Censura: a nova política do PP contra os incendios forestais


Nos últimos días estamos a ver como se está a producir na nosa nación un notábel incremento da actividade incendiaria en relación coas campañas precedentes.

Esta situación, que por si só, é merecente dunha análise rigorosa que non se está a realizar por parte da Xunta de Galiza, e que se ve agravada polo permanente empeño que está a poñer a Consellaría do Medio Rural e o Goberno do Sr. Núñez Feijóo por intentar minimizar e mesmo ocultar unha realidade que por outro lado vivimos cada día as galegas e os galegos.

A política de comunicación en relación cos incendios forestais, iniciada polo Goberno do Partido Popular xa na pasada campaña, consiste en non facer públicos en tempo real os datos da totalidade dos lumes forestais que se producen na nosa nación chegando non só a obviar información en relación con aqueles lumes que afectan a menos de 20 hectáreas, xa que o actual goberno non os considera incendios, senón que durante os últimos días estamos asistindo a unha campaña institucional de desinformación ou terxiversación da realidade que ten provocado que a información oficial da Xunta de Galiza fose contradita por outras institucións e organizacións sociais.

Así, o pasado luns mentres a Xunta só informaba a existencia de dous lumes en Ourense, o Ministerio de Medio Ambiente confirmaba a participación de 19 medios aéreos na extinción de máis de dez lumes, que por certo todas e todos percibíamos a través de varios dos nosos órganos sensoriais. Do mesmo xeito os veciños e veciñas da Baixa Limia vían o luns á noitiña as lapas dun lume que arrasaba os montes do Xurés que a Xunta tiña dado oficialmente por rematado ás dúas da madrugada anterior.

Parece que a xuízo do Goberno do Partido Popular a censura, a ocultación e a manipulación da situación real é o antídoto para evitar que os delincuentes incendiarios lle prendan lume ao monte, disque se trata de evitar un "certo efecto chamada" que as novas de incendios poderían provocar.

Para o Partido Popular non é unha sociedade sensibilizada e concienciada da gravidade que os incendios forestais supoñen para o futuro da nosa nación desde o ponto de visto económico, social e ambiental senón unha cidadanía enganada a que pode contribuír e corresponsabilizarse da loita contra o lume.

Minimizar os problemas nunca foi parte da súa solución. Esta práctica lonxe de motivar a implicación do conxunto da sociedade na loita contra a lacra que para a nosa economía e o noso medio ambiente supoñen os incendios forestais o que xera é gran desconfianza.

Para o Partido Popular non é a presión e a fin da impunidade dos delincuentes incendiarios un dos piares da loita contra o lume.

Tal vez esta sexa a causa do desprezo que manifesta o Goberno pola participación social e veciñal na vixilancia preventiva dos nosos montes. A negativa a seguir mantendo a colaboración das Agrupacións veciñais de vixilancia forestal e do Voluntariado en defensa do monte galego ten motivado a percepción dunha diminución da presión que estas viñan exercendo sobre os potenciais incendiarios e unha maior percepción destes de impunidade nas súas actuacións.

Para o Partido Popular non é prioritaria a realización de prácticas de xestión da biomasa residual e da silvicultura preventiva como elemento para minimizar a afectación de incendios forestais.

É esta a única explicación posíbel á decisión da Consellaría de Medio Rural de non realizar, nos meses previos ao inicio do período de máximo risco, coas súas propias brigadas traballos preventivos, de reducir a colaboración cos Concellos nos traballos de protección de núcleos e no inxustificado retraso, até o mes de maio, na publicación da orde de axudas ás Comunidades de Montes para realizar estas tarefas. Nesta conxuntura é ben doado entender a preocupación de moitas persoas que viven en núcleos rurais ante un eventual incendio nas súas proximidades, sobre todo cando ademais son coñecedores de que un gran parte dos incendios que se están a producir afectan directamente ao entorno de núcleos habitados: ás súas vivendas, propiedades e explotacións agrogandeiras.

Para o Partido Popular non é un cambio estrutural substancial na configuración do noso monte, das explotacións forestais, do tipo de aproveitamento que deste se realice nin por suposto a súa rendibilidade para os seus propietarios o que vai determinar que no futuro os incendios non acaben converténdose nun mal endémico da nosa nación.

Seguro que por iso se permiten o luxo de eliminar intentos serios de reordenación forestal como as UXFOR sen poñer en marcha en máis dun ano ningunha outra alternativa solvente, sen importarlles que isto supoña deixar no máis absoluto abandono a milleiros de propietarios forestais, tanto individuais como colectivos, que tiñan iniciado proxectos de aproveitamento multifuncional e sustentábel dos seus terreos forestal que agora carecen de ningún amparo institucional.

Para o Partido Popular o acertado na loita contra os incendios é a censura: borrar ou modificar a realidade.