Autoestima e beneficios
Cada día que pasa faise máis notorio o empeño en anular toda información sobre a nosa historia, en desprezar o coñecemento e valoración do noso patrimonio artístico, en ignorar a tradición e o esforzo colectivo, en todas as actividades, que nos identifican como pobo. O empeño gobernativo, tan descarado, é acompañado e reforzado, case sempre, polos medios de comunicación, públicos e privados, polo sistema educativo, por institucións e organismos de tipo cultural que se financian con cartos públicos, pola Igrexa católica, que tamén vive deles...Curioso un poder oficial, ao que parece molestarlle que a sociedade, o país que representa, exista como orixinal, específico, definido, diferente! Paradoxal autonomía, que consiste na constante negación de nós mesmos, arroubada polo síndrome da imitación e da adoración servil a unha idea de modernidade excluínte xustamente de todo o galego! Esta é a política dominante, a que se nos impón, ás veces coa manifesta indiferenza e resignación social, outras co rexeitamento e rebeldía de relevantes minorías, sempre co beneplácito suicida da ignorancia inducida ou a saña consciente de quen partilla un deseño aniquilador.
A forma como se organizou e desenvolveu a visita do Papa a Compostela o día 6 de novembro foi todo un síntoma desta concepción anuladora do país, de servizo a outras causas e intereses. Naturalmente, non imos xulgar agora, pois xa foi analizado con rigor e extensión no Terra e Tempo dixital, a gravidade, desde un punto de vista democrático, de que os poderes públicos actúen como confesionais dunha relixión. Tampouco imos analizar, nesta ocasión, a profunda crise de credibilidade que vive, en particular a Igrexa Católica, para as súas predicacións seren escoitadas con respecto. Imos pór de relevo o predominio absoluto dun discurso oficial - político e relixioso- caracterizado polo tópico do europeísmo cristiá, da peregrinación xacobea e da ritualidade tradicional romana, adobiado todo pola primacía dunha contextualización española. O resultado foi a inexistencia de Galiza, a marxinalidade total da súa lingua, e a focalización audiovisual absoluta na figura do Papa e os ritos relixiosos -a misa celebrada baixo o artificial pendello branco... Non faltaron, en boa lóxica, as pingas de propaganda bipartita española, con Raxoi e Feixóo, por unha banda, e Rubalcaba, pola outra. E, sobre todo, houbo unha desatención clamorosa ao grandioso patrimonio histórico artístico, a comezar polo interior da catedral, o seu Pórtico da Gloria, o Panteón de Reis..., da actual capital de Galiza, núcleo dun reino medieval de grande peso político e económico na Península Ibérica. Nin información nin valoración debida do que era noso, orixinal, valioso, en tantos aspectos, moito menos do que foi noutros tempos e do que é Galiza hoxe. En contraste, a transmisión desde a Sagrada Familia resultou unha constante exaltación da capacidade e do significado artístico da obra dun catalán, Gaudí, e da especificidade dunha sociedade con lingua e cultura propias. Como se comportaron os medios de comunicación españois, en particular os audiovisuais, á hora de dar relevo a un ou outro acto, Santiago ou Barcelona, á vista estivo, malia ser ano xacobeo. Quen tirou máis rendabilidade material, incluído o impacto turístico?
A diferenza, o contraste, está entre a marxinalidade e a submisión aniquiladora e o protagonismo e a autoestima. Non son nada partidario de comparanzas e menos de mitificar situacións alleas, con deficiencias e problemas notorios tamén. Mais ninguén dubidará de que en Catalunya é imposíbel escoitar de boca do Arcebispo de Barcelona o desprezo prepotente que o coengo da catedral de Santiago, Salvador Domato, exteriorizou sobre cal ía ser o uso da nosa lingua na visita papal, o mesmo día anterior, nunha entrevista de La Voz de Galicia. Estaba aborrecido do tema. Xa se sabe para a Igrexa compostelá era unha visita de Estado, de cariz relixioso, a un centro da España sagrada. O Sr. Montilla conversou en catalán co Papa e agasallouno cun libro sobre cultura catalá nesta lingua, en consonancia co interese do Arcebispado e da Generalitat por Catalunya e a súa lingua teren relevo, no contexto dunha visita de Estado. Feixóo preocupouse exclusivamente de servir á Igrexa española e ao seu partido, de tan afervoado españolismo e europeísmo católicos. Galiza e os seus intereses non teñen para el ningún peso. Coidan os comerciantes e a hospedaría santiaguesa que van optimizar con esta mentalidade os seus negocios?
Días máis tarde, no Parlamento de Galicia, o Sr. Rueda expresaba a súa rabia polo fracaso mobilizador das masas, que foi tan evidente que nin a mediática conivente puido ocultar ou obviar. Para compensar o resultante fiasco económico, após do prometido maná que a visita papal ía significar, o PP recorre aos impactos positivos a medio prazo. Teñamos a seguridade de que, coa súa forma de proceder, con tanta aniquilación e falta de autoestima, nada de positivo pode esperarse, precisamente nun campo tan material e continxente como o dos beneficios económicos. Non digamos dos mentais e sociais, ao cabo tan determinantes para a nosa saúde colectiva...