Colonia ou champú
17 de agosto de 2010 (00:01 h.)
Metade da década dos setenta, tardiña en Compostela, praciña no encontro entre a Raíña e o Franco; un pequeno grupo correndo e saltando cunha bandeira negra collida entre dous deles. Viñan berrando, démonos á volta para ver que pasaba e, mentres apartabamos para evitar un empurrón, escoitamos ao seu paso, con nitidez, o contido da consigna: "Galicia, colonia o champú, que se defina la ú".
Tratei de indagar entre os meus acompañantes sobre a razón de tal consigna e, salvo un que sabía que o grupete era de ácratas e que co da ú se estaban a referir á UPG, pouco máis din sacado en limpo naquel momento. Se acaso, unha certa impresión de que a ú era algo con unha aura especial, case mítica, diferente, rexa, bravú. A conversa rematou coa sentenza dun compañeiro que non dixera antes nada sobre o asunto: "Sorte que está esa ú para que se metan con ela, senón igual nos tocaba a nós. Tivemos que apartarnos para non bater con eles, o mesmo que outros que ían falando galego".
Tanto o franquismo e post-franquismo, como a esquerda española, que non querían recoñecer o carácter nacional de Galiza nin moito menos a súa situación de dependencia dentro do Estado Español, emprendíana coa ú, como se fose o seu inimigo principal. Fose coa represión aberta, fose coa chufla, no fondo era recoñecerlle á ú unha importancia que, aparentemente, non tiña. A súa única transcendencia consistía en ser unha forza nacionalista inquebrantábel, sen titubeos nin vacilacións no seus postulados nacionalistas.
O mapa político clarificouse e asentouse pero o espazo nacionalista estivo sempre moi determinado polo nacionalismo da ú. Moitos nacionalistas tivemos problemas, diferenzas, inclusive encontronazos coa UPG, pero o feito de sermos nacionalistas rematou sempre reconducindo a situación a termos de entendemento e colaboración, ou, cando menos, respecto e recoñecemento mutuo.
Pola contra, aqueles que chegan amosaron unha xenreira continuada e duradeira contra a ú, sempre, ou practicamente sempre, remataron en posicionamentos e traxectorias bastante distanciadas dun nacionalismo minimamente coherente. Da igual que saíran da propia ú ou do seu entorno, ou que nunca tivesen relación con ela, o feito é que parece que a ú se converteu nunha especie de pararraios; cando se quere atacar o nacionalismo, ou cando se quere renegar dun nacionalismo coherente, o primeiro paso, non se sabe porque estraña razón, pero parece que case obrigado, consiste en atacar a ú.
Repasando aqueles casos que, individualmente ou en grupos, fixeron da teima anti-ú grande parte da súa razón de ser política, comprobamos que o que se xustifica como confrontación con esta organización, en realidade devén nun abandono máis ou menos claro do nacionalismo.
Volvendo ao presente, non é que ú pretenda dar ou quitar carnés de nacionalismo; cos seus erros e limitacións, que os ten e moitos, limítase a impulsar nacionalismo e máis nacionalismo coa máxima coherencia da que é capaz; son os demais os que se definen a si mesmos usando como elemento aglutinador os ataques á ú.
O problema do nacionalismo é a ú? Máis que colonia, eau de toilette ou champú, creo que a resposta máis acaída é o rexo aturuxo: "Árdelle o eixo Manuela!".