Cincuenta anos de loita por unha Galiza ceibe e socialista

Sempre que se achega o remate dun ano e por tanto a entrada do seguinte fálase de cales van ser os feitos históricos a conmemorar que son escollidos fundamentalmente en función do cumprimento de aniversarios redondos, nese sentido xa hai tempo que se vén falando dos 100 anos do inicio da Primeira Guerra Mundial, dos 25 anos da caída do Muro de Berlín ou dos 20 anos do inicio da Rebelión Zapatista, todos eles feitos de relevancia a nivel internacional cada un no seu contexto e que non debemos esquecer.
Galiza como nación ten a súa propia historia que conta coas nosas propias datas, e hai un feito crucial na nosa historia contemporánea do que neste ano que hoxe abrimos cúmprense os cincuenta anos, pois aínda que poida parecer que non hai tanto tempo en 2014 fanse cincuenta anos da fundación da Unión do Povo Galego, un 25 de xullo de 1964 nos arredores de Compostela.
E sinalo este feito como crucial na nosa historia contemporánea non por ser eu membro da UPG, que tamén, senón porque calquera persoa que proceda ao estudo e á análise da historia da Galiza do século XX considerará sen dúbida que a creación da UPG é un feito que abre unha nova etapa no noso proceso de liberación nacional. A súa creación e o posterior período de maduración, armazón e consolidación no ideolóxico e no organizativo até definirse como partido comunista patriótico permite que por primeira vez Galiza conte cun partido que emprega o marxismo e o leninismo como método de análise da realidade concreta dunha nación sen estado, e que non se queda só en empregalo como método de análise senón que asume a necesidade de contarmos con organizacións propias de masas e sectoriais de base popular que permitan avanzar nun proceso de liberación nacional que é parello ao de emancipación das súas clases populares.
,Non esquezamos que a UPG naceu con todo na súa contra, sen apoio nin apadriñamento exterior, no marco dunha ditadura sanguenta, cunha elite intelectual e económica negadora das posibilidades de Galiza para contar cun futuro de seu e por tanto totalmente entregada ao poder español agás nunha moi pequena vertente culturalista; e cunha esquerda españolista que controlaba o movemento clandestino de resistencia obreira e era totalmente belixerante fronte ao calquera que se saíra do seu férreo control.
Nestas cinco décadas a UPG foi, xunto con moitas persoas comprometidas co país que non militaban na mesma, motor da creación dun forte sindicalismo de clase, dun movemento estudantil, dun importante movemento de recuperación da nosa cultura e defensa do noso idioma, dunha fronte patriótica plural e unitaria como o BNG...; cinco décadas nas que houbo erros como en toda obra humana pero nas que os acertos foron moito maiores e están hoxe presentes con organizacións vivas e actuantes que conforman o que no seu momento se chamaba o movemento nacional-popular e que hoxe chamamos movemento nacionalista ou soberanista.
Nestas décadas foron constantes os ataques á UPG tanto polo seu carácter de organización comunista como fundamentalmente polo seu compromiso irrenunciábel con Galiza e pola súa confianza na capacidade do noso povo para dotarse de mecanismos e organizacións que lle permitan avanzar cara un futuro soberano. Fronte a eses ataques a UPG mantívose sempre firme e activa, e neste tempo non foron poucas as organizacións, moitas veces ben apadriñadas, que despois de xurdir como foguetes acabaron por desaparecer co salto de algúns dos seus dirixentes cara as cómodas e quentes fileiras do sistema, deixando un número non despreciábel de persoas queimadas que engaioladas pensaban que a cousa ía ser moito máis doada e moito máis rápida.
Entramos hoxe noutro ano que vai ser duro, no que se aprofundarán os efectos da crise deixando aínda máis xente na exclusión social pese á maquillaxe dos datos macro-económicos, un ano no que os gobernos estatal e autonómico tentarán recortar máis dereitos, no que encararemos unhas novas eleccións a un Parlamento Europeo que é unha caricatura do que debe ser un parlamento, e no que se recrudecerán os efectos negativos da política españolista recentralizadora que busca a nosa anulación como povo....; pero neste marco tan difícil Galiza seguirá contando cunha militancia comunista patriótica traballando cóbado con cóbado con outros moitos compañeiros e compañeiras que, como outros milleiros ao longo destes cincuenta anos, andan o camiño cara a liberación nacional e social de Galiza.