Construción nacional e inmigración
17 de xuño de 2012 (00:00 h.)
Desde diversos autores tense sinalado que a inmigración actual constitúe non só un reto ao modelo tradicional do Estado-nación, senón que tamén resulta un enorme desafio para as percepcións e arelas políticas daqueles grupos que se consideran nacións ou realidades identitarias diferentes, dentro dos Estados xa constituídos. Acontece que nas nacións carentes de Estado, e que procuran o recoñecemento e normalización da súa identidade nacional, as tensións entre a nova situación de multiculturalismo e as dificultades para desenvolver os propios trazos culturais, por mor do sometemento a un Estado dominante, adoptan formas particulares e específicas, que ás veces ralentizan a toma de conciencia de seu.
De principio os inmigrantes tenden a buscar a integración a través dos modelos culturais e lingüísticos dominantes no Estado, obviando a realidade cultural e nacional do territorio de acollida. Tamén resulta pouco probábel que os inmigrantes comprendan e compartan a loita que, historicamente, estes pobos levan desenvolvendo pola propia sobrevivencia. Por outra banda está a utilización que os Estados fan dos colectivos de inmigrantes para deslexitimar as reivindicacións nacionalistas e que adoptan argumentacións de variado tipo. Entre estas están as de que si os inmigrantes deben integrarse, por que non o vai facer un grupo nacional minoritario; ou a acusación de que é a propia reivindicación nacionalista a que dificulta a integración; ou mesmo a utilización das competencias estatais en política migratoria para evitar que a nación minoritaria exerza calquera tipo de control sobre os termos, condicións e xestión da inmigración. E exemplos evidentes da hipocresía subxacente nestas actitudes estatais achámolas en que ningún Estado da U.E. ratificou, aínda, a Resolución 45/118 de 18/12/1990 da ONU relativa á Convención sobre a protección dos traballadores migratorios e das súas familias ou nas políticas estatais de restricións de dereitos fundamentais e de negación de dereitos de cidadanía aos mesmos, acompañadas do medre de discursos xenófobos, tal coma estamos a ver na actualidade, estado español incluído.
É posíbel a conciliación? Un exemplo
Pois ben, un intento audaz de conciliar a construción nacional coa inmigración, de compaxinar a defensa dunha cidadanía incluínte e plural coa defensa da identidade nacional témola en Quebec que, como xa sabemos, desenvolve unha loita titánica por conservar unha identidade gravemente ameazada dada a súa situación xeográfica e política. Desde a década dos 70 xa se viñan desenvolvendo, nesta nación, unha serie de enfoques interculturalistas tendentes a acomodar as diferenzas e a evitar a conflitividade e que pivotaban sobre tres eixos: o recoñecemento do francés como lingua da vida pública; a defensa dos dereitos civís e políticos, así coma a igualdade de oportunidades; e, por último, o respecto ao pluralismo e a valoración do intercambio cultural. Ademáis a asunción de competencias en materia de inmigración, definindo criterios propios e non condicionados aos de Canadá, permitiron estabelecer obxectivos e políticas de seu así como abrir oficinas de inmigración no estranxeiro co fin de racionalizar a mesma. Sen embargo os cambios producidos na última década na estrutura migratoria, así como o incremento espectacular da mesma, orixinaron unha serie de conflitos que foron intencionadamente moi mediatizados desde sectores anglófonos. Esta situación levou ao goberno de Quebec a crear, en febreiro de 2007, a Comisión Consultiva sobre as Prácticas de Acomodamento Relacionadas coas Diferenzas Culturais, a famosa Comisión Bouchard-Taylor, denominada así polos dous prestixiosos intelectuais que a dirixiron: o sociólogo e historiador Gérard Bouchard e o mundialmente recoñecido filósofo Charles Taylor.
Esta comisión espertou un enorme interese e entusiasmo entre a poboación e realizou unha inxente cantidade de traballos, foros, audiencias, consultas, análises e estudos por todo Quebec. Após de algo máis dun ano de traballo permanente e constante, as recomendacións suxeridas para o desenvolvemento dunha cultura da integración artelláronse arredor dos seguintes nucleos: o estabelecemento do francés como lingua pública común; a procura do desenvolvemento dun sentimento de pertenza a través da escola, a vida cívica, os intercambios culturais e o coñecemento da historia e do territorio de Quebec; a exploración e fomento de valores comúns; a construción dunha memoria nacional que teña en conta a repercusión da diversidade etnocultural no desenvolvemento de Quebec; o fomento da participación cidadá, desenvolvemento de ideas asociativas e o pulo de mecanismos para facilitar prácticas colectivas. Recomendacións e estratexias, coma podemos observar, conducentes tant a conservar a propia identidade nacional de base francófona, como a construír unha nación cun forte compromiso na defensa e aplicación extensiva dos dereitos fundamentais.
Algunhas reflexións na xestión da diversidade
Afrontar o problema migratorio é, evidentemente, un problema político complexo e que a crise capitalista vai recruar. Considero que o nacionalismo galego debe realizar, dentro das súas posibilidades, un esforzo por incorporar aos inmigrantes no proceso de construción nacional. O españolismo vai tentar, cínica e demagoxicamente, utilizalos contra calquera avance na nosa identidade, contra calquera medida, actuación ou decisión que implique un progreso no referido proceso de construírmos país . Quen os despreza argumentará que os nacionalistas os ignoran; aqueles que nin os aturan coma españois dirán que como galegos e en galego non teñen futuro. Os auténticos xenófobos razoarán que a nosa identidade se lles impón. Algo xa deberíamos ter aprendido. Debemos, logo, facer pedagoxía e traballo político para que estes colectivos comprendan que aquí temos unha lingua, unha historia, unha cultura; que temos unha identidade diferente da española e que arelamos ser unha comunidade política que decida por si mesma e na que poden ter acomodo. Que comprendan a procedencia do racismo e a xenofobia, contra eles e contra nós. Estimo que cumpriría procurar un achegamento, que coñezan as nosas propostas e que fagan aportacións. Que se vexan reflectidos nos programas electorais e no traballo político cotián.
Debate e aportacións complexos, si, mais algúns, entre moitos, eixos sobre os que artellar as políticas inter ou multiculturalistas poderían ser os seguintes: Manter unha relación fluída e periódica coas organizacións e asociacións que traballan neste campo, a fin de ter un coñecemento riguroso da problemática e das preocupacións. Implementar, desde a esfera política, programas de prevención do racismo e xenofobia. Potenciar a incorporación, destes colectivos, á aprendizaxe da nosa lingua e cultura. Manter unha firme defensa dos dereitos de cidadanía, sen exclusións, combatendo e rebatendo os tópicos sociais sobre o tema. Facer doada a súa visibilización, facilitando que as súas expresións étnicas e manifestacións culturais poidan amosarse en determinados actos políticos, xunto coas nosas.
Malia os ventos en contra é unha realidade que a nosa acción política, e os nosos programas e actuacións de goberno, non poden nin deben eludir; que debemos abordar con intelixencia, decisión e criterios uniformes, senón queremos ficar sobardados pola imposición de situacións de feito.