Cara á homotopía?


As máis de 44.000 persoas homosexuais que casaron desde a entrada en vigor da reforma lexislativa aprobada hai sete anos xa poden respirar tranquil@s. A resolución emitida polo Tribunal Constitucional, favorábel ao matrimonio entre persoas do mesmo sexo, marca sen dúbida unha vitoria ante o rancio escurantismo do Partido Popular, que interpuxo o recurso, e os seus aliados, sobre todo a Conferencia episcopal española e a súa ideoloxía retrógrada, cuxos intereses conflúen no ultraconservador Foro español de la Familia.

O recoñecemento do matrimonio entre persoas do mesmo sexo representa un paso adiante na consciencia colectiva, que se plasma na lexislación vixente. Porén, como ben indica Raquel Platero, investigadora en xénero e sexualidade, ao se referir ao que denomina ‘matrimonio heterosexista’: “Durante os 90 reclamamos as parellas de feito e que lesbianas e maricas poidamos mudar a estrutura tradicional da familia. É momento de facer preguntas”. E non é a única persoa que se interroga, pois existe un nutrido e variado abano de grupos e persoas que cuestionan a asimilación e neutralización dos valores LGBTQ transgresores, como os escritos de Mattilda Bernstein Sycamore e Michael Warner, os movementos de Gay Shame e Against Equality ou o filme Homotopia. Antes de proseguir, unha aclaración. Non é a miña intención xulgar quen opte por contraer matrimonio. Por min, que case quen queira e con quen queira. Mais si creo oportuno facer preguntas e reflectir máis alá do valor simbólico inicial, á primeira vista positivo, ao repasar o papel que desempeña o matrimonio como institución dentro da sociedade, os privilexios que trae consigo e as conseguintes desigualdades que consagra entre a cidadanía.

Obviamente non concordo, por colocarmos un exemplo entre moitos, co bispo de Aiacciu cando di que o matrimonio homosexual leva á destrución da familia, mais non polas razóns que se puideran crer. Creo que, se ben é certo que o matrimonio se identifica cada vez menos co sacramento da Igrexa, agrandar a institución do matrimonio en calquera sentido reforza esta institución fundamentalmente patriarcal. Talvez sexa precisamente esta súa natureza patriarcal o que explique que o matrimonio homosexual constitúa un fenómeno predominantemente masculino.

O matrimonio consiste na declaración pública do réxime de convivencia privada entre dúas persoas (nin máis, nin menos) ante un/ha representante institucional, que a miúdo aproveita a ocasión para dar a coñecer a súa particular visión de como ‘debe’ ser a vida conxugal. Este rito, xunto co posterior rexistro oficial dos datos (im)pertinentes, como a mención do ‘sexo’ no cartón de identidade (o importante é nos teren ben etiquetad@s segundo os parámetros do sistema), implica a concesión dunha serie de dereitos que outorga a presentación do máxico ‘libro de familia’.

Estes privilexios poden ser tan banais como ter a posibilidade de pagar unha tarifa reducida no ximnasio para o teu ou a túa cónxuxe e a túa prole (debidamente rexistrada como tal), mentres que unha persoa solteira non pode inscribir un/ha amig/o no seu cartón ou levar @ fill@ dun/ha amig@s, caso de o seu pai ou a súa nai non poder ou non querer. Atreveríame a dicir tamén que, polos tempos que corren, estas pequenas vantaxes continuas que favorecen á xente que casou fronte ao resto da cidadanía non resultan precisamente insignificantes para moitas persoas. Acho cando menos absurdo e retrógrado que este estatus diferenciado dependa de declarar ao Estado con quen se mantén unha relación afectivo-sexual, sempre que for en réxime de monogamia, para que este dea o seu visto e prace.

O certo é que non somos tod@s iguais desde o momento en que o noso estado civil determina aspectos da nosa vida cotiá. Alén diso, este tratamento desigual, contrario a unha Constitución española que proscribe explicitamente calquera “discriminación por razón de nacemento, raza, sexo, relixión, opinión ou outra condición ou circunstancia persoal ou social”, vai máis alá do prezo dunha entrada da piscina e ten consecuencias importantes, sobre todo, no ámbito da filiación, como, por exemplo, o recoñecemento automático da paternidade do esposo legal polo simples facto de ser casado coa nai (regra do pater is est quem nuptiæ demostrant), a maior facilidade de adopción en determinados casos, etc.

A imbricación entre o matrimonio e a filiación é, segundo o pensamento marxista, chave para entender a natureza patriarcal e sistémica desta institución social, ao permitir a identificación da liñaxe e a conseguinte transmisión da propiedade privada. Aínda que no seu día Engels se referise ao matrimonio heterosexual, a seguinte observación tamén resulta válida para o matrimonio en xeral, entendido como validación oficial dunha relación obrigatoriamente monógama: “A monogamia foi un grande progreso histórico, mais, ao mesmo tempo, iniciou, xuntamente coa escravitude e as riquezas privadas, un período, que dura até os nosos días, no cal cada progreso é simultaneamente un retroceso relativo, e o benestar e o desenvolvemento duns se verifican ás custas da dor e da represión doutros. É a forma celular da sociedade civilizada, na cal xa podemos estudar a natureza das contradicións e dos antagonismos que atinxen o seu pleno desenvolvemento nesa sociedade.” (A orixe da familia, da propiedade privada e do estado).

Certamente, a Lei 13/2005 amplía o dereito a acceder a este status social a parellas formadas por persoas do mesmo sexo, como resultado dunha mudanza colectiva importante en grande parte da sociedade –non toda– a respecto da liberdade sexual e afectiva. No entanto, segue a ficar excluída calquera persoa que manteña relacións fóra do estabelecido e legalmente recoñecido, como, por exemplo, persoas polígamas ou solteiras, incluídas as persoas asexuais, etc., xunto con calquera outra que, pola razón que for, prefire non comunicar ás autoridades esta información de índole privado. E seguirán ficando fóra, pois só ten sentido o matrimonio dentro do marco da familia monógama nuclear, herdada do xudeocristianismo, aínda que hoxe vaia perdendo os seus matices estritamente relixiosos. Curiosamente, fronte á reacción desesperada da Igrexa católica ante a perda de control social, outras confesións, como o xudaísmo reformista e o protestantismo episcopal, optaron por asimilaren as vodas entre persoas do mesmo sexo dentro dos seus sacramentos. Agora ben, isto non muda en nada o noxento transfundo homófobo das ensinanzas das súas ‘santas escrituras’ (Levítico 18:22 e 20:13 / Romanos 1:26–27, I Corintios 6:9–10). Alá cada quen coas súas incoherencias...

Seica as comparacións son odiosas, mais vexo similitudes coa campaña contra o servizo militar obrigatorio. Non se reivindicaba entón a súa ampliación para incluír tamén as mulleres e tornalo así máis ‘igualitario’, xa que, como é obvio, a incorporación de mulleres non mudaría a natureza represiva e patriarcal do exército. Sirva o exemplo de Margaret Thatcher para ilustrar como a presenza dunha muller anatómica á cabeza do goberno non é garantía sine qua non de que se mude a situación para mellor, senón todo o contrario. Do mesmo xeito, dubido que o facto de casaren persoas do mesmo sexo vaia mudar no substancial a natureza patriarcal do matrimonio como institución social, sustento do modelo capitalista.

O problema non radica en tornar menos restritivo o matrimonio, senón en abolir o status social diferenciado baseado na dicotomía casad@/solteir@, respectando o dereito de cada un/ha a declarar o tipo de relación que mantén con outra persoa ou non. Coido que o lema ‘E agora que podo, non caso’ expresa o potencial transformador de se negar a valerse da posibilidade de entrar a formar parte da institución matrimonial. O verdadeiramente transgresor e revolucionario para transformar a sociedade mediante o quebrantamento da carca institución da familia pasa por abolir os privilexios que outorga o estatus social do estado civil ‘casada/o’ co obxecto de igualar os dereitos de toda a cidadanía, permitindo a libre expresión das relacións afectivas consentidas sen necesidade de o Estado as dar por legalmente lícitas.