda que non o creas. Tiña a túa idade, ou quizais máis, cando coñecín a Xan. Xan non era un pícaro coma ti, era xa todo un home, el xa ía ao mar. Ese era o seu oficio si, era mariñeiro.
Coma todos os días nos que o mar non ameazaba con cobrarse a vida de quen nel busca o sustento, Xan saíu ao mar na súa chalana para traer un bo número de cestos ben cheos de peixes cos que gañar o xornal. Ese día, tanto peixe subía á chalana o Xan que, peixe vai e peixe vén, as horas fuxiron do reloxo. Coa noitiña Xan vogaba para regresar ao porto canso e ledo despois de tan dura e boa xornada e, de súpeto, escoita un doce canto que enchía o mar todo. Xan quería estar medoñento e tremendo, mais era tan fermoso o canto que envolvía o mar enteiro que, sen saber moi ben como, pousou os remos e deixou que as ondas fosen quen levasen o barco a porto mentres deixaba que o canto se fose achegando a el.
A medida que as ondas amainaban o canto seguía a se facer máis e máis forte, máis e máis fermoso. De súpeto, Xan abre os ollos coma pratos, bota auga neles e frégaos ben, coma cando alguén non é quen de borrar os restos que deixa unha longa noite de sono. Mais, desta vez, non hai sono nin auga que abonde, si hai noite e tamén unha rocha no medio do mar, unha rocha que nunca aí vira... e xa eran anos facendo sempre a mesma rota! Sobre a rocha non había un arao, unha gaivota... non. Era unha muller fermosa, cuns ollos claros capaces de pór luz e ser faro en noites de néboa mesta. Beizos finos e suaves que adornaban a dondura da súa voz. Non era unha muller coma as que ti coñeces meu neno! Esta era unha serea.
Xan non sabía nin que dicir, nin que sentir. A serea fitou para Xan, sorriu, e tranquilizouno, díxolle que non tivese medo que ela tan só quería falar. Xan asentiu coa cabeza coma quen non sabe moi ben que dicir. A serea deu en falar, en engalanar os silencios de Xan con cantos doces e suaves, mentres lle dicía ao noso mariñeiro que ela estaba alí para lle ofrecer un futuro mellor, lonxe das tarefas do seu día a día. Para iso, Xan só tiña que darlle todos os cestos de peixe que collera no día e, unha vez feito ese trámite, desfrutaría de canto puider soñar sen esforzo algún, sen erguerse coa alba e volver coa noitiña, sen regresar derreado á casa. Tería todo e de todo por só uns míseros cestos de peixe.
O mariñeiro, coa voz de quen moitos invernos sofreu, ollou para os ollos claros da serea e espetou: -Serea, destes peixes que ti me pides vive a miña nena, a miña muller e eu. Son o froito do meu traballo, o agasallo de cada día, o sacrificio de cada día de frío e de fame. Non quero nada para min, por moi bo que sexa, só quero chegar a casa e ver ao único que teño de bo no mundo: os meus, a miña familia-. A serea, ante a negativa de Xan, foi esvaecendo no horizonte, o seu doce canto tornou nunha voz cavernosa que advertía a Xan de que vixiase cada onda do mar, cada rocha xa que calquera día podía a serea cobrar a súa vinganza.
Xan volveu a terra, cos peixes, co frío no corpo, tan pobre como fora ao mar... iso si, seguía sendo el mesmo e non quen quería a serea que fose. Quen di que Xan non volveu rico?
Con esa reflexión foi como a avoa lle deu fin á historia e con esa historia é como o neto lembra hoxe a avoa. O neto medrou e xa non escoita os contos da avoa, non por non querer ouvilos, senón porque xa non hai avoa que llos poida contar. Por iso os lembra, porque esa muller de sorriso perenne e voz agarimosa gardaba nos seus contos toda a filosofía de onte e de hoxe, todos os principios da integridade, moral e persoal. Era muller, galega e labrega (difícil aínda hoxe, máis aínda daquela) e non tivo máis escola que a dos días que a leira ou os traballos varios non chamaban por ela. Mais quen é capaz de lle negar a sabiduría vital dos seus contos? Quen é capaz de me negar a lectura política que rezuma o seu conto?
Veredes: o neto, que non foi ao mar coma Xan para gañar o xornal, si escoita cada día, e non só el, moitos cantos de serea. As sereas de hoxe non gastan ollos claros e voz suave (non digo que non as haxa así, eu digo que non mas atopei) mais si engalanan todo o que teñen ao seu redor co seu canto envolto en apertura, "democracia", antiseitarismo, benestar social... Non o fan no medio do mar, como a serea do noso Xan, fano en internet, nos medios de comunicación e até nalgunha asemblea (se interesa, of course).
"O peixe xa está vendido" din algúns. Xan non o fixo, non vendeu o peixe que tanto lle custara apañar, ese peixe é a tradución do seu esforzo, do que el mesmo se esforzou en conseguir. Non o vendeu, nin se vendeu, por moitos cantos de mellora que lle chegasen ao seu ouvido. E seguiu sendo el: orgulloso e consciente do que era.
Mais xa se sabe, Xan era a personaxe dun conto e os contos son coma os pementos de Padrón, uns "pican" e outros non. Xan non o fixo, ímolo facer nós?
P.S: Tende coidado coas sereas e cos seus cantos!