Breve guía do candidato/a


Que normas están de moda nas precampañas e campañas electorais? Que estilo, que tipo de mensaxes se levan? Como actúan os/as candidatos/as? Analizamos a documentación das campañas electorais dende 2004: xerais, autonómicas, municipais, presidenciais, etc. Resumimos, en forma de consellos aos candidatos, aquelas características que, con maior ou menor peso, estiveron presentes en todas elas:

I/ Supoña de antemán o apoio seguro dos seus votantes, único xeito de facer unha boa campaña, ter marxe de manobra, "frescura", capacidade de sorpresa, innovación. Céntrese en buscar boa imaxe en sectores alleos, aumenta votos e fai operar un "feedback" moi positivo nos seus votantes, mais reforzados con esas opinións inesperadas, que dirixíndose directamente a eles.

II/ Mellore o benestar anímico do candidato, eleve a súa autoestima, teña confianza cega nas súas posibilidades. Apártese de aqueles que entendan a axuda como aportacións ou correccións; só poden minar a súa moral. Autocrítica, pouca ou ningunha, tamén sería nociva. Arredor súa, só quen aporte positividade.

III/ Exerza de candidato, fágase notar, tanto nos mínimos detalles como nos grandes asuntos. Que non lle fixen os medios a axenda informativa; tente fixala vostede, opinando cando considere oportuno. Dé solucións en primeira persoa. Mostre certa superioridade sobre os demais candidatos. En entrevistas con colectivos, leve a voz cantante, deixando moi claro quen é o candidato.

IV/ Nunca diga nada que poida contrariar a algún sector do público. Recurso mais eficaz: as "políticas"; non é difícil atopalas para calquera asunto. Exemplo: si hai partidarios e detractores dos centros comerciais, diga con convencemento e enerxía, algo do tipo: "impulsaremos 'políticas' activas que favorezan ao comercio pensando nos intereses da cidadanía!".

V/ Trate de sorprender sempre aos seus potenciais receptores. Se todo o mundo ten posición tomada sobre un asunto, saia con propostas novidosas. Para a "sorpresa" ten dous recursos solventes. Solución clásica: concurso de ideas, grupo de expertos; mellor aínda, proposta aparentemente estudada, aínda que poida ser irrealizábel. O que importa á xente é se solución é boa, non a viabilidade.

VI/ Non se autolimite con prexuizos previos nin liñas prefixadas. Dígalle a cada quen, veciño ou xornalista, o que queira escoitar. Elimine respostas que parezan un "lugar común", por mais que sexan a verdade. Sempre hai que ir mais alá. Non tema posíbeis contradicións; se non llas fan notar, non existen; se as fan públicas, dánlle unha notoriedade beneficiosa.

VII/ Non se obsesione en dominar os asuntos nin en coñecer as situacións. A xente entende que se meterá a fondo cando sexa preciso; o exceso de coñecemento pode ser contraproducente. Agora ben, transmita seguridade, firmeza e capacidade de solución. Da unha imaxe moi boa: se é capaz a dar solucións ao pouco coñecido, que non fará co que domina.

VIII/ Utilice términos xenéricos polisémicos, polivalentes, como norma xeral. Reserve a linguaxe directa para algún asunto no que pretenda intelección masiva inequívoca. Non tema pasar por "empalabrado"; é preferíbel que o vexan como preparado e capaz. A percepción de inintelixíbel e ambiguo, corríxese con outros múltiples recursos.

IX/ Busque recursos innovadores. A opinión política dos asesores de imaxe e/ou de prensa debe ser fundamental; tamén a asesoría de imaxe dos seus compañeiros/as e dos seus amigos/as. Os asesores están absortos no seu labor e os compañeiros de organización demasiado centrados na política. Unha mistura, incluso unha substitución, aporta "frescura" e novos camiños.

X/ Transcenda as dificultades diarias e prosaicas derivadas da crise; non use o discurso do compromiso, da loita, de sufrir aínda mais. Vale para a militancia, non para a sociedade. Sintonice coa xente a través de obxectivos utópicos, irreais. Contra o pesimismo da razón, máximo optimismo da vontade, críe un ambiente de evasión ilusionante.

Pódese ver, e con razón, este decálogo como unha burla aos electores; o certo é que foron así as últimas campañas electorais, incluídas, en parte, as nosas. Se acreditamos que os votos se acadan con fume, estamos perdidos. Os demais sóltano de "coloríns" dende avións; nós só podemos a ras de terra, cegando e desorientando ao persoal.

As campañas teñen grande inercia, tenden a copiarse, a adaptarse. Servirá o anterior decálogo para romper esta inercia?. Evitaremos o erro de facer "campañas" ao uso?. Ás forzas do bipartidismo pode que lle vaian ben; para nós é o camiño mais recto para esnafrarnos.