Balbino e Frijolito. Como entender a lingua
21 de abril de 2010 (00:01 h.)
"Eu son...Balbino. Un rapaz da aldea. Coma quen dis, un ninguén. E ademais, probe. Porque da aldea tamén é Manolito, e non hai quen lle tusa". Así nos introduce Balbino, espello e representante de moitos nenos galegos, na obra Memorias dun neno labrego da autoría de Xosé Neira Vilas. Estamos ante unha das obras máis lidas, e non por iso máis e mellor coñecidas, da literatura galega, traducida a máis de dez linguas e que, hoxe en día, xa supera as dúas ducias de edicións.
Ao longo das súas follas atoparemos un enfoque crítico e realista, cunha evidente mensaxe didáctica e denunciadora das inxustizas e miserias do mundo rural galego da posguerra, que fixo de Memorias dun neno labrego un libro especialmente axeitado para unha crecente minoría de galegos e galegas que tomaban conciencia e partido na loita antifranquista e que facían do uso do idioma bandeira de nación e reivindicación.
Lonxe de análises máis propias dunha aula de literatura, e non sendo ese o meu cometido nestas liñas, o que fica meridianamente claro é que ese enfoque crítico e reivindicativo do meniño Balbino ten plena vixencia na actualidade. Con pequenas diverxencias, xa que, a día de hoxe, o “inimigo” do Balbino non é o Manolito (o refinado fillo do señor que lle tiña arrendadas as terras ao pai de Balbino), mais ben se podería chamar Frijolito que, coma el, representa á perfección o abuso de poder para lle buscar problemas ao Balbino. Xa non é subíndolle a renda das terras aos seus pais, é atacando directamente ao que é el, á súa lingua. Un neno galegofalante.
A lingua casa coa obra xa desde o comezo. É inocente que Neira Vilas dedique unha obra coma esta “a todos os nenos que falan galego”? Abofé que non. Os nenos aos que Neira Vilas dirixe esa dedicatoria poden ser desde os nenos que foron en stricto sensu “Balbinos” até os que hoxe pousan os seus ollos nas páxinas de Memorias para teren aldea, para coñeceren aos seus avós, para saberen quen foron os que mantiveron durante moitos anos a nosa cultura, a nosa lingua, os nosos costumes...
Con que valor os Frijolitos de hoxe nos din canto e en que pocentaxe usar a lingua cando nunca eles o fixeron? Como aqueles que buscan que os Balbinos sexan “mallados”, ou que nunca acaden o seu estatus, nos van dar leccións de “amor á lingua”?
Fica claro, na lingua, na Galiza, coma en Memorias dun neno labrego, ou es Balbino ou es Manolito (Frijolito en versión actual non o esquezamos) xa que son personaxes antagónicos. Así, falar de que en Galiza existen dúas linguas en presencia, en sentido puramente numérico é pueril, está á vista de todo o mundo. É coma que calquera persoa afirmase con carácter de descuberta que a inmensa maioría da poboación galega temos a pel branca. Mais esa non é a cuestión. A cuestión é se esas dúas linguas teñen a mesma categoría, a mesma visibilidade. A resposta é absolutamente clara e contundente a favor de que o español ocupa unha posición de hexemonía amplísima, e o galego, sendo a única lingua natural e nacional ocupa un posto de subordinación.
Se os bilingüistas actuais fosen benéficos, mesmo diría bilingüistas de verdade, o que terían que facer é aplaudir as cativas medidas que se puxeron en marcha a favor do galego en nome desa suposta igualdade procurada, dese fifty-fifty ideal que non ten tintes de ser real. Unha lingua úsase, ou non se usa. E deixémonos de contos. A admisión dun idioma só como unha riqueza cultural moi limitada é letal; se non se crea a necesidade do seu uso estamos dialectalizandoo e matando o seu carácter de lingua. E na política lingüística realizada até o de agora polo Goberno actual o único que houbo foron prácticas golpistas, boa mostra é o propio decreto 124/2007.
Nestas palabras deixo testemuña dunha obra que non podo esquecer, unha obra que compartillei con milleiros de pícaros de varias xeracións, con ou sen aldea, que un día coñeceron a Balbino e coñeceron a Galiza. Convídovos a que sexades Balbino todos os días, convídovos á loita pola dignidade da lingua, a terdes claro que lingua usaba Balbino e cal Manolito.
Balbino pasou moitos traballos, si, e bateron nel por non calar...mais, iso si, nunca esquezades que quen levou a pedrada foi o Manolito, perdón, Frijolito. Xa o dicía sempre Balbino (que, por certo, non vivía no Desván de los Monjes): “Que saben desto os nenos da vila!”.