Cando a conciliación supón un conflito incompatíbel, que nos queda?

A maternidade, sobor de todo, pero tamén a paternidade van unidas a unha penalización laboral e tamén económica. Aínda que foron continuas as melloras da lexislación en materia de conciliación, o certo é que a administración non está a aportar solucións realmente eficaces.

A pesares da masiva incorporación da muller ao mundo laboral, e tamén da -afortunadamente aínda que teimuda- cada vez maior asunción de responsabilidades nas tarefas do coidado e do fogar por parte dos homes, o certo é que poder compatibilizar o traballo coas responsabilidades familiares cada vez é máis difícil.

Nunha sociedade masivamente envellecida, cos escasos índices de natalidade, parece incríbel que o estado non asuma esta tarefa como unha das súas prioridades. Todo o contrario, dentro das medidas de axuste levadas a cabo para afrontar a situación de crise económica, comézase precisamente polas axudas por nacemento de crianzas, eliminando a ampliación do permiso de paternidade, ou recortando as axudas á dependencia.

A pesares das mensaxes ameazantes que poñen en cuestionamento o futuro das pensións, non se están a tomar medidas que permitan "aportar futuros cotizantes ao sistema". De feito, das primeiras iniciativas que viñeron de aprobarse foi a de aprazar a ampliación do permiso de paternidade que a partires de xaneiro ía a pasar de 2 a 4 semanas. Ou a de eliminar o mal chamado "cheque bebé". Nada se sabe da transposición do acordo do Parlamento europeo de ampliar a baixa por maternidade até as 20 semanas. Todo sexa por aforrar os custes que estas medidas suporían para as arcas públicas.

Se analisamos pormenorizadamente as prestacións relacionadas coa maternidade e a paternidade, veremos como ten mudado pouco a cobertura da protección. Actualmente, as nais contan cunha baixa retribuída de tan só 16 semanas, de xeito que se incorporarán ao seu posto de traballo cando a crianza ten a penas 4 meses (pese que a OMS e as autoridades sanitarias recomendan manter unha lactación exclusiva polo menos durante os 6 meses de vida). Certo é que moitas botan man do permiso retribuído por lactación, ben na súa vertente acumulada (sempre e cando chegue a un acordo co empresario/a), ou a través do emprego da modalidade de permiso nunha hora (sempre e cando non se interprete que se está a reducir a xornada, xa que nese caso, o permiso redúcese a media hora). Moito teríamos que dicer arredor desta medida, que muller que traballe fóra do fogar pode dispoñer de media hora -ou dunha hora dividida en dúas fraccións durante a xornada- se este tempo xa se gasta só en desprazamentos? É absurdo, e loxicamente, moitas optan por ampliar o tempo que permanecen coas súas crianzas, solicitando o permiso acumulado, que por non ficar o dereito explicitamente recollido, depende da arbitrariedade do empresario/a concederllo e incluso decidir sobre a súa duración. E non falemos das trabas que teñen que enfrontar os homes que deciden compartir coa súa compañeira este ou outro dereito relacionado co coidado das crianzas. Ou da persecución que viven tantas e tantas mulleres cando solicitan reducións de xornada ou excedencias por coidado.

Pero a responsabilidade non recae sobre a patronal en exclusiva. Se realmente houbese un investimento real en servizos públicos, estes problemas veríanse sen dúbida moi minimizados. Se houbese unha cobertura suficiente de prazas nas escolas infantís públicas, se se creasen ludotecas públicas para atender ás crianzas cando os pais e nais están a traballar, se os colexios abrisen todo o día ofrecendo servizos como os almorzos e os xantares escolares, ou con actividades extraescolares polas tardes, as posibilidades de conciliar traballo e responsabilidades familiares serían moi diferentes as actuais. O mesmo habería que dicer en canto á dependencia (centros de día públicos, servizos de atención domiciliaria, extensión de programas como o de xantar na casa, cobertura suficiente en residencias da terceira idade, etc.)

Mais todas estas medidas veríanse moi reforzadas se realmente houbese un autentico cambio de mentalidade e conciencia. Dándolle o valor engadido que supón traballar e ao tempo criar crianzas e coidar familiares dependentes para o sostemento da sociedade. E para iso habería que mudar costumes herdadas doutras épocas produtivas, adaptando o horario e xornada laboral ás crianzas e non ao revés. Se orzamentásemos os custes que conleva o tempo perdido en ires a traballar, volver para xantar, e de novo para o traballo, nas eternas xornadas partidas de mañá e tarde, veríamos que non resultan para nada produtivas, e resolverían moitas das dificultades de conciliación.

O propio deseño urbanístico das cidades ou vilas parece estar á marxe da existencia de pequechas e pequechos que queren desfrutar do seu tempo libre. En Galiza temos aínda suficientes zonas verdes como para adicalas ao xogo das crianzas, nun entorno natural, e tendo en conta a climatoloxía podíamos adaptar zonas delimitadas nos parques infantís onde non chova, e crear tamén espazos para as e os que xa non sexan tan cativos (desde centros sociais, pasando por unha cobertura real de prazas nas psicinas públicas, ximnasios, polideportivos, etc.)

Fai falla unha política integral que faga posíbel e de xeito real compatibilizar un posto de traballo coa maternidade, a paternidade e o coidado de familiares dependentes. O estado de benestar non pode sosterse máis tempo coa entrega abnegábel das nais que abandonan o seu posto de traballo para criar aos fillos, fillas ou anciáns, nin sobre as avoas e avós que cumpren as funcións de pais e nais ante a ausencia destes. É preciso unha aposta decidida e real dos servizos públicos, así como a aplicación de medidas non illadas senón integrais, que den solución a este problema, atendendo ás singularidades das novas familias actuais no acceso ás axudas públicas (monomarentais, monoparentais, numerosas, formadas por dúas nais, por dous pais, etc.), e, por suposto, nun cambio de actitude que permita un reparto igualitario de todos os traballos entre homes e mulleres.